Educacion convoca 1500 axudas para alumnado de ESO e Bacharelato e idiomas no estranxeiro

Deste total, 1.000 diríxense aos estudantes de secundaria, e 500 aos de bacharelato

A Administración educativa inviste máis de 2,4 millóns de euros nestas accións

Os estudantes de secundaria poderán participar en actividades programadas en Reino Unido, Irlanda e Francia

Os de bacharelato terán a posibilidade de facelo en países cuxo idioma oficial sexa unha lingua estranxeira de entre as que estean cursando

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixo pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 13 de marzo a convocatoria de 1.500 axudas para a realización de actividades de inmersión lingüística no estranxeiro, destinadas ao alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de bacharelato. A Administración educativa inviste máis de 2,4 millóns de euros nesta acción, que ten como obxectivo mellorar a competencia dos estudantes nas linguas estranxeiras que estudan, mediante formación nos países nos que se falan estes idiomas.

En concreto, Educación convoca 1.000 axudas dirixidas ao alumnado da ESO. Destas, 400 realizaranse no Reino Unido, outras 400 en Irlanda, e 200 en Francia. O programa de inmersión lingüística constará de tres quendas de estadías para dous ou tres grupos cada unha, que terán lugar desde finais do mes de xuño e nos meses de xullo e agosto, para grupos dun máximo de 50 alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer ao alumnado a oportunidade de aprender estas linguas nun contexto pedagóxico e lúdico, en inmersión.

O programa de actividades en Irlanda e Reino Unido comprende o aloxamento en familias seleccionadas da localidade; de 15 a 20 horas de clase semanais nun ambiente multinacional; 1 excursión de día completo a un centro de interese próximo; 1 excursión de medio día á semana; e un programa de actividades culturais e deportivas durante a tarde; libros e material escolar; e certificado de asistencia ao finalizar o curso. En Francia, os beneficiarios gozarán dun programa similar, coa diferenza de que o aloxamento poderá ser en residencia en cuartos dobres ou en familia.

Poderá optar a estas axudas o alumnado de 2º, 3º e 4º da Educación Secundaria Obrigatoria dos centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Ademais, os solicitantes ou, de ser o caso, os membros da unidade familiar, deberán ter domicilio fiscal en Galicia; realizar durante o curso 2006-2007 os cursos da ESO requiridos nesta convocatoria; e posuír unha avaliación positiva na área de lingua estranxeira. As persoas participantes nas estadías non poden ter solicitada nin concedida ningunha outra axuda para estadías no estranxeiro igual ou similar ás establecidas nesta orde de convocatoria.

Os gastos da viaxe, a docencia e as actividades complementarias, así como os de aloxamento e mantenza, serán financiados pola Consellería. As familias deberán aportar a cantidade de 100 euros, o que supón o 5% do importe total da estadía.


Bacharelato

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca ademais 500 axudas destinadas ao alumnado de 1º e 2º de bacharelato dos centros sostidos con fondos públicos, para actividades de formación no estranxeiro que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto en países cuxo idioma oficial sexa unha lingua estranxeira de entre as que está cursando a alumno ou alumna. O obxectivo é que estes estudantes poidan mellorar a súa competencia no uso de idiomas estranxeiros implantados no sistema educativo e estudados como primeira ou segunda lingua estranxeira.

Mentres que en secundaria o alumnado terá viaxe, estancia e docencia organizada; en bacharelato cada alumno deberá xestionar a súa propia viaxe. O importe de cada unha das axudas será de 1.100 euros. O 50% desta cantidade aboarase antes da realización da actividade, tras a publicación da resolución definitiva das persoas beneficiarias; e o 50% restante ao remate da estadía, unha vez xustificada a súa realización.

En ambas convocatorias, as persoas solicitantes deberán completar, on-line, a solicitude e anexos que se atopan na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle, ou ben presentar os anexos publicados no DOG debidamente cubertos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Os criterios de valoración que se terán en conta para a concesión das axudas son a renda familiar dos pais/nais dos solicitantes; así como as circunstancias familiares especiais.

Estas convocatorias réxense polos principios do programa de traballo Educación e Formación 2010 da Comisión Europea, que considera que a comunicación nunha lingua estranxeira é unha das competencias clave para a sociedade do coñecemento, e unha necesidade de primeira orde para o cidadán do século XXI. Ademais, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten en conta que a mellor maneira de chegar a esa capacidade de comunicación é nun proceso de inmersión no que a lingua vehicular sexa a lingua en proceso de aprendizaxe.