Plan Corresponsables, unha nova liña de axudas do Ministerio de Igualdade

En cumprimento da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia, e no artigo 44 sinala que os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral se lles recoñecerán aos traballadores e ás traballadoras de forma que fomenten a asunción equilibrada das responsabilidades familiares, evitando toda discriminación baseada no seu exercicio.

De aí a Consellería de Igualdade da Xunta publica a


RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento SI436A, SI436B e SI436C).

Especialmente de interese para as ANPA:

“c) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C).”

 

4. Ao abeiro do disposto na presente resolución, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos:

4.1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:

a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse en domicilio por un número determinado de horas semanais.

b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lle sexa de aplicación.

4.2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.

5. Subvencionaranse actuacións de nova creación ou ampliación e mellora das existentes. Queda excluído o financiamento de gastos que se materialicen en prestacións económicas directas a persoas e/ou familias, ou gastos relativos á dotación de persoal dos centros de educación infantil.

6. Subvencionaranse, así mesmo, as actuacións complementarias para dar a coñecer as medidas do Plan Corresponsables, como accións de difusión e información das actuacións recollidas no Plan Corresponsables e edición de material didáctico, xunto a actuacións de asesoramento, avaliación e estudo para a implantación das medidas do Plan Corresponsables, que supoñan un gasto máximo de ata o 3 % do importe da subvención.

Artigo 8. Liña do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais, de escolas infantís e de centros educativos sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C)

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta liña de subvención as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas do Plan Corresponsables, definidas no artigo 4, referidas a custos directos de persoal e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 9 desta resolución.

Serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 31 de decembro de 2022, ambos os dous incluídos.

Artigo 12. Subcontratación

1. As entidades locais beneficiarias, as entidades de iniciativa social e as ANPA poderán subcontratar ata o 100 % da execución das actuacións e actividades obxecto de subvención, de conformidade co disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 novembro, xeral de subvencións, e co artigo 27 da Lei 9/2007, do 18 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Por tanto, ata o 28 de agosto.


Orixe
: Resolución do DOG nº 142 do 2022/7/27 – Xunta de Galicia