Axudas para proxectos de innovación para un uso educativo

Orde do 5 de maio de 2008 pola que se convocan axudas para a realización de proxectos de innovación para un uso educativo das tecnoloxías da información e a comunicación para o curso 2008-2009 e se aproban as súas bases de concesión.

As consecuencias do novo escenario educativo para os currículos escolares e para as prácticas educativas son evidentes. As áreas e materias non son o único modo de contribuír ao desenvolvemento e adquisición de competencias básicas; tamén contribúen a este obxectivo as accións que se levan a cabo ao redor da organización escolar, a acción titorial e a concepción e desenvolvemento das actividades complementarias e extraescolares, entre outras.

Esta orde, que regula a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de innovación para un uso educativo das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), recolle a política da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para favorecer o acceso e emprego das devanditas tecnoloxías, en igualdade de condicións para toda a poboación escolar e o apoio ao desenvolvemento docente, nas vertentes pedagóxica e didáctica, que demanda novos perfís profesionais que supoñen un desafío constante e crecente cara ao concepto da aprendizaxe ao longo de toda a vida.

Entendendo que o propósito final é que o alumnado, co apoio do seu profesorado e demais axentes educadores:

a) Aprendan a pensar, a usar procesos creativos, críticos e reflexivos que lles permitan, por exemplo, cuestionar a información recibida, xa sexan experiencias e/ou ideas.

b) Adquiran un coñecemento global e contextualizado dos temas de ensino, integrando as aprendizaxes, relacionándoos cos contidos curriculares das diversas áreas e materias, asumíndoos de maneira que sexan transferibles e aplicables en diversas situacións e contextos de ensino-aprendizaxe.

c) Aprendan a convivir, participando activamente nun mundo globalizado, interrelacionado e cambiante.

d) Adquiran unha formación ética, que se obtén, alén dos contidos dunha área ou materia, mediante un exercicio constante de reflexión e práctica democrática.

DOG 15/05/08