Rogelio Carballo sobre o principio de inverno “Nun ambiente inadecuado non se pode manter o mesmo nivel de concentración nin de actividade”

“A covid puxo de manifesto a obsolescencia dos centros educativos”

(Reprodución da entrevista feita por Diario de Pontevedra ao noso presidente Rogelio Carballo este pasado domingo 13 de decembro do 2020 ás portas da finalización destre primeiro trimestre)

Rogelio Carballo. G.G. (ARQUIVO)

Os efectos da pandemia nas aulas so demoledores: falta de compromiso coa dixitalización e cos colexios rurais 

Unhas 180 Anpa de centros educativos públicos da provincia de Pontevedra -a maioría pertencentes ao municipio capitalinoestán federadas na Fanpa, que preside Rogelio Carballo desde 2014. A súa intención é deixar o cargo, pero “non sabemos cando se poderá facer a asemblea, que xusto estabamos preparando en marzo. Ten que ser presencial e, de momento, non temos espazos para facela nin podemos correr o risco sanitario de xuntar a tantas persoas”, explica. Ademais, desde 2017 preside tamén a confederación galega de federacións de ANPA, Confapa.

Tres meses despois do inicio do curso, pódese dicir que a incidencia da pandemia da covid-19 nos centros educativos non foi tan grave como se temía nun principio?

Como valora a situación? A incidencia da enfermidade non foi tanta como se pensaba, pero tampouco temos datos obxectivos para aseguralo. As únicas noticias que temos sobre incidencia nos centros veñen a través da prensa, pero a Consellería non as facilita. Parécenos boa a decisión de facer cribados en Bacharelato, pero tamén se tiñan que facer en Secundaria e Primaria, e máis frecuentes. Outra cousa é como está afectando a situación ao sistema educativo. En termos de continuidade e desenvolvemento do curriculum non hai grandes incidencias, exceptuando as substitucións de profesorado, pero en canto á calidade ambiental temos unha evidente preocupación.

Chega o inverno e hai que compatibilizar as ventás abertas coa calefacción e o confort nas aulas. Como se vive esta circunstancia?

Agora si que estamos entrando no inverno e non podemos manter estas aulas permanentemente abertas sen ningún tipo de medida. Isto está poñendo de manifesto a obsolescencia dos centros educativos, edifi cios que se puxeron en marcha hai 40 ou 50 anos cunhas normativas completamente superadas pola normativa edificatoria vixente. Centros que non teñen sistemas de climatización nin ventilación. A única solución é ter as ventás abertas de par en par. Parece que os rapaces foron esquiar en vez de á clase. Non se pode manter esa dinámica.

A Ley Celaá tampouco permitirá ao alumnado desenvolver competencias para adaptarse ao contorno laboral tan cambiante

Reciben queixas das familias neste sentido, de que o alumnado teña que ir excesivamente abrigado?

Evidentemente. Nun ambiente inadecuado non se pode manter o mesmo nivel de concentración nin de actividade. Para nós é unha preocupación o que vai pasar a partir de agora. Tivemos un outono cálido pero agora vai ser difícil manter as ventás abertas.

Como valora a negativa da Consellería a instalar nas aulas os filtros Hepa que evitarían a ventilación continua a través das fiestras?

É unha irresponsabilidade da Consellería. Cando o CSIC emite un informe no que recomenda o fi ltrado do aire a través de fi ltros Hepa a dicir que non… Tan sequera rebátemo cun informe asinado por xente do mesmo prestixio e científi co que o CSIC. A cuestión está en que o filtrado tense que facer con máquinas moi caras, filtros moi caros e mantemento moi caro. Non se pode facer cunha maquiniña de 60 euros.

É dicir, que todo se reduce ao tema económico?

Coma sempre.

Unha das polémicas do verán, dentro do constante vaivén dos protocolos dos centros, foi a xestión dos comedores escolares. Que resultado están dando as medidas de seguridade e hixiene aplicadas?

Os comedores e plans madruga están funcionando, é certo que con menos afl uencia que outros anos. É un barómetro do nivel de desconfianza que teñen as familias sobre a incidencia da covid e ata certo punto o nivel de precaución que temos todos. As familias que mandan aos fi llos ao comedor escolar son aquelas ás que non lles queda máis remedio, por conciliación laboral ou familiar. Tamén é certo que a a baixada de usuarios ten que ver con esa responsabilidade das familias e coa súa situación económica, por estar en ERTE ou no paro. É un síntoma da precariedade social nestes momentos. Haberá que ter en conta este descenso de usuarios para planifi car nun futuro e establecer a viabilidade dalgún deles este curso. Non hai economía que soporte un plan madruga con só dous nenos. Ata agora, por sorte, non tivemos practicamente incidencias covid nos comedores; as medidas están sendo efi caces.

En caso de confinamento xeral ou os que está habendo de aulas concretas, están preparadas as familias e o sistema para a educación telemática. Avanzouse algo desde o confinamento?

Nada. Non se avanzou nin se dixitalizou o máis mínimo o sistema educativo. Está igual que o 14 de marzo, ou peor aínda. Demos pasos atrás porque o que se está dixitalizando estase facendo mal, sen ter en conta a necesidade de cambiar metodoloxías. Os rapaces de Primaria tampouco teñen o nivel informático para manexarse nas aulas virtuais nin o sistema axuda a que sexa intuitivo. Entendo que mover todo o trasatlántico da Administración leva tempo. Pero non se pode plantexar un protocolo para dixitalizar nun mes.

A educación telemática está no mesmo punto, ou peor, que o 14 de marzo; o que se dixitalizou fíxose mal, sen cambiar metodoloxías

Vén de aprobarse no Congreso -agora irá ao Senado- a reforma da Lomloe (Ley Celaá). Que soluciona? Que eivas ten? Será a lei de educación definitiva?

Evidentemente non vai ser a definitiva. Para o meu fillo de 15 anos será a terceira lei educativa antes de rematar a educación obrigatoria. E o pequeno, de dez anos, seguramente verá unha cuarta lei. É completamente inaceptable. Esta lei ten cousas boas, como volver atrás en temas como a non participación das familias nos consellos escolares; existe unha liberdade de educación recoñecida da Constitución, pero tampouco quere dicir que se poida educar en valores anticonstitucionais e poñer condicións aí é algo bo, sufragar iso con cartos públicos non tiña ningún sentido. Pero, por outra parte, é unha lei que nace sen consenso e polo tanto ten data de caducidade. Unha enquisa do Foro Económico Mundial a empresas británicas sobre a evolución do emprego de aquí a 2025 desvelou que un 43% dos empregos de media e alta cualificación van desaparecer. A idea dunha profesión para toda a vida vai desaparecer. En que sentido esta lei permitirá ao alumnado desenvolver habilidades e competencias para adaptarse a ese contorno? En nada. Esta lei non resolve o problema fundamental do sistema educativo: dar ferramentas para o desenvolvemento persoal nun contorno tan cambiante. Non hai ningunha refexión sobre como debemos reclutar novo profesorado, que debemos modificar no sistema educativo para adoptar metodoloxías de ensino para do – tar destas competencias… Esta lei sabe o que non quere, pero non o que quere.

Que opina das protestas das familias dos centros concertados?

Mentres non se modifique a Constitución recoñécese o dereito á liberdade de educación, rexida polo dereito a que o Estado non teña o monopolio sobre o sistema educativo a pesar de que a educación siga sendo gratuíta nesas circunstancias. Por que? Porque todos temos unha idea do perigoso que podería ser que nun determinado momento o Estado teña o monopolio. Pero neste debate todo se sustenta nunha discusión amparada noutras cuestións. Entendo que a lei defenda que non se poida pagar con cartos públicos un sistema educativo que directamente viola ideas constitucionais tan fundamentais como a igualdade entre as persoas independentemente do seu xénero.

A Fanpa vén apoiando á ANPA da EEI de Verducido, que acaba de perder Primaria, aínda que a xustiza acabou dándolle a razón ás familias que denunciaron. Que debería pasar agora con este centro?

O que pasou en Verducido concérnenos porque apoiamos economicamente á ANPA para soster o recurso contencioso e compartimos que esta forma de cuantificar o mínimo de alumnos dunha escola rural sen contar cos beneficios que produce está mal. Estamos pedindo á sociedade que aposte polo rural pero pechamos escolas. Hai un desequilibrio tremendo entre o rural e o urbano en Galicia e cuantificamos orzamento a un ano vista. É un prexuízo intolerable. Para nós é fundamental que esa escola se manteña aberta e coas unidades que tiña [dúas en Infantil e unha en Primaria]. O problema que se plantexa é que a sentenza que nos dá a razón e que demanda á Xunta que manteña Primaria aberta di que non existiu procedemento administrativo para o peche. Iso destrúe liberdades fundamentais como o da elección de centro. Congratulámonos dese toque de atención. Que problema temos? Que agora [tres meses despois de iniciarse o curso] é difícil desfacer eses prexuízos. Estamos afeitos a setenzas que non se poden executar porque chegan tarde. Executar esta supón máis danos que beneficios. Condenaría a desfacer a integración destas catro rapazas noutras escolas e volver atrás. Primeiro a Administración condénate e cando a Xustiza che dá a razón, sen ter asumido medidas de emerxencia, non vale para nada. É unha total indefensión. A sentenza sácalle as cores á Administración pero ao mesmo tempo condena ás familias a unha situación inxusta. É fundamental que se aposte pola escola rural.

Comentaba anteriormente que os centros educativos quedaran obsoletos. Cales son as principais necesidades nos de Pontevedra?

Os centros necesitan unha auténtica posta ao día, tanto en dotacións tecnolóxicas como en infraestuturas. En 2017 rematou a segunda prórroga para adaptar todos os espazos de uso público para persoas con discapacidades de mobilidade, sensoriais… Agora mesmo cantos centros hai que non teñen nin ascensor? É un incumprimento manifesto da lei. As adaptacións tiñan que estar feitas xa en 2014. Nin un só centro ten ventilación mecánica nin un sistema de calefacción minimamente eficiente, nin instalación eléctrica nin contraincendios segura. Nos IES Sánchez Cantón e Valle Inclán chegamos ao paroxismo de que as familias tivemos que autorizar que os nosos fillos saian fóra do recinto nas clases de Educación Física ou no recreo. Mentres o centro ten a súa custodia, a Policía ameázanos aos pais con multar os rapaces por non cumprir unhas normas nun momento no que quen ten que asegurar o seu cumprimento é o propio centro, por – que é horario lectivo. Como van multar a rapaces de 14 anos sen identificar á persoa responsable nese momento? Iso pasa porque non teñen os espazos mínimos necesarios, como ximnasio ou cafetería, para considerarse un centro de ensino.

Entrevista orixinal