O C.E de Galicia e as ANPAS traballarán no fomento da participación da comunidade educativa

                                                                            Santiago de Compostela, a 9 de xanerio de 2008

A vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia mantivo esta tarde un encontro cos representantes das Confederacións galegas de Asociacións de Nais e pais de Alumnos e Alumnas (ANPAs) para establecer bases de colaboración para promover a participación das familias no goberno e avaliación dos centros educativos a través dos consellos escolares e dinamizar as escolas de pais e nais como modelo de formación e como estratexia de participación.
O Consello Escolar de Galicia está a desenvolver desde xaneiro de 2007 o proxecto A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino, co obxectivo de dinamizar a participación e a colaboración de todos os compoñentes da comunidade educativa de cara a contribuír ao incremento do éxito escolar. No marco desta campaña, entre xaneiro e abril de 2007, o máximo órgano de participación e consulta en materia educativa organizou diversos encontros en 12 localidades galegas coa participación de preto de 2.000 persoas de todos os sectores da comunidade educativa. Ademais, en novembro de 2007 desenvolveuse na Escola Galega de Administración Pública unha xornada de formación á que asistiron preto de 300 persoas.

Durante o encontro, Milagros Blanco apuntou a importancia de incrementar a participación das familias nos procesos de elección dos seus representantes nos consellos escolares, así como fomentar a participación real do alumnado na organización e funcionamento dos centros escolares e a creación e dinamización dos consellos escolares municipais. A vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia fixo referencia ademais á conveniencia de dar a coñecer as boas prácticas que se están a desenvolver nos centros educativos galegos neste eido. Estes son precisamente os obxectivos da segunda fase do proxecto, que nesta ocasión leva por título A educación do século XXI: entre todos e para todos.
Neste marco, Milagros Blanco e os representantes das ANPAs sentaron as bases e as liñas de acción para a promoción da participación das familias na educación a través dos consellos escolares, así como para facilitar estratexias para a formación destes colectivos nos temas educativos máis demandados.
O Consello Escolar de Galicia xa deu un primeiro paso na posta en marcha desta segunda fase o 11 de decembro, cun encontro con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e do Consello da Xuventude de Galicia, no que estableceron liñas de colaboración para a promoción da constitución e dinamización dos consellos escolares e para o fomento da participación do alumnado galego da educación secundaria nos consellos escolares.
Outro dos obxectivos propostos nesta segunda fase é, a través das distintas Asociacións de Directores de centros de ensino non universitario de Galicia, analizar e coñecer as boas prácticas no funcionamento dos centros, e en particular dos consellos escolares, e establecer canles de comunicación entre todos os sectores representados nestes órganos de participación. Así mesmo, outra das prioridades desta segunda fase é, en colaboración cos representantes sindicais do profesorado e cos movementos de renovación pedagóxica, impulsar a consecución dunha escola democrática e participativa