Por que tantas leis de educación?

LGE (1970), LODE (1985), LOGSE (1990), LOCE (2002) LOE (2006), LOMCE (2012)… Señorías, non van ter siglas para denominar futuras leis de educación!

 

A situación é preocupante e ao mesmo tempo debe causarlles algunha gargallada aos nosos socios e socias comunitarios: nos 12 últimos anos tivemos tres leis de educación, unha cada catro anos, isto supón que moitos dos nosos fillos e fillas se van ver afectados na súa etapa en idade escolar polos cambios de tres leis a LOCE, LOE e LOMCE. Esta curta vida dunha lei demostra a súa ineficacia  ou a  incompetencia das persoas que a fixeron e a aprobaron. Eu inclínome por esta última.

Señores diputados e señoras diputadas, xa basta! Se queren xustificar os seus soldos, non fagan e aproben leis coma churros, traballen nunha lei de educación seria, realista, moderna e duradeira. Para iso, é fundamental que se realice un diagnóstico pormenorizado e serio do sistema educativo (por profesionais) e coa participación de todos os sectores implicados, sobre todo, pais e nais, profesorado e estudantes.

Os pais e as nais estamos fartos dos continuos cambios normativos, non queremos que con cada  goberno haxa unha nova lei de educación baixo intereses e pareceres partidistas, queremos unha boa lei que dure no tempo, goberne quen goberne, que estea consensuada por toda a comunidade educativa, que todos os sectores aposten por ela e que sexa avalada e respectada por todos os grupos políticos. Só así será efectiva e terá unha longa vixencia.

Francisco Freire- Vicepresidente 1 FANPA PONTEVEDRA