ESTATUTOS DA FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS/AS DOS CENTROS PÚBLICOS DE ENSINO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º. Denominación e natureza

A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as dos centros públicos de ensino da provincia de Pontevedra (FANPA) estará formada polas asociacións de pais e nais do alumnado de centros públicos de todo o ensino non universitario da provincia de Pontevedra e polas federacións locais ou comarcais de ANPA que, voluntariamente e de acordo co disposto nos seus propios estatutos, decidan integrarse nela.
A FANPA, de natureza asociativa e sen afán de lucro, rexerase por estes estatutos, polo disposto no artigo 22 da Constitución española, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e pola lexislación existente sobre asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º. Personalidade e capacidade

A FANPA constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar, en consecuencia, todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ó establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3º. Domicilio

O domicilio social fíxase na capital da provincia de Pontevedra, na rúa Xan Guillermo, núm. 9, 36002 Pontevedra.

Artigo 4º. Ámbito de actuación

O ámbito territorial de acción da FANPA é provincial, sen prexuízo daquelas accións que estean relacionadas coa FANPA ou con outros órganos colexiados existentes de ámbito territorial superior ó da provincia.

Artigo 5º. Duración

A FANPA constitúese por tempo indefinido.

CAPITULO II. OBXECTO DA FANPA

Artigo 6º. Fins

a) Representar e defender os dereitos e intereses das nais, dos pais e do alumnado dos centros públicos de ensino non universitario da provincia de Pontevedra, no senso de que reciba, de maneira eficaz, unha educación plural, democrática, integradora, solidaria e compensadora de desigualdades.
b) Realizar actividades sen afán de lucro, de asistencia social, relacionadas coa protección da infancia, deportivas e culturais, a natureza e o medio ambiente; ben prestados directamente ou por medio das ANPA e federacións asociadas, a través de convenios, concursos, acordos, etc. coas administracións públicas, en centros escolares ou fóra deles.
c) Asistir ás ANPA e federacións asociadas en todo aquilo que teña que ver cos fins fixados nos seus respectivos estatutos, en especial no que teña que ver coa educación do alumnado.
d) Representar e defender os dereitos das ANPA e federacións asociadas e asistir as nais, pais e titores do alumnado no dereito a intervir no control e na xestión dos centros públicos.
e) Velar para que o alumnado reciba unha educación humanista e científica, de alta calidade, orientada ó pleno desenvolvemento da súa personalidade, o fomento dos hábitos intelectuais, traballo en equipo, espírito crítico e democrático.
f) Fomentar o desenvolvemento das ANPA e federacións asociadas e promover a súa integración na FANPA cando non estean federadas e radiquen no seu ámbito territorial.
g) Promover a participación das nais, pais e titores do alumnado na actividade do centro escolar, así como a paridade de representación entre mestras/es e nais/pais/titores nos consellos escolares e noutros órganos colexiados, de ser o caso.
h) Fomentar e promover a cultura xeral e, en particular, o idioma galego.
i) Promover e desenvolver cantas actividades sexan necesarias para facilitar e conseguir os seus obxectivos, incluído o poder arbitrar medios económicos para axudar as ANPA e federacións asociadas, co obxecto de que poidan desenvolver mellor os seus fins.
j) Promover todo tipo de asociacións encamiñadas a que os grupos marxinados socialmente por razón de etnia, diminución física, psíquica ou sensorial ou calquera outro motivo, sexan integrados nos centros educativos e admitidos con normalidade na comunidade educativa.
k) Promover e fomentar entre as ANPA o uso das novas tecnoloxías.

l) Facilitar asesoramento legal a todos os membros asociados e, de ser o caso, promover as correspondentes accións administrativas ou xurídicas tendentes a garantir os intereses e dereitos recoñecidos legalmente.

Para o mellor cumprimento destes fins:
a) A FANPA, poderá xuntarse con outras entidades similares, promover unha federación de ámbito máis amplo (galego, español ou europeo) ou solicitar o seu ingreso na federación ou federacións que xa estiveran constituídas para o mesmo efecto, ou que, no seu momento puidesen constituírse en calquera dos ámbitos sinalados, así como confederarse.
b) A FANPA estará baseada no principio de igualdade de todas as ANPA que a compoñen.

CAPITULO III. DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E FORMA DE ADMINISTRACIÓN

Sección 1ª. Da Asemblea Xeral

Artigo 7º. Da Asemblea Xeral

O órgano supremo e soberano da FANPA é a Asemblea Xeral, integrada pola totalidade das ANPA e federacións asociadas, se é o caso, que se atopen en pleno uso dos seus dereitos sociais.
A Asemblea Xeral estará constituída pola Xunta Directiva (incluídos todos os seus membros), e dúas persoas delegadas de cada ANPA ou federación asociada, que poderán ser o presidente ou presidenta e outro membro da Xunta Directiva nomeado para tal fin, ou aqueles que cada ANPA ou federación decida conforme os seus estatutos. Todos os membros da Asemblea Xeral terán dereito a voz. Soamente terán dereito a voto as persoas delegadas de cada ANPA ou federación asociada.
Adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna e deberá reunirse, polo menos, unha vez por ano.
As Asembleas poderán ter carácter ordinario ou extraordinario, na forma e competencias que se indican nestes estatutos.

Artigo 8º. Lexitimación para convocar as Asembleas

As Asembleas serán convocadas pola presidencia da FANPA, por iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou por solicitude firmada do 10% do número legal de ANPA ou federacións asociadas.
No caso da iniciativa de convocatoria por parte dos asociados, a Xunta Directiva deberá facilitar o contacto coas ANPA socias ás ANPA que desexen convocar a Asemblea para
permitir acadar os avales necesarios para a convocatoria. Deberá garantirse a confidencialidade dos datos.
Acordada pola Xunta Directiva a convocatoria dunha Asemblea Xeral, a presidencia terá que convocala nun prazo máximo de 3 días naturais, para a súa realización, dentro dun prazo de 15 días, contados dende a data de convocatoria da presidencia.
A solicitude de convocatoria efectuada polas ANPA ou federacións asociadas deberá ir asinada e selada por cada unha das ANPA ou federacións que a promovan, e haberá de conter expresamente a orde do día da sesión, achegando os documentos ou información que fosen necesarios para telos en conta na adopción dos acordos.
A solicitude terá que ser presentada ante a persoa titular da secretaría da FANPA, a cal selará unha copia que será entregada á persoa que a presente. A secretaría da Federación, despois de comprobar os requisitos formais (número de socias/os, convocatoria e documentación, se é o caso), dará conta inmediata a quen ocupe a presidencia, para que, no prazo de 3 días naturais, contados dende a súa presentación, convoque a Asemblea que haberá de realizarse dentro do mes seguinte ó da data da presentación. Se a solicitude adoecera dos requisitos formais antes nomeados, a secretaría terá por non formulada a solicitude e arquivarase logo de comunicarllo á asociación que encabece a listaxe ou sinaturas.
Se quen exerce a presidencia, non convocase a Asemblea no prazo dos 3 días naturais seguintes ou a convocase dentro do prazo para a súa realización con posterioridade ó mes seguinte da presentación da solicitude, os promotores estarán lexitimados para convocar a Asemblea Xeral, expresando os ditos extremos na convocatoria, que irá asinada pola persoa que encabece as sinaturas ou listaxe de solicitude, logo da comunicación por escrito á presidencia da FANPA.

Artigo 9º. Forma da convocatoria

A convocatoria efectuada polas persoas lexitimadas para iso, conforme o artigo anterior, haberá de ser comunicada cunha antelación de 15 días á realización da Asemblea e no caso de existir taboleiro de anuncios, será exposto neste coa antelación indicada.
O envío da convocatoria e de toda a documentación necesaria para o desenvolvemento da Asemblea será remitida por correo electrónico a todos os membros asociados e por unha Intranet exclusiva para as ANPA, se existise. A convocatoria deberá conter a orde do día, así como o lugar, data e hora da súa realización.
A documentación necesaria e información que deba ser tida en conta para a adopción dos acordos, deberá de estar a disposición dos membros asociados na Intranet da FANPA, cunha antelación mínima de 15 días á realización da Asemblea.

Artigo 10º. Da Asemblea Xeral Ordinaria

A Asemblea Xeral Ordinaria haberá de convocarse no primeiro trimestre do ano, co obxecto de tratar os seguintes puntos da orde do día:

1) Lectura e aprobación, se procede, da actas das sesións anteriores pendentes de aprobar.
2) Exame e aprobación, se procede, das contas do exercicio anterior.
3) Exame e aprobación, se procede, do orzamento do exercicio.
4) Exame da memoria da actividades e aprobación, se procede, da xestión da Xunta Directiva.
5) Aprobación, se procede, do programa de actividades.
6) Resolver acerca da admisión de novas ANPA ou federacións na FANPA cando as circunstancias o requiran e a Xunta Directiva non estime oportuna a súa inclusión de maneira directa, pese a reunir as condicións recollidas nestes estatutos.
7) Rolda de intervencións
8) Calquera outro asunto que non esixa ser incluído na orde do día dunha Asemblea Xeral Extraordinaria

Artigo 11º. Da Asemblea Xeral Extraordinaria

Requiren acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto:

  • Modificación parcial ou total dos estatutos.
  • Disolución da FANPA.
  • Elección da Xunta Directiva.
  • Disposición e alleamento dos bens.
  • A aprobación das cotas dos asociados, tanto as periódicas coma as extraordinarias.
  • Autorizar a concertación de créditos ou préstamos de calquera contía.
  • A integración ou participación noutras organizacións de ANPA de ámbito provincial ou superior ó provincial.
  • Resolver os recursos presentados por aquelas ANPA que foran expulsadas da FANPA a resultas de expediente disciplinario incoado pola Xunta Directiva.

Artigo 12º. Constitución, votación e adopción de acordos

As Asembleas, tanto ordinarias como extraordinarias, logo da convocatoria efectuada 15 días antes da reunión, quedarán validamente constituídas, en primeira convocatoria, cando estean presentes un terzo das ANPA ou federacións asociadas con dereito a voto e, en
segunda convocatoria, calquera que sexa o número de membros con dereito a voto, tendo que mediar, se é o caso, cando menos un prazo de 30 minutos.
As persoas que ocupen a presidencia e a secretaría da Asemblea serán a presidencia e a secretaría da FANPA ou as súa vicepresidencia. Se non estivesen presentes ningunha delas, elixiríanse entre as persoas asistentes á Asemblea.

Artigo 13º. Forma de deliberar e adopción de acordos

Todos os asuntos debateranse e votaranse de acordo co que figure na orde do día. A persoa que desempeñe a presidencia iniciará o debate, abrindo unha primeira quenda de intervencións na que se fará uso da palabra logo da súa autorización. Igualmente, moderará os debates, podendo abrir unha segunda quenda de intervencións ou conceder a palabra por alusións.
As votacións serán efectuadas a man alzada polas persoas delegadas presentes, aínda que será secreta sempre que o solicite polo menos un vinte por cento dos delegados presentes. En todo caso a votación será secreta no caso da elección da Xunta Directiva.
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das delegadas e delegados presentes, é dicir, cando os votos afirmativos superen os negativos.
Non obstante, requirirán maioría cualificada das delegadas e delegados presentes, é dicir, cando os 2/3 da suma dos votos sexan afirmativos, os acordos relativos á disolución da FANPA, modificación dos estatutos e a disposición ou alleamento dos bens.
Os acordos da Asemblea Xeral que afecten á denominación da FANPA, domicilio, fins e actividades estatutarias, designación dos membros da Xunta Directiva, constitución de federacións, confederacións e unións, disolución, ou os de modificacións estatutarias, comunicaranse ó Rexistro de Asociacións para a súa inscrición, no prazo dun mes contado dende que se produza o acordo. Todos os acordos tomados na Asemblea Xeral faranse constar nunha acta que será redactada polo/a secretario/a, que asinará co visto e prace do/a presidente/a e que ha de ser sometida a aprobación na mesma ou na seguinte Asemblea.

Seccion 2ª. Do órgano de representación

Artigo 14ª. Xunta Directiva. Composición e duración

A Xunta Directiva terá un mandato de 2 anos, podendo ser reelixida por veces sucesivas, parcial ou totalmente, e estará composta por un máximo de 15 persoas.

Artigo 15º. Dos cargos

Como órgano colexiado, estará constituída por: presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e ata 11 vogais. Os vogais serán elixidos de forma que estean representadas as diferentes comarcas ou federacións da provincia.
O exercicio do cargo será persoal, sen que se poida delegar o voto nas sesións da Xunta Directiva.
Para ser membro da Xunta Directiva serán requisitos necesarios:
1. Ser maior de idade.
2. Estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar incurso en motivos de inhabilitación ou incompatibilidade establecidos na lexislación vixente ou nestes estatutos.
3. Ter a condición de socio/a dunha ANPA integrada na FANPA.
4. Contar con fillos menores escolarizados nun centro público.
5. Non ostentar calquera cargo público de libre designación ou cargo en calquera partido político, e non participar en listas electorais.

Artigo 16º. Elección

A elección da Xunta Directiva, farase mediante listas pechadas, entre as candidaturas presentadas (ata 10 membros) e o resto de vogais ata completar o número máximo de membros mediante listas abertas entre as persoas socias de ANPA federadas que cumpran os requisitos esixibles e presenten a súa candidatura en tempo e forma recollidos nestes estatutos. Todas as votacións faranse polo procedemento de voto secreto en urna.
As candidaturas á Xunta Directiva da FANPA presentaranse por escrito ante a secretaría da FANPA dende a convocatoria da Asemblea Extraordinaria na que se producirá a elección ata sete días antes da data establecida para as votacións. As candidaturas deberán estar compostas polo seguintes membros:
– Presidente/a
– Secretario/a
– Tesoureiro/a
– Vicepresidente/a
– Vogais ( un mínimo de catro e un máximo de seis )

Todas as persoas deberán cumprir os requisitos especificados no artigo 15º.
Cada candidatura deberá achegar a seguinte documentación:
– Solicitude da candidatura incluíndo unha listaxe de todos os membros coa designación do posto ao que se opta e asinada por todos os membros da candidatura. Indicaranse tamén os datos de contacto da candidatura.
– Acreditar ser pai, nai ou titor/a dun alumno/a menor de idade socio/a dunha ANPA integrada na FANPA de todos os membros da candidatura.
– Aval da candidatura por parte dunha ANPA federada na FANPA.
– Fotocopia do documento de identificación legal (DNI, NIE ou pasaporte) de todos os membros da candidatura.

Unha vez pechado o período de presentación de candidaturas, publicaranse as candidaturas no portal web, así como no taboleiro de anuncios da FANPA.
Porase a disposición de cada candidatura unha páxina no portal web da FANPA para que poidan expoñer o seu programa. A páxina comporase do texto que desexe a candidatura e todos os documentos complementarios que desexen. Tamén se dará a opción de enviar por correo electrónico dúas comunicacións ao censo de ANPA federadas e con dereito a voto. Dende que a candidatura remita a información ata que se poña no portal ou se remita por correo electrónico, non pasarán mais de 24 horas (exceptuando do cómputo sábados, domingos e festivos).
Unha vez constituída a Asemblea Xeral Extraordinaria, darase a cada candidatura 10 minutos para a presentación da candidatura e exposición de cadanseu programa de actuación. A orde de presentación decidirase por sorteo.
Cada delegado/a con dereito a voto votará por unha das candidaturas, resultando elixida a que acade o maior número de votos. En caso de empate, repetirase a votación soamente coas candidaturas empatadas en primeiro lugar.
Unha vez proclamada a candidatura gañadora, procederase a unha votación mediante listas abertas para elixir os vogais que falten ata completar o número máximo de compoñentes da Xunta Directiva.
Poderanse presentar todos os socios de ANPA federadas que cumpran os requisitos recollidos no artigo 15º dende a convocatoria da Asemblea ata o momento de proceder á votación dos vogais. Darase aos membros das candidaturas á Xunta Directiva non gañadoras a posibilidade de presentarse individualmente como vogais. Todos os candidatos a vogais, deberán presentar a solicitude de inclusión como candidato, xunto cunha copia do documento de identidade e acreditación da súa condición de socio de dunha ANPA federada.
A orde das candidaturas na papeleta decidirase por sorteo, e cada delegado con dereito a voto poderá marcar un número máximo de candidatos que coincidirá co número de postos de vogais que se cubrirán.
Resultarán elixidos os candidatos con maior número de votos, ata cubrir as vacantes. En caso de empate nos últimos postos con opción a vogal, decidirase por sorteo.
No caso de quedaren prazas de vogais non cubertas, serán nomeados/as pola Xunta Directiva por proposta de calquera dos seus membros. Estes nomeamentos deberán ser ratificados pola Asemblea Xeral na primeira sesión que se convoque. Procederase do mesmo xeito no caso de producírense postos de vogais vacantes durante o mandato da Xunta Directiva.
A Xunta Directiva resultante das votacións deberá ter a súa sesión de constitución entre 7 e 21 días despois das votacións.
Se non houbese candidaturas, a Asemblea Xeral poderá nomear unha xunta xestora ou optar pola continuidade da Xunta Directiva en funcións, encargada de seguir coa actividade da FANPA e a convocatoria de novas eleccións nun período máximo de dous meses.

Artigo 17º. Cese dos cargos

Os membros da Xunta Directiva cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:
a) Por morte.
b) Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.
c) Por resolución xudicial.
d) Por renuncia.
e) Por acordo adoptado coas formalidades estatutarias, en calquera momento, pola Asemblea Xeral.
f) Por deixar de cumprir algún dos requisitos recollidos no artigo 15º. En todos estes supostos suporía a baixa automática da Xunta Directiva.
g) Por transcurso do período do seu mandato ou elección de nova Xunta Directiva.

Ata que non se realice a Asemblea Xeral para a elección da nova Xunta Directiva e se produza a toma de posesión da nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións.
Este feito deberá expresarse en todos os documentos que teñan que asinar os respectivos cargos en funcións.
Mentres a Xunta Directiva se encontre en funcións, limitará as súas decisións á xestión dos asuntos diarios e ordinarios da FANPA, non podendo en ningún caso proceder ao asinamento de contratos.
Unha vez elixida a nova Xunta Directiva, e mentres non teña lugar a súa sesión de constitución e toma de posesión, a Xunta Directiva saínte informará de toda decisión tomada, asesorará e formará á nova Xunta Directiva, permitíndolle o acceso a toda a documentación da Federación que esta requira.
En caso de cese da persoa que ocupe a presidencia, esta será ocupada pola persoa que ocupe a vicepresidencia e nomearase a un dos vogais para ocupar a vicepresidencia. En caso de cese do presidente e do vicepresidente elixido nas últimas eleccións, deberase convocar unha Asemblea Xeral Extraordinaria para proceder á elección dunha nova Xunta Directiva, que deberá realizarse antes dun mes dende a data do cese. Procederase igual no caso do cese da metade ou máis da candidatura que resultara gañadora na última elección. Durante o período ata á elección, a Xunta Directiva continuará en funcións.
No caso de cese da persoa que ocupe a vicepresidencia, a secretaría ou a tesourería, a Xunta Directiva nomeará a un dos vogais para o posto, e deberá ser ratificado en Asemblea Xeral na primeira sesión que se convoque.
Os ceses e nomeamentos deberán de ser comunicados ó Rexistro de Asociacións, para a súa constancia e publicidade.

Artigo 18º. Da presidencia

Correspóndelle a quen ocupe a presidencia:
a) Representar á FANPA ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas.
b) Presidir as reunións que realice a Xunta Directiva, así como as Asembleas Xerais, dirixindo e ordenando os debates, suspender e rematar as sesións.
c) Executar os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, podendo para iso realizar toda clase de actos e contratos e asinar aqueles documentos necesarios para tal fin; sen prexuízo de que por cada órgano, no exercicio das súas competencias, ó adoptar os acordos se faculte expresamente para a súa execución a calquera outro membro da Xunta Directiva.
d) Cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
e) Ordenar os pagamentos e dispoñer dos fondos sociais xuntamente coa sinatura de Tesourería.
f) Dirimir co seu voto os empates.
g) Visar as actas e certificacións dos acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da Xunta Directiva e da Federación.

Artigo 19º. Da vicepresidencia

Correspóndelle ó vicepresidente/a substituír ó presidente/a nos casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa. Así mesmo, o presidente ou presidenta poderá delegar nel/a competencias para atención ou xestión de asuntos determinados ou un conxunto deles, logo da conformidade da Xunta Directiva.

Artigo 20º. Da secretaría

Correspóndelle a quen ocupe a secretaría na Xunta Directiva as seguintes funcións:
a) Asistir ás sesións da Xunta Directiva e das asembleas e redactar e autorizar as actas.
b) Efectuar as convocatorias das sesións da Xunta Directiva e asembleas, por orde da presidencia, así como as citacións dos seus membros respectivos.
c) Dar conta inmediata á presidencia da solicitude de convocatoria efectuada polas ANPA ou federacións asociadas na forma prevista nestes estatutos.
d) Recibir os actos de comunicación dos membros da Xunta Directiva con relación a esta e das ANPA e federacións asociadas e, por tanto, as notificacións, peticións de  datos, rectificacións, certificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.
e) Preparar o despacho dos asuntos coa documentación correspondente que poida ser empregada ou tida en conta.
f) Expedir certificacións dos acordos aprobados e outras certificacións, co visto e prace da presidencia, así como os informes que fosen necesarios.
g) Ter baixo a súa responsabilidade e custodia o arquivo, documentos e libros da FANPA, a excepción do/s libros de contabilidade.
h) Calquera outra función inherente á súa condición de secretario/a.

Nos casos de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, a persoa que ocupe a secretaría será substituída por un vogal designado pola presidencia.

Artigo 21º. Da tesourería

Son funcións específicas da tesourería as seguintes:
a) Recadar os fondos da FANPA, custodialos e investilos na forma determinada pola Asemblea ou Xunta Directiva.
b) Efectuar os pagamentos co visto e prace da presidencia.
c) Intervir coa súa sinatura en todos os documentos de cobros e pagos, coa conformidade da presidencia.
d) Levar os libros de contabilidade e o cumprimento das obrigas fiscais da FANPA, no prazo e forma.
e) Elaborar o anteproxecto de presupostos, para a súa aprobación da Xunta Directiva e para o seu sometemento da Asemblea, e preparar o balance das contas que teñan que someterse a dita Asemblea.
f) Calquera outras funcións inherentes á súa condición de tesoureiro ou tesoureira, como responsable da xestión económica financeira.

Artigo 22º. Das vogalías

Son funcións das vogalías as seguintes:
a) Participar no debate das sesións.
b) Exercer o seu dereito a voto e formular o seu voto particular nas sesións da Xunta Directiva.
c) Coordinar as áreas que poidan ser ou lles sexan encomendadas pola Xunta Directiva.

d) Manter informada á Xunta Directiva e á Asemblea Xeral dos aspectos específicos que lles sexan encomendados.

Artigo 23º. Apoderamentos

A Xunta Directiva pode nomear apoderados/as xerais ou especiais.

Artigo 24º. Xunta Directiva

O goberno, administración e representación da FANPA correspóndelle á Xunta Directiva, cuxas atribucións serán as de executar o disposto nestes estatutos, así como os acordos que adopten as asembleas.

Artigo 25º. Convocatorias e sesións

1) Para a válida constitución da Xunta Directiva, para os efectos de realización das sesións, deliberacións e adopcións de acordos; deberán estar presentes a metade dos seus membros e será necesaria a presenza das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría, respectivamente, ou de quen as substitúa.
2) A Xunta Directiva reunirase, polo menos, unha vez cada dous meses e cantas veces sexa necesario para a boa marcha da FANPA. A convocatoria será feita por quen ocupe a Secretaría por orde da Presidencia ou a iniciativa da metade máis un dos membros da Xunta Directiva.
3) A convocatoria, cos seus elementos formais (orde do día, lugar e data…), farase chegar cunha antelación mínima de 48 horas á súa realización, mediante correo electrónico ou calquera outro medio análogo acordado pola Xunta Directiva a todos os seus membros, xunto con toda a documentación necesaria para os temas que van tratar.
4) As deliberacións seguirán o mesmo réxime sinalado no artigo 13 para a Asemblea Xeral. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos. En caso de empate, o voto da presidencia servirá para dirimir a igualdade.
5) Non poderá adoptarse acordo ningún se non figura na orde do día, salvo que, estando presentes a totalidade dos membros que compoñen a Xunta Directiva, o acorden por unanimidade.
6) Igualmente quedará validamente constituída a Xunta Directiva sen convocatoria previa, cando estando presentes todos e cada un dos membros, así o acorden por unanimidade, acolléndose ó mencionado no apartado anterior en canto ós acordos. As xuntas así constituídas recibirán a denominación de Xunta Directiva Universal.
7) Aqueles membros que xustificadamente non puidesen asistir a unha reunión da Xunta Directiva, poderán participar con todos os seus dereitos a través de videoconferencia, feito que se fará constar na acta da reunión.

8) Ás sesións da Xunta Directiva poderán asistir aquelas persoas con funcións de asesoramento, previamente citadas ou invitadas por quen convoque a Xunta Directiva, con voz e sen voto para mellor acerto nas súas deliberacións.
9) É obriga da Xunta Directiva informar ás ANPA e federacións socias dos acordos da Xunta Directiva.

Artigo 26º. Competencias

As funcións da Xunta Directiva son:
a) Confeccionar o plan de actividades.
b) Outorgar apoderamentos xerais ou especiais.
c) Organizar e desenvolver as actividades que aprobe a Asemblea Xeral.
d) Aprobar o proxecto de presuposto para a súa aprobación definitiva da Asemblea Xeral.
e) Aprobar o estado de contas elaborado pola tesourería, para a súa aprobación definitiva, se procede, da Asemblea Xeral.
f) Elaborar a memoria anual de actividades para o seu informe á Asemblea Xeral.
g) Creación de comisións de traballo que considere conveniente, para o desenvolvemento das funcións encomendadas e as actividades aprobadas, así como para calquera outras cuestións derivadas do cumprimento dos fins sociais.

Estas comisións regularán o seu funcionamento interno na forma que acorden elas na súa primeira sesión constitutiva.
As comisións informarán á Xunta Directiva das súas actividades en cada unha das reunións da Xunta Directiva.
h) Resolver as solicitudes relativas á admisión de novas ANPA ou federacións locais/comarcais.

Artigo 27º. Das obrigas e responsabilidades dos membros da Xunta Directiva

Son obrigas da Xunta Directiva:
a) A suxeición a estes estatutos e a todas as normas legais que competan á FANPA.
b) Entregar, cando sexa relevada pola elección de novos cargos, os libros, documentos e efectos da FANPA e a render conta da súa xestión.
c) Organizar o réxime interno da FANPA, tomando as medidas e iniciativas convenientes para o mellor desenvolvemento dos seus fins sociais.
d) Atender ó goberno e boa orde da FANPA.

e) Facilitar á FANPA dun correo electrónico que se empregará como medio de comunicación autorizado e en constante revisión.

Os membros da Xunta Directiva responderán fronte á FANPA dos danos e prexuízos que causen por actos contrarios á lei ou a estes estatutos ou por feitos neglixentes. Quedarán exentos de responsabilidade quen se opuxera expresamente ao acordo determinante de tales actos ou non participara na súa adopción.

Artigo 28º. Carácter gratuíto do cargo

O membros da Xunta Directiva exercerán o seu cargo gratuitamente, sen que en ningún caso poidan recibir retribucións polo desempeño das súas funcións, sen prexuízo do dereito de ser reembolsados os gastos ocasionados no exercicio dos cargos, sempre que estes se atopen debida e formalmente xustificados.

Sección 3ª. Disposicións comúns ós órganos

Artigo 29º. Das actas

1) En cada sesión que realice a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, a secretaría redactará unha acta, que especificará necesariamente o quórum necesario para a válida constitución (no caso da Xunta Directiva especificaranse necesariamente as persoas asistentes), a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo na que se realizaron, os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados.
2) Na acta figurará, a solicitude dos respectivos membros, o voto contrario ó acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no momento ou no prazo de 48 horas o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, neste caso, farase así constar na acta ou unirase unha copia dela.
3) As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión e a secretaría poderá emitir unha certificación sobre os acordos específicos que se adopten, sen prexuízo da ulterior aprobación. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.
4) As actas serán asinadas polas persoas que ocupen a secretaría e a presidencia.

Artigo 30º. Impugnación dos acordos

Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva poderán ser impugnados ante a orde xurisdicional civil na forma legalmente establecida.
As ANPA e federacións asociadas poderán impugnar os acordos e actuacións da FANPA que estimen contrarios a estes estatutos dentro do prazo de 40 días, contados a partir do seu coñecemento, instándoa á súa rectificación ou anulación e á suspensión preventiva, se é o caso, ou acumulando ambas as dúas pretensións polos trámites establecidos na Lei de axuizamento civil.
En tanto se resolven as contendas de orde interno que poidan suscitarse na asociación, as solicitudes de constancia rexistral que se formulen sobre as cuestións controvertidas só darán lugar a anotacións provisionais.

CAPITULO IV. PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN E PERDA DA CONDICIÓN DE SOCIA DUNHA ANPA OU FEDERACIÓN LOCAL/COMARCAL

Artigo 31º. Adquisición da condición de socia

Só poderán ser membros de FANPA, as ANPA existentes nos centros de ensino non universitario de titularidade pública da provincia de Pontevedra, e sempre que se comprometan a aceptar estes estatutos. Tamén poderán formar parte de FANPA as federacións locais ou comarcais, sempre que o seu ámbito de actuación sexa inferior ó da propia FANPA e que estean de acordo cos seus fins.
A solicitude para adquirir a condición de socia debe aceptarse pola Xunta Directiva e deberá achegar a seguinte documentación:
 Copia dos estatutos polos que se rexe.
 Certificado asinado pola presidencia e a secretaría do acordo adoptado polo órgano competente do solicitante, onde conste a solicitude de ingreso na FANPA.
 Domicilio social, postal e dirección de correo electrónico.
 Número de conta corrente onde facer os cobros das cotas da FANPA.
 Compromiso de facer a inscrición da incorporación na federación no rexistro de asociacións unha vez que a súa solicitude sexa aceptada pola Xunta Directiva

A admisión será voluntaria sempre, se ben, ningunha ANPA poderá ser excluída por ningún motivo que supoña unha discriminación por motivos de relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social dos seus membros.

Artigo 32º. Perda da condición de socia

A condición de socia perderase por algunha das seguintes causas:
a) Pola libre vontade da ANPA ou federación asociada. A solicitude deberá achegar a seguinte documentación:
 Solicitude da baixa asinado pola secretaría e a presidencia da ANPA ou federación
 Certificado asinado pola secretaría e a presidencia do acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria da ANPA ou federación na que se adoptou a decisión de causar baixa na FANPA, xunto coa copia da acta.

Os efectos serán automáticos, dende a data da súa presentación.
b) Por falta de pagamento dunha cota anual. Neste caso, será necesaria a expedición pola tesourería dun certificado de descuberto, coa conformidade asinada de quen ocupe a presidencia. Os efectos serán dende a súa notificación á asociación ou federación morosa, facéndose constar, necesariamente, a perda da condición de socia.

Non obstante, malia o apartado anterior, a asociación ou federación que perda a dita condición pola causa citada poderá rehabilitala, se no prazo dun mes contado dende a notificación, aboase a cota debida. Transcorrido este prazo, terá que solicitar novamente a súa alta na FANPA.
c) Por incumprimento grave destes estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos sociais. Será requisito indispensable o acordo motivado da Xunta Directiva, adoptado por 2/3 do número de votos legalmente emitidos. Toda asociación ou federación asociada terá dereito a ser informada dos feitos que dea lugar á súa expulsión e a ser escoitada con carácter previo á adopción do dito acordo.

CAPITULO V. DEREITOS E DEBERES DAS ANPA E FEDERACIÓNS SOCIAS

Artigo 33º. Dereitos

Son dereitos das ANPA ou federacións socias:
a) Participar nas actividades da FANPA e nos órganos de goberno e representación, tamén, exercer o dereito a voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo con estes estatutos.
b) Ser informadas acerca dos órganos de goberno e representación da FANPA, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade, incluíndo os acordos da Xunta Directiva.
c) Ser escoitadas con carácter previo á toma de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, se é o caso, impoña a sanción.
d) Acceder á documentación da FANPA, logo da petición por escrito.
e) Recibir cantas axudas, asesoramento e colaboración de calquera clase que lle poida prestar á FANPA co fin de poderen desenvolver de forma axeitada a súa propia actividade como ANPA.
f) Conservar plena autonomía no seu propio ámbito, e sempre que a súa actuación se axeite ao escrupuloso respecto dos obxectivos e fins establecidos nos presentes estatutos. En todos os casos, a acción federativa respectará a plena autonomía de cada asociación ou federación afiliada, sen entremeterse nos seus asuntos internos.

g) Expoñer á Xunta Directiva, por medio dun escrito, calquera petición, proxecto e opinión que afecte á Federación Provincial ou aos seus asociados, e a que se lle dea contestación.

Artigo 34º. Deberes

Son deberes das ANPA ou federacións socias:
a) Compartir os fins da FANPA e colaborar para a súa consecución.
b) Estar ó día nas cotas, derramas e outras achegas que, conforme ós Estatutos, poidan corresponderlles.
c) Cumprir o resto das obrigas que resulten das disposicións estatutarias.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente tomados pola Xunta Directiva e Asemblea Xeral.
e) Facilitar á FANPA un correo electrónico que se usará como medio de comunicación autorizado.
f) Comunicar os cambios das súas xuntas directivas e estatutos.

Sen prexuízo da perda da condición de socia por falta de pago das cotas sociais, mentres se procede á súa expulsión, a ANPA ou federación socia terá en suspenso o dereito de sufraxio activo e pasivo. Esta suspensión do dereito producirase coa falta de pagamento dunha soa cota e mentres se proceda á súa regulación ou á perda definitiva da condición de ANPA ou federación asociada.

CAPITULO VI. RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 35º. Patrimonio fundacional

A FANPA creouse sen patrimonio fundacional. A medida que teña ou adquira toda clase de bens e dereitos, tanto mobles coma inmobles, rexistraranse nun libro inventario de bens.
Artigo 36º. Titularidade dos bens e dereitos
A FANPA deberá figurar como titular de todos os bens e dereitos que integran o seu patrimonio, os cales faranse constar nun inventario e inscribiranse, se é o caso, nos rexistros públicos correspondentes.

Artigo 37º. Financiamento

A FANPA, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase con:
a) Os recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio, se é o caso.
b) As cotas das ANPA ou federacións asociadas, ordinarias ou extraordinarias.

c) Os donativos ou subvencións que puidesen ser concedidos por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.
d) Doazóns, herdanzas ou legados, aceptados pola Xunta Directiva.
e) Os ingresos provenientes das súas actividades.
f) Convenios con fundacións e empresas tanto públicas coma privadas.
g) Publicidade en calquera medio establecido pola FANPA.
h) Calquera outro recurso lícito.

Os beneficios obtidos pola FANPA, derivados do exercicio de actividades económica, incluídas as prestacións de servizos, deben destinarse exclusivamente ó cumprimento dos seus fins, sen que poida facerse, en ningún caso, o reparto entre as persoas asociadas nin entre os seus cónxuxes ou persoas que convivan con aquelas con análoga relación de afectividade, nin entre os seus parentes, nin a cesión gratuíta a persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 38º. Exercicio económico, presuposto e contabilidade

1) O exercicio económico coincidirá co ano natural, polo que comezará o 1 de xaneiro e finalizará o 31 de decembro de cada ano.
2) Anualmente a Xunta Directiva confeccionará o orzamento que deberá ser aprobado en Asemblea Xeral. Coa aprobación do referido orzamento quedarán aprobadas as cotas ordinarias para o exercicio correspondente.

Para a aprobación das cotas extraordinarias, haberá de convocarse unha Asemblea Xeral Extraordinaria, salvo que a FANPA carecese de liquidez e a disposición e gasto correspondente fosen urxentes, en tal caso bastará coa adopción do acordo pola Xunta Directiva, logo do informe da tesourería e posterior ratificación da Asemblea Xeral, que haberá de aprobarse no prazo dos 30 días seguintes á adopción do acordo pola Xunta Directiva.
3) A Asemblea Xeral aprobará anualmente as contas da FANPA, unha vez finalizado o exercicio orzamentario ó que correspondan.
4) A aprobación por parte da Asemblea tanto das contas do exercicio pechado como o orzamento do novo exercicio terá que ser no primeiro trimestre do ano.
5) A Xunta Directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da FANPA.

CAPITULO VII. DISOLUCIÓN E APLICACIÓN DO CAPITAL SOCIAL

Artigo 39º. Disolución

A FANPA poderá ser disolta polas seguintes causas:
1) Polo acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para ese único efecto, e co voto favorable das dúas terceiras partes das persoas delegadas presentes.
2) Polas causas que se determinan no artigo 39 do Código civil.
3) Por sentenza xudicial firme.

Artigo 40º. Liquidación

Acordada a disolución da FANPA, abrirase o período de liquidación, ata o final do cal a
entidade conservará a personalidade xurídica.
Os membros da Xunta Directiva no momento da disolución convértense en persoas liquidadoras, salvo que as designe expresamente a Asemblea Xeral ou un xuíz que, se é o caso, acorde a liquidación.
Corresponde ás persoas liquidadoras:
a) Velar pola integridade do patrimonio da FANPA.
b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
c) Cobrar os créditos da FANPA.
d) Liquidar o patrimonio e pagar ós acredores.
e) Aplicar os bens sobrantes ós fins previstos nestes estatutos.
f) Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro.

O patrimonio resultante despois de pagadas as débedas e cargas sociais, destinarase a entidades non lucrativas que busquen fins de interese xeral iguais ós realizados pola FANPA. Igualmente poderán ser destinados os bens e dereitos resultantes da liquidación a entidades de dereito público.
No caso de insolvencia da FANPA, a Xunta Directiva ou, se é o caso, as persoas liquidadoras, han de promover inmediatamente o oportuno procedemento concursal ante o xuíz competente.

DISPOSICION ADICIONAL

En canto ó que non estea previsto nestes estatutos, aplicarase a vixente Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación; e as disposicións complementarias.

DILIXENCIA:

Os presentes estatutos da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as dos centros públicos de ensino da provincia de Pontevedra (FANPA) foron aprobados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o día 24 de outubro de 2015.

Estatutos da FANPA -Texto íntegro-

Updated on 2016-02-24T14:04:44+00:00, by Xestión.