Axudas para o financiamento dos servizos de comedores escolares xestionados polas ANPA

Orde do 22 de agosto de 2008 pola que se establecen as bases e se convocan axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos non universitarios dependentes desta consellería para o curso académico 2008-2009.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar axudas económicas para as asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as legalmente constituídas, que xestionan comedores escolares en centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) Custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor así como, se é o caso, o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades persoais como complemento ao servizo de comedor, que irá incluído no prezo, durante o curso académico 2008-2009.

b) Gastos correntes en que incorran as asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as como consecuencia da xestión do comedor, cun máximo do 2% do importe total da axuda concedida e sen que, en ningún caso, a citada porcentaxe supere os 1.500 euros.

c) Gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de atención ao alumnado con necesidades específicas.


Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

1. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinarase 1.000.000 de euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.423A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa seguinte imputación por anualidades:

-427.008 € con cargo á anualidade do ano 2008.

-572.992 € con cargo á anualidade do ano 2009.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, ben que o importe da subvención concedida en ningún caso poderá, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 3º.-Actividade subvencionable.

As axudas poderán sufragar ata un máximo do 50% do custo do servizo de comedor do centro escolar correspondente. Para iso terase en conta o orzamento que o/a solicitante debe achegar no momento de presentar a súa solicitude, que deberá reunir os requisitos establecidos no artigo 5 a) desta orde e axustarase ao modelo incorporado como anexo II.

A concesión das axudas está subordinada á existencia de crédito axeitado e suficiente, tendo como límite o fixado no artigo 2.1 desta orde.

No caso de solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía e percibirán, se é o caso, a axuda cos límites expresados no artigo 2.2.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben presentasen a correspondente solicitude de inscrición e que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor no centro escolar correspondente ou solicitasen a autorización de apertura e funcionamento deste.

Para tal efecto, entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización directa del ou que subscribise o correspondente contrato de prestación de servizos. Neste último suposto, observarase ademais o disposto no artigo 5 desta orde.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que, por non existir as instalacións axeitadas no centro escolar correspondente, xestionen o servizo de comedor escolar nun local hostaleiro próximo ao centro escolar, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións axeitadas de seguridade viaria no desprazamento dos alumnos ao establecemento hostaleiro.

b) Que o local hostaleiro onde se preste o servizo de comedor escolar sexa o mesmo durante a totalidade do curso académico 2008/2009.

c) Que o prezo dos menús contratados co citado local non supere os 6 euros por comensal e día, IVE incluído.

3. Poderán acollerse a esta orde as actuacións que se vaian realizar que se describen no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2008/2009.

Artigo 5º.-Subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios.

1. En atención á natureza da actividade obxecto de subvención todos os beneficiarios quedan autorizados para subcontratar con terceiros a execución total ou parcial das actividades relativas á xestión dos respectivos comedores escolares.

2. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

3. Ademais do disposto anteriormente, os beneficiarios deberán cumprir coas previsións e obrigas sinaladas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, subscrita polo representante legal da entidade solicitante, achegaranse coa seguinte documentación:

a) Orzamento do custo do servizo de comedor segundo modelo que figura como anexo II.

b) Memoria explicativa en que se detalle o carácter continuado e non ocasional do servizo, con indicación expresa do ano/curso de inicio deste así como o programa de promoción da saúde e habilidades persoais.

c) Certificación do acordo do órgano competente da entidade solicitante polo que se decide solicitar a axuda.

d) Relación de asociacións de nais e pais de alumnos/as que formen parte da federación ou das confederacións, se é o caso, e que realicen a actividade de comedor escolar.

e) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, outras axudas para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos, con indicación do número de alumnos/as que serían beneficiarios/as desas axudas (anexo III).

f) Certificación bancaria a nome da entidade solicitante, na cal conste o número de conta en que se ingresaría o importe da axuda.

g) Copia do CIF da asociación, federación ou confederación correspondente.

h) Declaración de non concorrer no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, e de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición sinaladas no artigo 10.3º da antedita lei, segundo o modelo que se incorpora como anexo V.

2. Non será preciso achegar os documentos a que se fai referencia nas alíneas f) e g) deste artigo, sempre e cando estean xa nos rexistros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Neste caso, non deberán ter transcorrido máis de cinco anos desde a presentación da documentación para a que se pretenda facer valer tal efecto, e o interesado deberá indicar a data e o órgano ante o que a presentou.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

1. As solicitudes e demais documentación poderanse presentaran no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano s/n, 15780 Santiago de Compostela; así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Instrución do procedemento.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo de Recursos Educativos Complementarios realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta orde, a normativa xeral e específica de subvencións e de acordo coas normas de procedemento administrativo común.

O órgano xestor examinará a documentación presentada polos solicitantes e, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos que sinala o artigo 70 desta lei e os exixidos na propia orde de convocatoria, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, terase por desistido da súa petición logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

DOG 1/09/08