Autobuses con coidador

Un total de 1.245 novas rutas contarán a partir de mañá martes 18 de abril coa figura do acompañante, que se sumarán ás 109 existentes, o que supoñen un total de 1.354, que implican a cobertura do 60% daquelas nas que é necesaria a súa implantación.

Deste modo, o 63% do alumnado de Infantil e Primaria que usa a diario o transporte escolar disporá da figura de acompañante, que velará pola seguridade dos nenos durante os traslados ós centros escolares, o que supón case 30.000 beneficiados con esta iniciativa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende implantar dita figura antes de final de ano no 70% nas rutas que o necesitan, para o que a administración destina este ano un total de 8.150.000 euros e, unha vez implantado, investirá 15 millóns de euros anuais no seu mantemento. Ademais, prevé que no curso 2007-08 a medida do acompañante escolar estea implantada no 100% das rutas que o necesiten.

A implantación deste servizo de acompañante levarase a cabo nas rutas de transporte escolar nas que, polo menos o 50 por cento do alumnado de Infantil e Primaria transportado sexa menor de 12 anos.

En Galicia existen 2.252 rutas de transporte escolar que esixen este servizo, do total de 5.022 que cobren os desprazamentos dos alumnos que empregan este sistema de transporte para ir ós centros escolares.

Así, segundo datos da Xunta, do total de alumnos de Infantil e Primaria transportados en Galicia, 47.064, un total de 29.568 disporán de acompañante. Por provincias, este servizo daralles cobertura en abril a 10.779 escolares na Coruña, do total de 18.996; 10.525 de 16.829 en Pontevedra; 4.217 de 5.483 en Ourense e 4.047 de 5.756 en Lugo.

 
Incremento de novas rutas por provincias

A provincia da Coruña disporá a partir de abril de 428 novas rutas, fronte ás 40 actuais, das 805 que necesitan acompañante do total de 2.048 existentes; Pontevedra contará con 392, fronte ás 28 actuais, das 668 que necesitan acompañante; Lugo con 238, fronte ás 22 existentes, de 446 que o requiren; mentres que en Ourense se sumarán 187 ás 19 actuais, das 333 que o necesitan.

A Consellería de Educación, segundo destacou a súa titular, Laura Sánchez Piñón, nunha comparecencia recente na Cámara galega, conseguiu unha rebaixa do 20 por cento no prezo do transporte escolar na renegociación efectuada do convenio marco co sector.

Así, o prezo para o servizo sinxelo –que presta a un centro de Primaria– sitúase en 45 euros por día, cun contrato de catro horas diarias, mentres que co anterior goberno do PP o custo ascendía a 56 euros. Ademais, para o servizo combinado –a máis dun centro de Primaria– ascende a 65 euros ó día, cun contrato de duración media de seis horas diarias, que a Xunta anterior non incluía.

Petición de 2.252 itinerarios

A implantación deste servizo de acompañante levarase a cabo nas rutas de transporte escolar nas que, polo menos o 50 por cento do alumnado de Infantil e Primaria transportado sexa menor de 12 anos.

En Galicia existen 2.252 rutas de transporte escolar que esixen este servizo, do total de 5.022 que cobren os desprazamentos dos alumnos que empregan este sistema de transporte para ir ós centros escolares.

Fonte: galicia-hoxe