Parabéns a todos os gañadores

Fonte:Voz de Galicia

 

O Pazo da Cultura acolleu onte a festa da creatividades coa entrega dos premios da segunda edición do certame de relato curto convocado pola Federación Provincial de Pais e Nais de centros públicos de Pontevedra. Sen dubida, este concurso cumpriu os seus obxectivos de fomentar a creatividade dos rapaces, potenciar a expresión e comprensión escrita e estimular o uso do galego nas familias. Iso salta á vista ao comprobar a alta participación que tivo este concurso con 445 relatos presentados. Como sempre, os mais pequenos foron os máis comprometidos, xa que a categoría de primaria foi na que competiron maior número de traballos, seguida da de secundaria e con menos participación a de adultos e de bacharelato.

Do que se trataba era de traballar pola lingua en familia, de aí a participación dos adultos que conviven cos escolares, pais ou profesores. As autoras e autores finalistas, 100 en total, recibiron un libro publicado pola editorial Kalandraka con cada un dos seus relatos. E de entre eles o xurado nomeou un gañador en cada categoría. Un duro día no salvaxe Oeste, de Miguel Bouzas Rodríguez, do CEIP Cabanas, foi o galardoado en Primaria. En Secundaria o premio foi para Eugenia García Magaña, do IES Alobre de Vilagarcía, polo relato Quen di adeus non verá o mañá. En Bacharelato gañou Ricardo Rodiño Balboa, do IES Vilalonga de Sanxenxo, co seu relato Memorias de guerra. E na categoría de Adultos, o premio foi para Agás, de Roberto Antón Santiago, do CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra. Ademais da publicación dos seus relatos, todos eles recibiron un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka e unha lámina autenticada polo ilustrador Pablo Otero. Nesta festa da creatividade en familia participaron os concelleiros de Normalización Lingüística e de Educación, Demetrio Gómez e Agustín Fernández, xunto coa diputada Ana Isabel Vázquez, en representación das entidades colaboradoras, Concello e Deputación.