Xornada de formación para xuntas directivas 2021-22

Tal como vos informamos hai uns días , o vindeiro mércores, día 8 de decembro, comezamos unha nova edición das xornadas de formación para Xuntas Directivas de ANPA. Como de cotío dividiremos a xornada en dous aspectos: os de xestión social e administrativa e o de xestión económica e fiscal; por primeira vez, nesta edición combinaremos a participación telemática e presencial.

Comezaremos coa sesión on line de xestión de aspectos administrativos, organizativos, legais e de participación social nos centros educativos públicos o 8 de decembro, a partir das 17.00 h a través da plataforma Zoom. A duración estimada é de 2 horas e media.

A sesión sobre aspectos económicos, tributarios, fiscais, contabilidade e subvencións, etc. será presencial o día 11 de decembro, a partir das 10.00 horas na sede da FANPA e durante outras 2 horas e media.

Ambas sesións desta edición serán gravadas e arquivadas para que estean indefinidamente a disposición dos socios.

Datas

A xornada terá lugar os días 8 e 11 de decembro de 2021. A primeira a partir das 17.00 horas e a segunda a partir das 10.00 horas e ata as 12.30 horas con breves período de descanso entre bloques de contido e quenda de consultas particulares ao final.

Como remate da xornada presencial, o día 11 de decembro, teremos un momento para a convivencia e intercambio de experiencias e un pincho ofrecido pola Federación.

Lugar

A xornada presencial está previsto que se realice no salón de actividades da FANPA pero, en función da demanda de aforo (un máximo de 25) podería ser necesario facelo nun local máis amplo da cidade de Pontevedra. Nese caso seravos comunicado con antelación.

Por esa razón necesitamos que vos inscribades a tempo no formulario ao pé desta nota.

Obxectivo e contido dos aspectos económicos (suxeito a modificacións)

PROPORCIONAR COÑECEMENTOS BÁSICOS DE FORMA CLARA E SINXELA QUE PROPORCIONEN UNHA AXUDA NO ÁMBITO DA XESTIÓN ECONÓMICA DAS ANPAS

1.    Obrigas contables:

a. A obriga xenérica de ter contabilidade: como afecta a un ANPA?.

b. Breve introdución ao plan contable adaptado para entidades sen fins de lucro.

2.    Obrigas fiscais:

a. Obrigas informativas: Declaracións censuais e de operacións con terceiros.

b. Obrigas impositivas: Imposto de sociedades, IVE, IRPF.

c. Obrigas de facturación.

d. Casos prácticos e consultas tributarias.

3.    Exemplo global dun ANPA: contabilidade e fiscalidade.

Relator

Pablo Figueroa
Algalia, Servizos para o Terceiro Sector. Formación
https://algalia.com/gl/

Obxectivo e contido dos aspectos administrativos e sociais

– Réxime de Asociacións.
– Finalidades.
– Dereitos
– Convocatorias e reunións.
– “Libros” obrigatorios.
– Actividades extraescolares.
– Participación: Consellos Escolares.

Relatora

Nuria Martínez Pigueiras
Secretaría técnica de CONFAPA-GALICIA
http://www.confapagalicia.org/


Inscrición

(2 representantes por sesión)
Como se realiza en dúas sesións hai que inscribirse para cada unha delas. Poden ser persoas distintas en cada sesión: tipicamente, para a primeira a persoa presidente e a secretaria e, para a segunda, ademais da presidenta a persoa tesoureira.

(calquera información ou dúbida podedes consultala por correo en xestion@nontedurmas.org .

Este formulario caducou.