Consellos Escolares

mosimageXornal-Coruña  (miércoles 24 de enero de 2007)
# A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria participou na presentación dunha rolda de encontros con representantes de consellos escolares organizada polo Consello Escolar de Galicia.

# Apuntou que a Administración educativa ten como obxectivo acadar maior índice de calidade, a través dun “proxecto educativo centrado na conciliación da vida familiar e laboral dos pais e na diminución das desigualdades sociais”.

# Estes encontros teñen como obxectivo implicar a toda a sociedade nos órganos de participación.

XORNAL I A Coruña.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria apuntou á importancia de procurar a participación de toda a comunidade escolar “para acadar a maior taxa posible de éxito escolar entre a mocidade”. “De todos é sabido que a responsabilidade deste éxito formativo recae sobre a sociedade no seu conxunto, sendo a participación un valor básico para a formación de cidadáns autónomos, libres, responsables e comprometidos, tal e como apunta a LOE”, explicou Sánchez Piñón. A máxima responsable da Administración educativa galega presidiu esta tarde a inauguración dunha rolda de encontros entre o Consello Escolar de Galicia e membros dos consellos escolares dos centros de ensino non universitario e dos consellos escolares municipais, que teñen como obxectivo fomentar a participación de todos os sectores da sociedade no proceso de mellora do sistema educativo. O acto tamén contou coa presenza do alcalde de A Coruña, Javier Losada, e da vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco.

En concreto, nestas reunións, a vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco; e o asesor do mesmo, Xosé Anxo Seoane; trasladarán aos representantes da comunidade educativa cuestións como a importancia da participación nos órganos colexiados de control e goberno dos centros na LOE ou a relación con outros órganos de participación. Ademais, presentarán a campaña A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino, e dialogarán sobre as necesidades ou dificultades ás que se enfrontan os consellos escolares.

CELEBRACIÓN DE XORNADAS.- Os encontros celebraranse entre xaneiro e abril nas localidades de A Coruña, Carballo, Santiago, Ferrol, Lugo, Viveiro, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Vigo, Redondela e Vilagarcía. Ademais, durante estas reunións elaboraranse unha serie de enquisas que recollerán información relevante de cara á organización dunhas xornadas específicas para os membros dos consellos escolares, que se desenvolverán no primeiro trimestre dos curso 2007/2008.

Durante a súa intervención, a máxima responsable da Administración educativa autonómica afirmou que “a Administración educativa comprométese a poñer todos os medios e dedicar todos os esforzos necesarios para garantir a participación da comunidade educativa no sistema académico e formativo”. “Todos temos un reto ineludible de futuro: mellorar a formación dos nosos rapaces e rapazas, mediante unha educación en valores, para acadar as mellores cotas de excelencia educativa”, engadiu Sánchez Piñón.

Neste senso, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria explicou que o Goberno galego iniciou hai ano e medio “un proxecto educativo centrado na conciliación da vida familiar e laboral dos pais, na diminución das desigualdades sociais e, en definitiva, en acadar maior índice de calidade”. “Accións como a gratuidade dos libros de texto, que este ano culminaremos chegando a todo o ensino obrigatorio; melloras nos comedores escolares; fomento das novas tecnoloxías con 30.000 ordenadores nos centros educativos, axudas a familias para mercar ordenadores, e bolsas para estudar no estranxeiro son tan só algúns exemplos dun cambio educativo que continuaremos nos vindeiros dou anos”, explicou Sánchez Piñón.

A rolda de encontros inaugurada hoxe está orientada á consecución dunha participación real e efectiva de todos os sectores das comunidades educativas nos consellos escolares; así como dar a coñecer á sociedade o Consello Escolar de Galicia como máximo órgano de participación e consulta. Outro dos obxectivos é o de colaborar cos concellos que teñen constituído o Consello Escolar Municipal co fin de impulsar a revitalización destes órganos, así como fomentar a súa creación nos concellos nos que aínda non estean constituídos.