No DOG o decreto polo que se regula o funcionamento dos comedores nos centros docentes públicos

A nova normativa concreta, mellora e adecúa o réxime xeral de funcionamento desta prestación, dando resposta ás demandas actuais e reais ao respecto

O Decreto facilitará a conciliación da vida laboral e familiar e educará aos alumnos en hábitos saudables, concienciando á comunidade educativa de que a alimentación equilibrada e a actividade física preveñen a obesidade infantil

O texto inclúe tamén a posibilidade de menús específicos para alumnado con intolerancia ou alerxias alimentarias

Texto do Decreto de comedores

Santiago, 6 de febreiro de 2007.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe (por onte, día 6) o decreto polo que se regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Administración educativa autonómica. O marco xurídico autonómico que regulaba o servizo de comedor escolar recóllese, basicamente, no Decreto 16/1984, do 9 de febreiro, polo que se regula o funcionamento dos comedores escolares, modificado polo Decreto 283/1986, e polo Decreto 443/1990, do 13 de setembro.

No transcurso destes anos, a realidade social vén demandando das Administracións públicas unha nova regulamentación do servizo de comedor escolar nos centros docentes públicos. Este servizo educativo ten un carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación obrigatoria dentro dos principios de igualdade, en especial entre homes e mulleres, e solidariedade.

Pola súa banda, o artigo 82.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), establece que as administracións educativas prestarán, en determinados supostos, de forma gratuíta os servizos escolares de transporte escolar e, no seu caso, de comedor. Resulta, pois, necesario neste momento establecer un marco normativo que, de acordo coas previsións legais existentes, concrete, mellore e adecúe o réxime xeral de funcionamento do servizo de comedor escolar nos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que permita dar resposta ás demandas reais e actuais ao respecto.

Máis beneficiarios deste servizo

Esta nova normativa establece un conxunto de melloras significativas, tales como a concepción do propio servizo de comedor, entendido como os servizos de xantar e de atención aos usuarios nos períodos de tempo libre anterior e posterior, nos que se fomentarán programas de promoción da saúde, hábitos alimentarios e habilidades persoais. Este decreto tamén recolle que poderán ser usuarios da prestación de comedor escolar todo o alumnado do centro, correspondendo ao Consello Escolar do centro a selección e admisión nos casos en que o número de solicitudes supere ao de prazas dispoñibles, ao tempo que se procurará a ampliación do comedor acorde ás demandas existentes.

Ademais, segundo esta nova normativa, poderán ser usuarios desta prestación o persoal encargado da atención ao alumnado usuario do comedor, independentemente da súa categoría e relación de emprego; así como o profesorado e persoal non docente do centro que solicite o servizo, sempre que existan prazas vacantes, e se dispoña de persoal colaborador suficiente para a atención ao alumnado.

Este decreto establece que serán beneficiarios/as da totalidade da axuda para o servizo de comedor aquel alumnado que sexa beneficiario do servizo de transporte escolar. Así mesmo, serán beneficiarios desta axuda, total ou parcialmente, outro alumnado sempre que cumpra o requisito de renda que se estableza. Pola súa banda, deberán aboar a cantidade correspondente á axuda para comedor concedida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por alumno/a e día, todo aquel alumnado que non cumpra o requisito de renda que se estableza.

Nas normas de desenvolvemento do decreto publicado hoxe fixarase seguindo criterios obxectivos o cadro de persoal que preste servizos de atención ao alumnado usuario do comedor escolar, e virá determinado segundo a modalidade de prestación do servizo. Neste punto, terase en conta o total de alumnado e demais persoal que coma no centro, mentres que ata agora só se contabilizaba o número de alumnos bolseiros.

Por outra banda, este decreto establece que os comedores escolares agruparanse nun máximo de cinco categorías (A, B, C, F, E), independentemente da modalidade de xestión pola que se opte, e a mesma será determinada polo número de comensais usuarios do servizo de comedor. Así, os comedores de tipo A darán servizo ata 75 comensais; os de tipo B, de 76 a 150 comensais; os de tipo C, de 151 a 250 comensais; os de tipo D, de 251 a 350 comensais; e os de tipo E terán máis de 351 comensais.

Modalidades de prestación
O servizo de comedor escolar prestarase dalgunha das seguintes modalidades: xestión directa polo propio centro, por medio de persoal funcionario, docente ou non, que exercerá as funcións de atención ao alumnado usuario do comedor escolar e por persoal laboral, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerán as funcións que se regulen na orde de desenvolvemento do presente decreto; xestión directa mediante a elaboración de comidas centralizadas en cociñas propias con persoal da Administración, e transportadas a outros centros docentes próximos, contratando o mencionado servizo cunha empresa do sector hostaleiro; ou contratación da subministración de comidas preparadas ou da elaboración de comidas nas dependencias do centro, a cargo dunha empresa do sector hostaleiro adxudicataria do servizo polo procedemento que corresponda.

No propio decreto establécese que as modalidades utilizadas con carácter xeral serán as dúas primeiras, sen deixar de lado calquera das outras reflectidas na norma.

Hábitos alimentarios saudables
De acordo con este decreto, a elaboración dos menús realizarase de xeito que proporcione aos usuarios unha dieta equilibrada, contribúa ao seu mellor desenvolvemento e favoreza a adquisición de hábitos alimentarios saudables. Os menús poranse en coñecemento do Consello Escolar do centro.

A nova normativa establece que o menú será único para todos/as usuarios/as do servizo de comedor, salvo nos casos de alumnos/as que teñan algún tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria, medicamente documentada. Estes menús serán autorizados polo Consello Escolar, de acordo coas normas que se diten en desenvolvemento do presente decreto, e estarán xustificados mediante certificación médica.