Avaliación na educación secundaria obrigatoria-DEROGADA

Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 28 que a avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado de educación secundaria obrigatoria será continua e diferenciada segundo as distintas materias do currículo.

A Orde ECI/1845/2007, do 19 de xuño, establece os elementos dos documentos básicos de avaliación do ensino básico, regulado pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garantir a mobilidade do alumnado.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, na disposición derradeira primeira, autoriza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido nel.

A Orde do 6 de setembro de 2007, pola que se desenvolve a implantación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 9.d) establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará todos os elementos precisos para o proceso de avaliación nos centros educativos.

En consecuencia, é preciso establecer as normas relativas á avaliación, promoción e titulación do alumnado de educación secundaria obrigatoria, así como os documentos que recollan o seu resultado, garantindo a autenticidade dos seus datos, a súa supervisión e custodia.

En virtude disto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.
O obxecto desta orde é regular os elementos precisos para levar a cabo a avaliación do proceso de aprendizaxe, a promoción e a titulación do alumnado da educación secundaria obrigatoria nos centros docentes que impartan estas ensinanzas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Carácter da avaliación.
1. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado será continua, terá carácter formativo e orientador e será diferenciada segundo as distintas materias do currículo.

2. A avaliación levarase a cabo tendo en conta os diferentes elementos que constitúen o currículo: as competencias básicas, os obxectivos, os contidos e criterios de avaliación de cada unha das materias ou ámbitos, establecidos no Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e a concreción que fagan os centros no seu proxecto educativo. Terá como referentes as competencias básicas e os obxectivos xerais da etapa. Os criterios de avaliación das materias serán o referente fundamental para valorar tanto o grao de adquisición das competencias básicas como a consecución dos obxectivos.

3. A avaliación será continua en canto que forma parte do proceso de ensino aprendizaxe e terá carácter formativo e orientador permitindo detectar as dificultades no momento que se producen e, en consecuencia, incorporar medidas de ampliación, enriquecemento, reforzo ou de adaptación que permitan garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo do alumnado e unha mellor adecuación da práctica docente.

Artigo 3º.-Resultados da avaliación.
1. Os resultados e as observacións relativas ao proceso de avaliación do alumnado consignaranse nos documentos que se determinan nesta orde.

2. Os resultados da avaliación na educación secundaria obrigatoria expresaranse nos termos seguintes: insuficiente (IN), suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) e sobresaliente (SB), acompañadas dunha cualificación numérica na escala do 1 ao 10, sen cifras decimais, considerándose cualificación negativa o insuficiente e positivas as restantes, correspondendo ao IN do 1 ao 4, ao SU o 5, ao BE o 6, ao NT o 7 e 8 e ao SB o 9 e 10.

Artigo 4º.-Desenvolvemento do proceso de avaliación.
1. Ao comezo de cada curso e coa finalidade de adecuar as ensinanzas de cada materia ao alumnado e facilitar a progresión satisfactoria do seu proceso de aprendizaxe, o profesorado que imparta docencia no grupo realizará unha avaliación inicial, incidindo na obtención de información sobre os coñecementos previos do alumnado en cada unha das materias e o grao de desenvolvemento das competencias básicas. A avaliación incluirá a análise dos informes persoais da etapa ou curso anterior e completarase coa información obtida a través da persoa titora.

2. A avaliación inicial será o punto de referencia para a toma de decisións relativas ao desenvolvemento do currículo, así como para adoptar aquelas medidas de apoio, reforzo e recuperación que se consideren oportunas para cada alumna ou alumno. Será de grande importancia a coordinación de todo o profesorado que imparta docencia en cada grupo co fin de tomar medidas conxuntas que faciliten o progreso do alumnado.

3. As sesións de avaliación serán coordinadas pola persoa titora do grupo e nelas participará todo o profesorado que imparte docencia nel e contará co asesoramento do departamento de orientación. Nelas valoraranse as aprendizaxes acadadas por cada alumna e cada alumno en relación co grao de desenvolvemento das competencias básicas e coa consecución dos obxectivos previstos para cada unha das materias e/ou ámbitos e, se é o caso, as medidas adoptadas ou que se deban adoptar, sexa de forma xeral ou nalgunha das materias, orientadas á mellora do seu proceso de aprendizaxe.

4. Ao longo de cada curso realizaranse para cada grupo, polo menos, tres sesións de avaliación. A persoa titora recollerá en acta o desenvolvemento das sesións, as cualificacións das distintas materias e/ou ámbitos, o grao de desenvolvemento das competencias básicas, as decisións e os acordos acadados referidos a cada alumna e alumno e ao grupo no seu conxunto. Así mesmo, farase o seguimento da recuperación das materias pendentes, se fose o caso. A última destas tres sesións poderá coincidir coa avaliación final ordinaria do mes de xuño.

5. Nos primeiros días do mes de setembro terá lugar unha sesión de avaliación, tras a realización das probas extraordinarias, para o alumnado que non superase todas as materias na avaliación final ordinaria. Cando un alumno ou alumna non se presente á proba extraordinaria dunha materia, nos documentos de avaliación farase constar «non presentado» (NP).

6. Cando o progreso dunha alumna ou alumno nunha materia non sexa o adecuado, determinaranse as medidas de atención á diversidade que procedan. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades e estarán dirixidas a favorecer a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.

7. No proceso de avaliación continua a cualificación de cada unha das materias, ámbitos e módulos será decidida polo profesor ou profesora que as imparta.

8. O proxecto interdisciplinar, aínda que non contará cunha cualificación cuantitativa, será obxecto de avaliación que proporcionará unha información cualitativa, referida ao grao de desenvolvemento das competencias básicas e que estará presente na información ao alumnado e ás súas familias e figurará no informe de avaliación final.

9. O alumnado dos cursos primeiro e segundo que presenten dificultades continuadas no seu proceso de aprendizaxe, e que de acordo co artigo 5.f) da Orde do 6 de setembro de 2007, non curse neses anos a materia común de segunda lingua estranxeira, será valorado, de xeito cualitativo, no progreso nas actividades de reforzo que estea desenvolvendo. Nos documentos de avaliación figurará coa mención de exenta/o.

10. Con carácter xeral, as decisións adoptadas polo equipo docente irán referidas á promoción e titulación do alumnado, ás medidas de atención á diversidade e a todas aquelas que incidan no proceso educativo do alumnado. De non existir unanimidade no equipo docente, a toma de decisións requirirá o acordo favorable da maioría simple dos seus membros.

Artigo 5º.-Avaliación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
1. A avaliación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo rexerase, con carácter xeral, polo disposto nesta orde.

2. Sen prexuízo do anteriormente indicado, na avaliación do alumnado que presente necesidades educativas especiais, que curse as ensinanzas correspondentes á educación secundaria obrigatoria con adaptacións curriculares significativas, de acordo co artigo 14.4º do Decreto 133/2007, a avaliación e promoción tomará como referencia os obxectivos e os criterios de avaliación fixados nas adaptacións curriculares.

Artigo 6º.-Promoción.
1. Ao remate de cada un dos cursos e como resultado do proceso de avaliación, o equipo de profesoras e profesores que imparten docencia en cada grupo, na sesión final de avaliación, decidirá sobre a promoción do alumnado.

2. O alumnado promocionará ao curso seguinte cando superase os obxectivos de todas as materias cursadas ou teña avaliación negativa en dúas como máximo, e repetirá curso cando teña avaliación negativa en tres ou máis materias.

3. Excepcionalmente, unha vez realizadas as probas extraordinarias, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou un alumno con avaliación negativa en tres materias, se considera que a natureza das dificultades non lle impedirá seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a dita promoción beneficiará a súa evolución académica.

4. No cómputo das materias para efectos de promoción, consideraranse tanto as materias non superadas do propio curso como as de cursos anteriores. Para estes efectos computarase como unha única materia as de diferentes cursos que teñan a mesma denominación. O proxecto interdisciplinar, cuxas características quedan expresadas no artigo 4º parágrafo 8, non computará á hora de considerar o número de materias para os efectos de promoción ao seguinte curso académico.

5. A materia de ciencias da natureza do 3º curso, desdobrada en bioloxía e xeoloxía por un lado e física e química por outro, manterá o seu carácter unitario para efectos de promoción, de acordo co establecido no Decreto 133/2007.

6. O alumnado que promocione de curso sen ter superado todas as materias seguirá un programa de reforzo destinado a recuperar as aprendizaxes non adquiridas e deberá superar a avaliación correspondente ao devandito programa. A avaliación do programa de reforzo será tida en conta para os efectos de cualificación das materias non superadas. Correspóndelles aos departamentos didácticos a organización destes programas. Cada profesor ou profesora desenvolverao no curso no que imparte docencia. Os centros educativos organizarán os procesos de avaliación da recuperación das materias pendentes.

7. Para o alumnado con altas capacidades poderase flexibilizar a duración da etapa, de modo que se poida reducir a súa duración, cando se considere que esta medida é a máis adecuada para o seu equilibrio persoal e a súa sociabilización, previa avaliación psicopedagóxica e logo de ter seguido un programa de enriquecemento do currículo.

8. O alumnado que non promocione permanecerá un ano máis no mesmo curso. Esta repetición irá acompañada dun plan de recuperación das aprendizaxes non adquiridas co fin de favorecer a adquisición das competencias básicas.

9. O alumnado poderá repetir o mesmo curso unha soa vez e, con carácter xeral, dúas veces como máximo en toda a etapa. Excepcionalmente, o alumnado poderá repetir unha segunda vez o cuarto curso se non repetise nos cursos anteriores. Cando a segunda repetición teña lugar no último curso da etapa, poderase prolongar a escolarización ata os dezanove anos.

10. O alumnado que ao finalizar o programa de diversificación curricular non estea en condicións de acadar o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e cumpra os requisitos de idade establecidos poderá permanecer un ano máis no programa.

11. As decisións de promoción ao curso seguinte, do alumnado con tres materias non superadas, requirirá o acordo favorable da maioría simple do equipo docente.

Artigo 7º.-Titulación.
1. O alumnado que ao terminar a educación secundaria obrigatoria superase todas as materias e alcanzadas as competencias básicas e os obxectivos da etapa obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. Así mesmo, poderá obter o dito título aquel alumnado que, unha vez realizadas as probas extraordinarias, finalice a etapa con avaliación negativa nunha ou en dúas materias, e excepcionalmente en tres, sempre que o equipo docente que imparte no grupo considere que a natureza e o peso destas no conxunto da etapa non lle impediu alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

3. O alumnado que curse programas de diversificación curricular obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa. Así mesmo, poderá obter o mencionado título aquel alumnado que, tendo superado os dous ámbitos, teña avaliación negativa nunha ou dúas materias e, excepcionalmente, en tres se o equipo docente considera alcanzadas, ao final do programa de diversificación curricular, as competencias básicas e os obxectivos xerais para a etapa.

4. O alumnado que curse un programa de cualificación profesional inicial obterá o título de graduado en educación secundaria se supera os módulos obrigatorios e os voluntarios aos que fai referencia o artigo 16.6º do Decreto 133/2007, do 5 de xullo.

5. O alumnado con dezaoito anos cumpridos que non fose proposto para o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e teña avaliación negativa ata nun máximo de cinco materias disporá, durante os dous anos inmediatamente seguintes ao remate da súa escolarización, dunha convocatoria anual de probas para superar as materias con avaliación negativa. Esta convocatoria terá lugar no mes de xuño e será incompatible con estar cursando as ensinanzas de adultos ou coa presentación ás probas libres para obter o título de graduado en educación secundaria previstas na Lei orgánica de educación.

6. Para efectos de titulación computarase como unha única materia as materias suspensas de diferentes cursos que teñan a mesma denominación.

7. O alumnado que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá un certificado de escolaridade no que constarán os anos e as materias cursadas.

8. As decisións de titulación do alumnado con materias non superadas requirirán o acordo favorable da maioría simple do equipo docente

Artigo 8º.-Información da avaliación.
1. Ao comezo de cada curso, os departamentos didácticos, a través do profesorado, informarán a cada grupo de alumnas e alumnos, dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación exixibles para obter unha valoración positiva das distintas materias, así como dos criterios de cualificación, os instrumentos de avaliación da aprendizaxe que se utilizarán, incluídas as materias pendentes de cursos anteriores, así como das medidas de reforzo e recuperación previstas. Así mesmo, a persoa titora de cada grupo informará ao seu alumnado dos requisitos que determinarán a promoción ao curso seguinte e, no caso do cuarto curso, a titulación.

2. Finalizada cada unha das sesións de avaliación, o alumnado e as nais/pais ou persoas titoras legais serán informados dos seus resultados, da evolución académica así como das decisións adoptadas para o reforzo e/ou recuperación, se fose o caso.

3. Será competencia da persoa titora proporcionar esta información, coa colaboración do profesorado que imparta docencia no seu grupo, así como a de establecer canles de comunicación coas familias do alumnado.

4. Os centros educativos establecerán o procedemento que sexa máis adecuado para dar cumprimento ao punto anterior.

Artigo 9º.-Documentos oficiais de avaliación.
1. Os documentos oficiais de avaliación na educación secundaria obrigatoria son os seguintes: actas de avaliación, expediente académico, historial académico de educación secundaria obrigatoria e informe persoal por traslado.

2. Son documentos básicos, necesarios para asegurar a mobilidade do alumnado, o historial académico de educación secundaria obrigatoria e o informe persoal por traslado.

Artigo 10º.-Actas de avaliación.
1. As actas de avaliación cubriranse ao final de cada un dos cursos da educación secundaria obrigatoria. Comprenderán a relación nominal do alumnado que compón cada grupo e os resultados da súa avaliación. As actas serán pechadas ao remate da sesión final ordinaria do mes de xuño e da sesión de avaliación extraordinaria de setembro, en cada un dos cursos.

2. Nas actas reflectiranse os resultados da avaliación de cada unha das materias e/ou ámbitos nos termos establecidos no artigo 3º desta orde, e deberán expresar ademais as decisións sobre a permanencia ou a promoción ao curso seguinte, e farase constar, para as materias que o precisen, as medidas de reforzo (RE) ou adaptación curricular significativa (ACS). Redactarase igualmente acta dos resultados da avaliación das materias pendentes do curso anterior, en cada un dos cursos.

3. Nas actas do 4º curso farase constar a proposta de titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria para o alumnado que estea nas condicións previstas no artigo 7º desta orde.

4. As actas de avaliación serán asinadas por todo o profesorado que imparte docencia no grupo e contarán co visto e prace do director ou directora do centro educativo. A súa custodia e arquivo correspóndelle á secretaría do centro educativo.

5. As actas de avaliación axustaranse aos modelos que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 11º.-Expediente académico.
1. O expediente académico é o documento de avaliación individual do alumnado que incluirá os datos identificativos do centro, os relativos á alumna ou ao alumno e a información relativa á súa escolarización, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

2. No expediente académico quedará constancia dos resultados da avaliación das distintas materias e/ou ámbitos de cada un dos cursos da educación secundaria obrigatoria. Así mesmo, das medidas de atención á diversidade adoptadas, reforzos educativos aplicados ou adaptacións curriculares significativas, expresando estas dúas últimas circunstancias cos termos (RE) e (ACS) respectivamente. Tamén incluirá as decisións de promoción e/ou titulación, segundo corresponda. Se fose o caso, constará nel igualmente a entrega do certificado de escolaridade a que se refire o artigo 7º.7 desta orde. Formalizarase ao remate da sesión de avaliación final ordinaria ou despois da extraordinaria, segundo corresponda a cada caso. Contará co visto e prace do director ou directora do centro así como coa sinatura da secretaria ou secretario.

3. O arquivo e custodia dos expedientes académicos correspóndelle á secretaría dos centros educativos.

Artigo 12º.-Historial académico de educación secundaria obrigatoria.

1. O historial académico de educación secundaria obrigatoria é o documento oficial que reflicte os resultados das avaliacións e as decisións relativas ao progreso académico da alumna ou alumno ao longo da etapa. Ten valor acreditativo dos estudos realizados.

2. O historial académico da educación secundaria obrigatoria recollerá os datos identificativos de cada alumna e cada alumno, os anos da súa escolarización e os centros onde se realizaron os estudos. Incluirá tamén as materias e/ou ámbitos cursados e os resultados da avaliación obtidos con indicación de ACS, se fose o caso. Así mesmo, figurará a decisión sobre promoción ao curso seguinte coa data correspondente así como a data de proposta de título.

3. O historial académico da educación secundaria obrigatoria será expedido en impreso oficial, será asinado pola secretaria ou secretario do centro e contará co visto e prace do director ou directora do centro que garantirá a autenticidade dos datos nel reflectidos e axustarase ao modelo que figura no anexo III desta orde.

4. A súa custodia correspóndelle á secretaría do centro educativo no que está escolarizado o alumnado.

5. A formalización e custodia do historial académico da educación secundaria obrigatoria será supervisada pola Inspección educativa.

6. Ao finalizar a educación secundaria obrigatoria ou, en calquera caso, ao finalizar a súa escolarización no ensino básico en réxime ordinario, o historial académico da educación secundaria obrigatoria, xunto co anterior libro de escolaridade, se fose o caso, será entregado ao alumnado.

Artigo 13º.-Informe persoal por traslado.
1. O informe persoal por traslado é o documento oficial que ten como finalidade garantir a continuidade do proceso de aprendizaxe ao alumnado que se traslade a outro centro sen ter rematado o curso académico, debendo axustarse ao modelo que figura no anexo IV desta orde.

2. Contará cos elementos seguintes:
a) Resultados parciais da avaliación, se fose o caso.
b) Constancia da aplicación, se é o caso, de medidas de reforzo ou calquera outra dentro da atención á diversidade.

c) Adaptacións curriculares realizadas.
d) Calquera outra información de interese, referente ao proceso educativo da alumna ou alumno.

3. O informe persoal será elaborado e asinado pola persoa titora, a partir da información de todo o profesorado que imparta docencia no grupo e levará o visto e prace do director ou directora do centro.

Artigo 14º.-Informe de avaliación final.
1. Ao remate de cada un dos cursos da educación secundaria obrigatoria, a persoa titora, coa información achegada polo profesorado que imparta docencia no grupo, elaborará un informe individualizado de cada alumna e alumno. Nel recolleranse os aspectos máis relevantes sobre o proceso de aprendizaxe, cando menos o grao de aprendizaxe en cada unha das materias e/ou ámbitos, o desenvolvemento das competencias básicas, a consecución dos obxectivos en cada unha das materias e/ou ámbitos, as decisións sobre medidas para a atención á diversidade que fosen adoptadas así como todos aqueles aspectos que permitan facer un mellor seguimento do seu proceso de aprendizaxe.

2. Este informe, que se iniciará ao comezo de cada curso cos elementos xurdidos na avaliación inicial, recollerá a información resultante do proceso da avaliación continua ao longo do curso, e completarase ao remate de cada un dos cursos académicos.

3. Ao remate de cada curso a persoa titora poñerá os informes do grupo á disposición da persoa titora do curso seguinte.

4. Xúntase un modelo orientativo de informe como anexo V desta orde.
Artigo 15º.-Cambio de centro.
1. Cando unha alumna ou un alumno se traslade dun centro a outro para continuar estudos, o centro de orixe remitiralle ao centro de destino, e por petición deste, o historial académico e o informe persoal por traslado, se non tivese concluído o curso. Se o cambio se producise unha vez rematado o curso académico, remitirase o informe final do curso que corresponda, acreditando que os datos recollidos no historial académico concordan co expediente que garda o centro de orixe.

2. O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico.
3. Para axilizar os trámites de matriculación no novo centro, as nais/pais ou persoas titoras legais do alumnado poderán solicitar no centro de orixe unha certificación que permitirá iniciar os trámites que fosen precisos antes do envío de toda a documentación indicada no punto 1.

4. A matrícula adquirirá carácter definitivo unha vez recibido o historial académico debidamente formalizado.

5. Se o desprazamento se producise a un centro que non imparta as ensinanzas do sistema educativo español, dentro ou fóra de España, o historial académico permanecerá no centro de orixe, que emitirá unha certificación académica completa da alumna ou alumno. O historial académico quedará custodiado no centro no que estivo escolarizado ata a súa reincorporación ao sistema educativo español ou ata o remate dos estudos equivalentes á educación secundaria obrigatoria. Nese momento o historial académico de educación secundaria será entregado ao alumnado.

Artigo 16º.-Avaliación dos procesos de ensinanza e da práctica docente.
1. O profesorado avaliará, nas sesións de avaliación, os procesos de ensinanza e a súa práctica docente en relación coa adecuación ao alumnado, co logro dos obxectivos da etapa e de cada unha das áreas e co desenvolvemento das competencias básicas. Esta avaliación incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A adecuación dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación ás características e necesidades do alumnado.

b) As aprendizaxes acadadas polo alumnado.
c) As medidas de atención á diversidade aplicadas.
d) A programación didáctica e o seu desenvolvemento, a organización da aula, o aproveitamento dos recursos do centro e os procedementos de avaliación do alumnado.

e) A coordinación entre as profesoras e profesores de cada curso, así como entre o profesorado do 1º curso da educación secundaria obrigatoria co equipo de mestras e mestres da etapa anterior coa finalidade de garantir a eficacia necesaria no tránsito dunha etapa a outra.

2. Os resultados desta avaliación serán analizados na comisión de coordinación pedagóxica na que se tomarán as decisións que fosen consideradas pertinentes.

Artigo 17º.-Avaliación de diagnóstico.
1. De acordo co artigo 29 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e o artigo 19 do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, ao finalizar o segundo curso da educación secundaria obrigatoria, todos os centros realizarán unha avaliación de diagnóstico das competencias básicas alcanzadas polo alumnado. Esta avaliación, que non terá efectos académicos, terá carácter formativo e orientador para os centros, e informativo para as familias e para o conxunto da comunidade educativa.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitaralles aos centros educativos os modelos precisos, co fin de que todos poidan realizala adecuadamente.

Disposicións transitorias
Primeira.-Finalizada no curso 2006-2007 a vixencia dos libros de escolaridade do ensino básico para os efectos de acreditación dos estudos realizados, deberá redactarse, na primeira páxina en branco despois da que corresponde ao último curso, dilixencia de peche e inutilizaranse as páxinas restantes.

A citada dilixencia, asinada pola secretaria ou secretario do centro e co visto e prace do director ou directora, consignarase nos seguintes termos: dilixencia para facer constar que este libro de escolaridade do ensino básico queda pechado de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando a apertura do historial académico supoña a continuación do anterior libro de escolaridade do ensino básico, reflectirase naquel documento a serie e o número do libro de escolaridade. Estas circunstancias figurarán igualmente no correspondente expediente académico.

Segunda.-Independentemente dos períodos de implantación que para a educación secundaria obrigatoria prevé o Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a avaliación, promoción e titulación do alumnado na educación secundaria obrigatoria aplicaranse a partir do ano académico 2007-2008, de acordo cos artigos 9 e 10 do citado real decreto.

Porén, a avaliación de diagnóstico farase a partir do curso académico 2008-2009.
Disposición derrogatoria
Derrogación normativa.
1. Quedan derrogadas as seguintes ordes:
-Orde do 25 de abril de 1994 sobre avaliación na educación secundaria obrigatoria.

-Orde do 25 de agosto de 2003 pola que se ditan instrucións para a aplicación na educación secundaria obrigatoria do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

-Orde do 30 de setembro de 2004 sobre avaliación, promoción e titulación na educación secundaria obrigatoria como consecuencia do disposto no Real decreto 1318/2004, do 28 de maio.

-Orde do 13 de maio de 2005 pola que se ditan instrucións para consignar as cualificacións da educación secundaria obrigatoria nos documentos oficiais de avaliación.

2. Quedan derrogadas, así mesmo, todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a ditar as disposicións que sexan precisas para a execución e desenvolvemento do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2007.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria