As razóns das diferenzas entre o ensino público e privado

Recollen os medios de comunicación o recurso ante os Tribunais das Asociacións de Pais e Nais (ANPAs) do ensino privado concertado por quedaren excluidos da convocatoria de axudas as ANPAs que xestionan comedores escolares en centros públicos. Baixo o argumento da liberdade de elección de centro semella quererse atopar nesta exclusión unha suposta discriminación. Non hai tal discriminación e razóns políticas e xurídicas avalan sólidamente a decisión do Goberno galego de apoiar as ANPAs do ensino público.

Políticamente resulta claro que a acción de goberno da dereita aplicada de xeito implacable polos sucesivos executivos do PP favoreceu o crecemento do ensino privado nas súas diversas modalidades. Este crecemento debeuse, en grande medida, aos servizos complementarios (transporte con acompañante, comedores, actividades extraescolares) que os "arriscados" empresarios privados podían ofertar unha vez que o ámbito estrictamente educativo estaba sostido grazas ao financiamento concertado. As necesidades familiares de contar con eses servizos inclinaron gradualmente a balanza cara os centros privados que non era quen de compensar a maior calidade do ensino público ou a máis alta cualificación do seu profesorado.

Por iso debemos loubar e agardar unha pronta universalización das medidas adoptadas para mellorar o transporte escolar; dotalo de acompañantes de xeito que poidan viaxar nel os nenos e nenas desde os tres anos –"fidelizando" a futuros estudantes das etapas obrigatorias; apoiar os comedores escolares; ou a organización de actividades extra-escolares. Todas esas accións contribuen a reforzar con servizos complementarios as claras avantaxes educativas que ofrece o ensino público. Como presidenta dun ANPA dun Colexio público saudo esas iniciativas pero agardo que sexan tan só os primeiros chanzos dunha escada na que cada vez menos dependa do esforzo voluntarista de pais e mestres o sostemento deses servizos.

Xurídicamente a crítica das ANPAs dos centros privados resulta insostible. Xa hai anos que o Tribunal Constitucional estableceu que a libertade de elección educativa dos pais e nais non leva aparellados dereitos prestacionais (como podería ser a subvención dos custos de transporte ou comedor ocasionados pola elección realizada). Ademáis é consustancial a toda medida de subvención a elección de necesidades que se consideran de apoio preferente en función dos intereses xerais e que, inevitable e lexítimamente, dada a limitación dos recursos públicos, deixan á marxe outras demandas que, políticamente, se consideran menos precisadas do sostén público (asi, por exemplo, unha medida de apoio ás mulleres, non discrimina aos homes; nin unha axuda ao sector audiovisual debe incluir tamén ao sector pesqueiro).

O dereito a unha educación de calidade na rede pública debe ser garantido de forma universal e nunha sociedade avanzada ese dereito ten que ir acompañado dunhas prestacións complementarias sostidas pola Administración pública e profesionalizadas na súa organización. Non parece razoable, pola contra, que quen fai escollas en favor do ensino privado pretenda que estas sexan sostidas íntegramente con cartos públicos mesmo cubrindo os servizos complementarios.

Un artigo de: Alba Nogueira López
Publicado en www.vieiros.com