I Concurso Escolar de Debuxo “Calendario da natureza”


Co fin de promover o coñecemento da natureza galega entre os escolares, e baixo os principios fundadores da Sociedade Galega de Historia Natural: “Estudar, divulgar e defender o patrimonio natural galego” a delegación de Pontevedra da SGHN convoca o I Concurso Escolar de Debuxo “Calendario da natureza”.

Este concurso está destinado a todos os alumnos que cursen 5º ou 6º de Ensino Primario durante o curso 2014-2015 na provincia de Pontevedra e establécense catro primeiros premios correspondentes ás catro categorías de participación: Categoría “Primavera”, “Verán”, “Outono” e “Inverno”. As bases completas están dispoñibles na páxina web da SGHN:http://www.sghn.org/

O alumnado gañador de cada categoría recibirá un diploma acreditativo e un lote de iniciación á observación de campo: mochila, gorra, caderno de campo, lupa e pin SGHN de solapa. A mestra ou mestre coordinador da actividade do alumnado premiado recibirá un pin de solapa da SGHN. Os centros escolares do alumnado premiado recibirán un lote de publicacións da SGHN para a biblioteca escolar e un diploma acreditativo.