Como se xustifican as faltas de asistencia

Aclaración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa sobre a xustificación das faltas de asistencia do alumnado por motivo de asistir a consulta médica, enfermidades ou indisposicións

(27/10/2023)

Ante as consultas recibidas por parte dos centros, das familias e do propio Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en relación á forma de xustificar as faltas de asistencia do alumnado en idade de escolarización obrigatoria por mor de asistir a consulta médica, enfermidades ou indisposicións, e mentres non se actualiza e publica o novo protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia, estímase conveniente realizar as seguintes aclaracións:

  1. As nais, os pais e as persoas titoras ou gardadoras legais son as persoas responsables de comunicar previamente, sempre que sexa posible, a ausencia a clase da alumna/o. En calquera caso, as faltas de asistencia débense xustificar perante o profesorado titor de xeito documental e nun prazo máximo de dous días lectivos desde que se produza a reincorporación ao centro.
  2. Os centros educativos prestarán especial atención a aquelas ausencias que teñan lugar e que non foran comunicadas previamente, co obxectivo de evitar que se dean casos en que a alumna/o quede sen supervisión de persoas responsables. Cada centro establecerá nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia (NOFC) como efectuarán estas comunicacións inmediatas.
  3. Tanto a comunicación das ausencias como a xustificación das faltas pode realizarse a través de medios físicos ou dixitais -Abalar móbil ou outros medios-.
  4. Xustificaranse as faltas de asistencia tendo en conta o recollido na seguinte táboa:

CausaXustificación
Asistencia a consultas médicas,
enfermidades e/ou indisposicións
leves da alumna/o.
Xustificante escrito e asinado pola nai, o pai ou a persoa titora ou gardadora legal.
Non é necesario achegar xustificante médico.
No caso de que o centro considere que a falta de asistencia por este motivo no está suficientemente xustificada por se producir de forma recorrente e continuada no tempo, excedendo dos 4 días ao mes, o centro poderá solicitar unha xustificación complementaria ás nais, aos pais ou ás persoas titoras ou
gardadoras legais.
Enfermidades ou doenzas crónicas
do alumno/a que impliquen faltas
de asistencia de forma periódica.
Informe médico que terá validez como máximo por un curso
académico.
Accidente, enfermidade grave ou
falecemento de familiares de ata
segundo grao: máximo 4 días por
suceso.
Xustificante escrito e asinado polas persoas titoras ou gardadoras
legais.

Polo tanto, cando unha alumna ou un alumno falta a clase por mor de asistir a consulta médica, enfermidade ou indisposición será a nai, o pai ou a persoa titora ou gardadora legal quen xustifique documentalmente a falta de asistencia; non sendo necesaria a presentación dun xustificante médico.
O centro soamente solicitará unha xustificación complementaria no caso de que a inasistencia a clase por este motivo se produza de xeito continuado no tempo e para a cal o centro non dispoña de información suficiente permita a súa xustificación.

Comentarios0

Deixa unha resposta