Agredir a profesores e médicos será un delito de atentado con penas de cárcere

Antes estes ataques considerábanse faltas ou lesións, pero en adiante pedirase prisión dun a catro anos para os autores.

O persoal médico e docente de Galicia dispón dende hai un mes de protección penal específica. Calquera agresión contra eles no desenvolvemento das súas funcións terá a consideración de "atentado" e ao autor, se se proba a súa culpabilidade, será castigado coa cárcere con penas que oscilan entre un e catro anos. Esta nova cualificación xa obra en poder de todos os fiscais da comunidade autónoma, a quen a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cursou un instrución para que en caso de ataques físicos ao persoal médico ou docente apliquen as novas penas.

Isto vai supor, segundo explicou onte o fiscal xefe do TSXG, Carlos Varela, que médicos, profesores, enfermeiros ou todos cantos desenvolvan unha actividade sanitaria ou educativa terán a mesma protección que ata agora se reservaba só aos membros das forzas de seguridade do Estado.

O argumento empregado para xustificar este cambio, en palabras de Carlos Varela, é que a sanidade e a educación son servizos públicos fundamentais cunha atención preferente na Constitución e que as persoas que desenrolven estes servizos "merecen a máxima protección no exercicio da súa actividade", posto que un ataque contra elas supón unha "grave perturbación do servizo público".

"Non se protexe a un funcionario polo feito de selo, senón que se protexe a toda persoa que desempeñe unha función pública no ámbito da sanidade ou da educación, sexa funcionario ou non", engadiu o fiscal xefe do TSXG.

Con respecto ao  pasado, a nova situación deu un xiro total. Ata decembro, agredir a un médico ou profesor era tipificado como falta ou lesión e polo xeral o asunto revolvíase cunha multa. "Só se a lesión era moi grave podería haber unha pena privativa de liberdade", precisou Carlos Varela.

O persoal médico e docente estará protexido polo artigo 550 do Código penal, que tipifica o delito de "atentado", e que ata agora estaba reservado para as forzas das seguridade.

En caso de agresión, este artigo prevé penas de cárcere que oscilan entre un e tres anos, que serían de dous a catro anos se o ataque se dirixe contra unha persoa que desempeñe unha función directiva, "como un director dun hospital ou dun colexio, un decano de facultade ou o reitor dunha universidadde", precisa Carlos Na varei.

Agregou o fiscal que ademais, ao delito de atentado sumaríase o de lesións, o que contribuiría a aumentar aínda máis as pena, aínda que este caso pola vía da indemnización, e xa serían dúas as infraccións a xulgar.