Introdúcese a segunda lingua estranxeira en 1º e 2º de ESO

– O decreto que regula as ensinanzas da ESO na Comunidade galega foi aprobado onte, día 5, polo Consello da Xunta

– Educación para a cidadanía e os dereitos humanos impartirase no 2º curso

– Entre as novas materias tamén se inclúe a optativa Taller de iniciativas emprendedoras, destinada a potenciar a capacitación para a o exercicio de actividades profesionais e a participación activa na vida económica

– Os centros elaborarán un proxecto lector e un plan de integración das tecnoloxías da información e a comunicación no ensino

– Na etapa da Educación Secundaria Obrigatoria prestarase especial atención á orientación educativa e profesional dos estudantes

O Consello da Xunta vén de aprobar o decreto polo que se regulan as ensinanzas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) na Comunidade Autónoma de Galicia. O currículo que se establece neste decreto ten como obxectivo contribuír ao logro dos principios básicos da Lei orgánica de educación (LOE) que apuntan á calidade de educación para todo o alumnado; equidade que garanta a igualdade de oportunidades; e esforzo compartido por todos os compoñentes da comunidade educativa.

Como novidade, incorpóranse ao currículo da ESO as competencias básicas, entendidas como a capacidade de poñer en práctica de forma integrada, en contextos e situacións diversos, os coñecementos, as habilidades e as actitudes persoais adquiridas. Así, o concepto de competencia inclúe tanto os saberes como as habilidades e as actitudes e vai más alá do saber e do saber facer, incluíndo o saber ser ou estar.

Deste xeito, a incorporación de competencias básicas ao currículo permite poñer o acento naquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles desde unha formulación integradora e orientada á aplicación dos saberes adquiridos. As competencias básicas son aquelas que debe desenvolver un mozo ou unha moza ao finalizar o ensino obrigatorio para poder lograr a súa realización persoal, exercer a cidadanía activa, incorporarse á vida adulta de xeito satisfactorio e ser capaz de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

En concreto, as materias do currículo da ESO permitirán o desenvolvemento de oito competencias básicas: competencia en comunicación lingüística, competencia matemática, competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico, tratamento da información e competencia dixital, competencia social e cidadá, competencia cultural e artística, competencia para aprender a aprender, e autonomía e iniciativa persoal.

Neste senso, a finalidade da ESO consiste en acadar que o alumnado adquira os elementos básicos da cultura, especialmente en aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar hábitos de estudo e traballo; preparalo para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral; e formalo para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns e cidadás. Así, na Educación Secundaria Obrigatoria prestarase especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado, tendo o cuarto curso carácter orientador, tanto para os estudos postobrigatorios como para a incorporación á vida laboral.

Novidades nas materias

No currículo da ESO incorpórase a materia de Educación para a cidadanía e dereitos humanos en 2º curso, que se distribuirá en cinco bloques nos que se tratarán contidos relativos aos problemas actuais, analizando as informacións proporcionadas por distintos medios de comunicación; as relacións interpersoais, a convivencia e a participación; os deberes e dereitos dos cidadáns; a democracia e a cidadanía; e a diversidade social e cultural.

Ademais, impartirase a segunda lingua estranxeira a todo o alumnado en 1º e 2º curso, co cal pasa de ser optativa a ser obrigatoria. Por outra banda, as materias de Informática e Latín aparecen no 4º curso como materias troncais optativas; e a materia de Matemáticas poderá presentarse en dúas opcións, A e B, en función do carácter terminal ou propedéutico, no 4º curso.

Inclúese tamén unha nova materia denominada Taller de iniciativas emprendedoras, de oferta obrigada para os centros e que poderá ser cursada en 3º ou 4º curso, e que persegue potenciar a capacidade dos alumnos e alumnas para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor, así como a capacitación para o exercicio de actividades profesionais e para a participación activa na vida económica.

Organización dos cursos da etapa

En canto á organización e a distribución horaria dos catro cursos da ESO, o decreto que regula estas ensinanzas establece que en cada un dos tres primeiros cursos todo o alumnado cursará as seguintes materias: Ciencias da natureza; Ciencias sociais, xeografía e historia; Educación física; Lingua galega e literatura; Lingua castelá e literatura; Primeira lingua estranxeira; e Matemáticas. Ademais, no primeiro curso, o alumnado cursará a materia de Educación plástica e visual e Segunda lingua estranxeira; e realizará un proxecto interdisciplinar. No segundo curso, o alumnado tamén cursará Música; Educación para a cidadanía e os dereitos humanos; Tecnoloxías; e Segunda lingua estranxeira.