ORDE do 6 de novembro de 2015 pola que se convocan axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2015/16.

Mediante a Orde do 25 de agosto de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia número 166, do 1 de setembro, convocáronse as axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2015/16. Agora, mediante a presente orde, apróbase unha segunda convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinada ao alumnado que non puidese acollerse ás axudas reguladas pola Orde do 25 de agosto de 2015, e a aquel que, tendo solicitada a axuda, resultase excluído por unha causa emendable. O texto da presente orde mantén un paralelismo case total co da Orde do 25 de agosto de 2015, para facilitarlles ás familias a realización dos trámites necesarios e aos centros docentes a xestión das axudas. DOG num 214