A Xunta Directiva de FANPA en funcións
FIN DE MANDATO E ACHEGA DE CANDIDATURAS
O día 27 de novembro de 2013 a Xunta Directiva da Federación de ANPA de Pontevedra completou o seu mandato de dous anos , quedando en funcións ata a elección da nova Xunta Directiva.
Segundo o artigo 16 dos Estatutos a elección da Xunta Directiva, farase mediante listas pechadas, que se presentarán ante a secretaría da FANPA cunha antelación de 24 horas dende a primeira convocatoria de Asemblea na que se elixirán os cargos. O/A presidente/a, secretario/a e tesoureiro/a serán nomeados pola Asemblea Xeral Extraordinaria entre as candidaturas presentadas logo da exposición de cadanseu programa de actuación. As candidaturas serán sometidas a votación libre e secreta na Asemblea, despois da identificación das delegadas e delegados con dereito a voto.
Todos os demais cargos, é dicir os vogais, poderán ser ocupados por socios/as, que poden presentarse incluídos nunha candidatura ou de maneira individual e sen máis requisito que comunicalo coa suficiente antelación á Xunta Directiva, para a súa inclusión como elixibles, ou ben poden ser designados pola presidencia electa, sen máis requisito que a súa conformidade e aprobación da Asemblea.
As candidaturas deberán achegar a seguinte documentación:
– Unha listaxe con todos os membros da candidatura asinada pola persoa que a encabece.
– Acreditar ser pai, nai ou titor/a dun alumno/a socio/a dunha ANPA integrada na FANPA.
– Fotocopia do DNI.
– Aceptación do cargo para a candidatura na que participa.
Nos vindeiros días mandaremos a convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria na que un dos puntos da orde do día será a elección da nova Xunta Directiva.