VI Premio Galicia Innovación Júnior

Orde do 5 de decembro de 2007 pola que se convoca o VI Premio Galicia Innovación Júnior.

A Constitución española, no seu artigo 44.2º, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Pola súa banda, o Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica-Incite (2006-2010).

De acordo coa Lei 12/1993, do 6 de agosto, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica-Incite (2006-2010) está integrado por tres tipos de programas: os programas horizontais, os programas xerais e os programas sectoriais. Dentro dos programas horizontais, o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2006-2010) conta con tres programas: o de Recursos Humanos (RHS), o de Articulación do Sistema Galego de Innovación (ART) e o de Comunicación e Sensibilización Social (CSS).

No Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, indícase que á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación lle corresponde, a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía de Galicia, así como o Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia; na Lei estatal 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e na Lei galega 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; así como a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

Para dispoñer dun sistema de ciencia e tecnoloxía avanzado é fundamental que a sociedade no seu conxunto sexa consciente da súa importancia, tanto pola incidencia que ten para o futuro económico do país como para a vida cotiá dos cidadáns. Para facelo posible, cómpre fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha percepción mellor das actividades de I+D+I e dos resultados que delas derivan. Así mesmo, debe promover a sensibilización social que faga posible un maior recoñecemento das actividades de I+D+I e dos seus resultados na sociedade.

Neste contexto, as actividades de divulgación e difusión da ciencia entre os cidadáns, e en particular entre os nenos/as e os mozos/as, son elementos centrais do Programa de Comunicación e Sensibilización Social. Por iso o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica-Incite (2006-2010) inclúe no seu Programa de Comunicación e Sensibilización Social, entre outras, diversas accións de sensibilización social nas cales se encadran os Premios Galicia Innovación Júnior.

Polo que antecede, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é convocar o VI Premio Galicia Innovación Júnior destinado a estimular o espírito creativo e a capacidade innovadora entre os mozos e mozas, valorando especialmente a aplicación de coñecementos adquiridos polos participantes na súa vida académica, consonte as seguintes bases:

Primeira.-Categorías.
O Premio Galicia Innovación Júnior, destinado aos mozos e mozas galegos/as de entre 12 e 18 anos, conta con dúas categorías:

-Mozos e mozas de 12 a 15 anos (ambos incluídos).
-Mozos e mozas de 16 a 18 anos (ambos incluídos).
Segunda.-Financiamento.
Os gastos relativos ao premio, que ascenden a un máximo de 21.500 euros, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.02.561A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Terceira.-Dotación.
Para cada unha das categorías, o Premio Galicia Innovación Júnior contará cun primeiro premio, un segundo premio e seis accésits, que estarán dotados do xeito seguinte:

-Primeiro premio: un ordenador portátil e unha cámara de vídeo dixital. Ademais, o primeiro premio de cada unha das categorías será sometido a unha consulta sobre a súa orixinalidade ante a Oficina Española de Patentes e Marcas. Se este informe resultase favorable e se existise interese en solicitar a patente por parte do seu autor, a Dirección Xeral de I+D+I, a través do seu Servizo de Propiedade Industrial, comprométese a asesoralo na redacción da solicitude de patente e a pagar a taxa de solicitude correspondente.

-Segundo premio: un ordenador portátil.
-Accésits: concederanse seis accésits por categoría, dotados cunha cámara de vídeo dixital.

No caso de que algún dos traballos premiados corresponda a un grupo de rapaces, o premio ou accésit consistirá en material electrónico, que se repartirá entre todos os autores do traballo, por un importe equivalente ao premio ou accésit correspondente.

Así mesmo, os profesores ou profesoras que lles prestasen axuda aos gañadores dos dous primeiros premios recibirán un Tablet PC, sempre que se acredite que o alumno, na elaboración da súa proposta, foi asistido polo profesor ou profesora.

Cuarta.-Beneficiarios.
Poderán optar a algunha das categorías indicadas do Premio Galicia Innovación Júnior aqueles mozos e mozas que se encadren nalgún dos seguintes puntos:

a) Rapaces e rapazas galegos ou residentes en Galicia de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.

b) Serán admitidas tamén as solicitudes presentadas por alumnos e alumnas matriculados no último curso de ensino secundario que teñan 19 anos no momento do peche da convocatoria, sempre e cando acrediten estar recibindo docencia nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderanse presentar traballos individuais ou en grupo (constituídos por un máximo de tres (3) membros, incluído o solicitante). No caso dos traballos en grupo, deberán designar un representante, que será o interlocutor/a válido/a para calquera notificación por parte da Administración, así como o asinante da instancia de solicitude.

Admitiranse un máximo de dúas propostas por participante (individual ou en grupo). Non se admitirán as solicitudes presentadas polos/as gañadores/as dos primeiros ou segundos premios de edicións anteriores, na mesma categoría.

Cada participante (individual ou grupo) só poderá optar a un único premio.
Quinta.-Solicitudes, presentación de documentación e prazo de presentación.
1. Solicitude.
a) Instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, debidamente asinada polo/a solicitante, consonte o modelo oficial PSS-06 que figura como anexo I desta orde (e tamén ao dispor dos interesados na internet no enderezo: http://www.conselleriaiei.org/ e http://www.galiciainnovacion.com/).

b) Declaración xurada, consonte o modelo que figura como anexo II, do cumprimento dos requisitos establecidos na base cuarta desta convocatoria.

-No caso de traballos en grupo, cada membro del deberá presentar unha declaración xurada.

-No caso de participantes menores de idade, a declaración xurada deberá vir asinada no seu nome polo/a pai/nai ou titor/a.

c) Copia do DNI, NIF ou documento equivalente de cada un/unha dos/das participantes.

d) Memoria do traballo presentado á candidatura ao premio na cal se proxecte e desenvolva unha idea que se traduza nun novo produto, servizo ou maneira distinta e innovadora de producir algo xa existente (unha copia en papel e outra en soporte CD en formato PDF ou Word).

-Nela deberase describir o produto, servizo ou proceso, argumentando a quen vai dirixido, a súa utilidade e a maneira de levar a cabo o que se proxecta.

-Deberá presentarse escrita a ordenador no modelo que se xunta a esta convocatoria (anexo III). Quedarán excluídas da convocatoria as solicitudes que presenten a devandita memoria en formato diferente ao indicado.

e) De ser o caso, copia do DNI, NIF ou documento equivalente do/a profesor/a que prestase axuda na elaboración da proposta. Neste caso, deberá xuntar tamén certificación acreditativa, emitida polo centro de ensino correspondente, de que pertence ao cadro de persoal do dito centro educativo.

2. Presentación de documentación.
Esta documentación, anexos e a copia en CD, presentaranse no rexistro da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da Xunta de Galicia, sita na rúa Feáns, 7, local C, CP 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Prazo de presentación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xaneiro de 2008.
Sexta.-Instrución do procedemento e tramitación.
Expirado o prazo de presentación de instancias, o órgano instrutor elaborará a listaxe provisional de admitidos e excluídos, así como a causa da súa exclusión. A lista exporase nos taboleiros da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e no enderezo web: http://www.conselleriaiei.org/.

Os interesados e interesadas poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos, perante a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, achegando, de ser o caso, a documentación necesaria no prazo de dez (10) días naturais.

Transcorrido ese prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Transcorrido o dito prazo, o órgano instrutor elaborará a listaxe definitiva de admitidos e excluídos. A listaxe exporase nos taboleiros da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e no enderezo web: http://www.conselleriaiei.org/.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no título IV das infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima.-Consentimentos e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e mais de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Oitava.-Órganos competentes.
A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da/s axuda/s establecida/s nesta convocatoria, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Novena.-Avaliación e selección.
Os traballos presentados que se axusten a esta convocatoria serán avaliados polo xurado. O proceso de avaliación e selección contará con dúas fases:

Primeira: o xurado preseleccionará os oito (8) mellores traballos en cada unha das dúas categorías. A listaxe de preseleccionados publicarase na páxina web http://www.conselleriaiei.org no prazo de corenta e cinco (45) días tras a fin do prazo para a presentación de solicitudes.

Segunda: a partir da publicación dos traballos preseleccionados na primeira fase, os seus titulares terán un mes de prazo para presentar o desenvolvemento da idea exposta na memoria presentada inicialmente a través dun bosquexo, maqueta, plano e/ou debuxo. A presentación farase no mesmo lugar que as solicitudes.

Paralelamente, as memorias que quedasen finalistas na primeira fase serán sometidas a unha consulta do Servizo Galego da propiedade Industrial (Segapi), que emitirá un informe sobre elas no prazo dun mes desde a publicación da listaxe dos traballos preseleccionados.

Finalizado o prazo dun mes de presentación do desenvolvemento das ideas expostas nas memorias inicialmente preseleccionadas e de emisión dos informes polo Segapi, o xurado efectuará a proposta de concesión de premios.

Artigo 2º.-Composición e funcionamento do xurado.
1. Composición.
O xurado do Premio Galicia Innovación Júnior será nomeado polo conselleiro de Innovación e Industria e estará formado polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, que será nomeado polo presidente e actuará con voz pero sen voto.

Vogais: seis vogais, distribuídos do seguinte xeito:
-Catro serán profesores ou profesoras de ensino secundario, pertencentes á área de ciencias e/ou tecnoloxía.

-Un técnico do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi).
-Un técnico do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Incite 2006-2010.

Ningún dos membros do xurado poderá ser solicitante-directa ou indirectamente- dos premios.

2. Funcionamento.
O xurado adoptará os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente no caso de empate. Os acordos do xurado serán inapelables.

Sen prexuízo do anterior, os premios poderán ser declarados desertos.
Artigo 3º.-Criterios de valoración.
O xurado terá en conta para a valoración dos traballos os seguintes criterios por orde decrecente de importancia:

-A orixinalidade da proposta.
-A súa utilidade.
-A posibilidade de aplicación práctica.
-O seu grao de desenvolvemento.
Artigo 4º.-Resolución.
A proposta de concesión emitida polo xurado elevaráselle ao conselleiro de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, para a súa resolución definitiva e publicación no Diario Oficial de Galicia; así mesmo, será obxecto de publicación no enderezo web http://www.conselleriaiei.org/.

Contra esa resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non seren resoltas no prazo de seis (6) meses, unha vez rematado o prazo máximo de presentación de solicitudes.

Artigo 5º
Os premios obxecto desta convocatoria, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 6º
A Consellería de Innovación e Industria poderá, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, divulgar os proxectos premiados, sen que isto supoña ningunha cesión ou limitación nos dereitos de propiedade do autor sobre eles.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Tramitación anticipada.
Esta convocatoria tramítase polo procedemento de gastos anticipados ao abeiro do establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de gastos; ten en conta as modificacións da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de novembro de 2000 (DOG do 20 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito axeitado e suficiente na/s aplicación/s orzamentaria/s citadas dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Segunda.-Recursos.
A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Tercera.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2007.
Fernando Xabier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria