Declaración sobre a decisión do Parlamento de Galicia en contra da figura da enfermería escolar

O partido En Marea (Grupo Mixto) defendeu en debate no Parlamento galego a Proposición non de Lei de iniciativa cidadá para o recoñocemento e regulación da figura da enfermería escolar en Galicia.

Os obxetivos finais da PNL expóñense nos seguintes tres puntos:

  1. Recoñecer e regular a figura da enfermería escolar na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Promover un acordo entre as consellerías competentes en materia de educación e sanidade para determinar a cobertura da enfermería escolar nos centros educativos sostidos con fondos públicos.
  3. Para a execución partirase da realización dun estudo sobre o número de nenas e nenos con doenzas susceptibeis de precisar atención sanitaria de xeito permanente en horario escolar, co obxecto de establecer o número de profesionais precisos para atendela, e na súa regulación promover o desenvolvemento dun programa de asistencia e educación sanitaria escolar coa dotación de persoal axeitada.

Os partidos políticos votaron o mércores 5 de febreiro, coa maioría de votos EN CONTRA, coa seguinte distribución:

  • A Favor dos tres puntos: Grupo Mixto (En Marea) e PSOE
  • A Favor dos puntos 1 e 3 con abstención do punto 2: Común da Esquerda e BNG
  • En contra dos tres puntos: PP

A iniciativa presentada no Parlamento conta co apoio da sociedade galega cun total de 32.210 sinaturas.

O obxectivo final da implantación desta figura é a atención dos nenos con necesidades sanitarias (enfermos crónicos de diabetes, epilepsia, asma, autismo, TDH ou alteracións puntuais da súa saúde) no horario escolar, o cal permite unha mellor conciliación familiar e control de enfermidades; así mesmo pode permitir incluír a educación sanitaria na escola (formación en RCP, promoción hábitos saudábeis, educación sexual..). Aspectos todos que repercuten positivamente no conxunto da sociedade en termos económicos, medidos en gasto sanitario que se reduce co mellor control das doenzas crónicas e reducción de episodios de crise que requiren asistencia a urxencias (crises epilépticas, descompensacións metabólicas..), aumento da productividade laboral dos proxenitores e do profesorado.

As asociacións que apoian e traballaron por esta causa do ámbito educativo e sanitario:

  • Federación Galega de Diabetes
  • Unión Galega de Epilepsia
  • Federación Autismo Galicia
  • Asociación de Déficit de Atención Hiperactividade e Necesidades Específicas de Apoio Educativo
  • Asociación Bicos de Papel
  • Asociacións de Nais e Pais (CONGAPA e CONFAPA)
  • Colexio de Enfermería da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra
  • Escolas Católicas
  • ANPE Sindicato Independente de Galicia

agradecen o traballo realizado polo Grupo Mixto do partido En Marea na defensa desta figura e no intento de buscar consenso no seu apoio.

Entendemos que é unha causa de XUSTIZA SOCIAL equipararnos a outras CC.AA. como Madrid, Extremadura ou Castela e León.

Esperamos que os que votaron en contra desta PNL muden de parecer e entendan que investir en saúde e educación é algo que nos fai medrar como sociedade. Galicia debe situarse na vangarda, non quedarse atrás respecto doutras comunidades autónomas.

Nota para prensa:

Para calquera dúbida contactar con Maite Peña Fernández Teléfono: 609200323/ Mail: mai.pf@hotmail.com

Comentarios0

Deixa unha resposta