Declaración do Parlamento de Galicia co gallo do Día Mundial da Infancia

O Parlamento de Galicia únese a UNICEF na celebración do Día Mundial da Infancia, un día para recordar que aínda temos retos pendentes de alcanzar na nosa comunidade autónoma para que os dereitos da infancia sexan unha realidade.  
Os nenos, nenas e adolescentes enfróntanse hoxe a múltiples desafíos, como a pobreza, a crise climática, as desigualdades, as consecuencias da covid-19… Desafíos que comprometen o seu nivel de benestar hoxe mais tamén as súas oportunidades de desenvolvemento e supervivencia no futuro.  
Avogamos por unha visión en que o máis local e o global vaian da man na procura de solucións.  
Por iso, comprometémonos a impulsar medidas encamiñadas a:  

1. Poñer no centro da nosa acción política os dereitos de nenos, nenas e adolescentes: con estratexias e recursos a longo prazo para conseguir resultados tanxibles, tendo en conta a infancia e a adolescencia en todas as decisións, tanto na resposta ás crises como na recuperación, no marco dos principios reitores da Convención sobre os dereitos da infancia.  

2. Investir en saúde mental: a covid-19 contribuíu ao preocupante aumento dos trastornos de saúde mental entre nenos, nenas e adolescentes, polo que incidiremos, co Goberno galego, na necesidade de proporcionar máis atención a este problema, destinando os recursos necesarios, especialmente para os máis vulnerables.

3. Garantir o uso seguro, responsable e crítico da tecnoloxía: tras a pandemia e coa chegada da educación a distancia, apreciouse un aumento das competencias dixitais de nenos, nenas e adolescentes mais tamén dos riscos. Por iso, comprometémonos a incidir en políticas para o acceso equitativo aos recursos tecnolóxicos; mellorar as competencias dixitais; promover o desenvolvemento dunha contorna protectora no ámbito dixital; e a sensibilización de todos os actores implicados para promover o uso seguro e responsable.  

4.  Avanzar na escoita real e permanente de nenos, nenas e adolescentes: aínda que están a darse avances na participación da infancia e a adolescencia, incidiremos en fortalecer os mecanismos de escoita real, activa e permanente, tamén no ámbito parlamentario.

5. Abordar a crise climática: o cambio climático é un dos maiores desafíos a que se enfronta a humanidade. Comprometémonos a promover a redución das emisións de CO2; aumentar o investimento na adaptación ao cambio climático; impulsar unha mobilidade activa e sustentable, promover a educación ambiental e garantir unha recuperación verde da covid-19.  

Finalmente, queremos felicitar a UNICEF, que este ano conmemora o seu 75 aniversario, polo seu incansable traballo para chegar aos nenos e nenas máis vulnerables co obxectivo de que cada nena e cada nena gocen da súa infancia e teñan unha oportunidade xusta.   
Seguiremos no camiño que nos marca a Axenda 2030, incidindo máis en situar a nosa infancia no centro da resposta a estes retos.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Orixe: Parlamento de Galicia