Programa Youtubeir@s. Aberto prazo de inscrición para os encontros

Está aberto o prazo de inscrición para os eventos Youtubeir@s en conexión e Lista de reprodución ao vivo, previstos para os días 8 e 28 de xuño na Coruña e en Santiago de Compostela respectivamente. Estes dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube organízanse por primeira vez dentro do Proxecto Youtubeir@s co obxectivo de crear espazos de conexión e redes conxuntas de traballo entre as persoas youtubeiras.

O Proxecto Youtubeir@s está organizado polo Concello de Pontevedra xunto cos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, a través dos servizos de normalización lingüística. Desenvólvese co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua e celebra neste 2019 a súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate. Con esta máxima, o Proxecto Youtubeir@s busca para este ano non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube.


Premios Youtubeir@s: inscricións ata o 27 de setembro

Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

[pdf-embedder url=”http://www.nontedurmas.org/wp-content/uploads/2019/06/Información-inscrición-nos-encontros-youtubeiros.pdf” title=”Información inscrición nos encontros youtubeiros”]

 

[pdf-embedder url=”http://www.nontedurmas.org/wp-content/uploads/2019/06/folleto.pdf”]