Premios á innovación educativa sobre a educación nos valores democráticos 2008

Orde conxunta do 16 de xuño de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Consellería de Innovación e Industria, da Consellería de Sanidade e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre a educación nos valores democráticos 2008.

A adquisición da competencia social e cidadá permitiralle ao alumnado reflexionar criticamente sobre os conceptos de democracia, liberdade, solidariedade, corresponsabilidade, participación e cidadanía con particular atención aos dereitos e deberes recoñecidos nas declaracións internacionais, na Constitución española, na lexislación autonómica e mostrar un comportamento coherente cos valores democráticos. Todo isto será abordado desde unha materia específica, pero tamén terá que desenvolverse como parte da educación en valores con carácter transversal a todas as actividades escolares, que deberán basearse na actividade do alumnado para o que cumprirá crear situacións que permitan que, partindo da experiencia, dos intereses e dos problemas do alumnado, se integren na súa vida cotiá, tanto no plano persoal como no social.

En concordancia co exposto, esta convocatoria pretende recoñecer aquelas experiencias educativas innovadoras que propician a adquisición por parte do alumnado de habilidades para vivir en sociedade e para exercer a cidadanía democrática, que contribúen a mellorar as relacións interpersoais, que impulsan a educación afectivo-emocional, a convivencia, a igualdade, a participación, o coñecemento da diversidade e das situacións de discriminación e inxustiza, que axudan a interiorizar os valores de respecto, a cooperación e solidariedade entre os pobos, o consumo responsable e o coidado do ambiente e que promoven o compromiso tanto no ámbito persoal como no social, así comO a responsabilidade individual e social de promover e protexer a saúde.

DOG 26/06/08