Redondela mobilízase para garantir o bacharelato de artes

O pasado venres, máis de 200 persoas reuníronse para poñer cara a todas as facetas da sociedade que demandan a apertura do Bacharelato de Arte en Redondela, promesa unánime do Parlamento e das autoridades que ás portas do período de inscrición non se está a cumprir

https://www.farodevigo.es/comarcas/2022/02/05/estudiantes-redondela-o-bacharelato-artes-62326248.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/redondela/2022/02/05/redondela-sale-calle-reclamar-implantacion-bachillerato-artes/0003_202202V5C7993.htm

MANIFESTO BACHARELATO DE ARTE

4 DE FEBREIRO 2022


Redondela é un pobo de artistas. En Redondela respírase arte e cultura en cada unha das súas parroquias, en cada unha das súas rúas, en cada un dos seus lugares. Redondela é terra de Maios, terra de Entroidos, sexan de inverno ou de verán, terra de Títeres, terra de Festivais de música sexa do Millo Verde, Berete Rock ou o Arde Rande. Redondela é terra de grupos musicais, do Conservatorio e da Escola de Música. Redondela é lugar de literatura. Arte hai tanta en Redondela que até o lixo se converte en arte!

E a arte e a cultura non só son creación, imaxinación ou liberdade tamén son economía. Son sectores produtivos que dan de comer a miles de familias en Galiza. É un sector do presente cun enorme futuro. Pensemos no teatro, a danza ou a música, mais tamén no deseño gráfico, o son, o audiovisual, a creación plástica. A arte e a cultura, no século XXI, no ano 2022, son sectores estratéxicos dun país. Sen arte e sen cultura non hai progreso, non hai benestar. Un pobo que non coida e alimenta a cultura e a arte, perde a o tren do ben vivir.

Para non perder este tren, a formación é fundamental. A formación de mozos e mozas que pensan nun futuro profesional e laboral ligado á arte e á cultura. Unha formación que comeza no ensino e ten no bacharelato un punto de elección crucial: a posibilidade de cursar a modalidade de Arte. Posibilidade que en Redondela non existe. Redondela, que acolle ao estudantado de bacharelato de Pazos de Borbén, non conta con toda a oferta pública de bacharelato existente.

A Federación de ANPAS de Redondela, que reúne a 13 ANPAS de centros públicos de Redondela e Pazos de Borbén, vén desenvolvendo unha actividade intensa para que se implante o Bacharelato de Artes en Redondela. O pasado xuño, o pleno municipal votou de forma unánime a favor de esixir á Xunta este bacharelato. O pasado mes de setembro, a Comisión de Educación do Parlamento de Galicia comprometeuse a implantar o bacharelato sempre que houbera demanda.

Pasados cinco meses desde aquela data, a Xunta de Galicia non ten movido un dedo para facer cumprir o seu compromiso. A un mes do inicio do prazo de admisión do alumnado de bacharelato, a Consellaría emite unha nota de prensa afirmando que non ten intención de implantar o bacharelato porque a lei vai cambiar. Cortiñas de fume, mentiras e medias verdades que retratan as verdadeiras intencións deste goberno.

Ante estes feitos, preguntámonos:

Onde está escrito na nova lei que non se poida implantar o Bacharelato de Arte en Redondela?

Onde queda a palabra dada polo partido do goberno na Xunta que se comprometeu a cuantificar a demanda de bacharelato de arte en Redondela como requisito previo á súa implantación?

E o máis importante,
Onde quedan os dereitos do alumnado de Redondela e comarca de optaren a toda a oferta pública de bacharelato?
Onde queda o respecto ás familias, estudantes e profesorado deste concello que merecen ser atendidos nas súas demandas e non desprezados nun comunicado de prensa?

A cidadanía de Redondela e comarca esixe que se faga cumprir o dereito de toda moza e mozo a contar con todas as opcións de estudo de bacharelato en Redondela. Esixe que sexa tratada como o que é, unha cidadanía de primeira. Esixe un Bacharelato de Arte para Redondela, xa!

As asociación, federacións, colectivos, artistas e persoas particulares abaixo asinantes apóstamos pola formación e educación como arma de futuro, apostamos polos dereitos a un ensino de calidade e comprometémonos publicamente a loitar para que se repare esta inxustiza histórica en Redondela.

BACHARELATO DE ARTES PARA REDONDELA XA!

Asina o manifesto picando aquí:

FORMULARIO DE ADHESIÓN AO MANIFESTO POR UN BACHARELATO DE ARTE EN REDONDELA


Na prensa:

Educación no garantiza el bachillerato de artes para el próximo curso en Redondela. Lo justifica ante la “situación de incerteza xerada pola nova lei educativa”
https://www.farodevigo.es/comarcas/2022/01/29/educacion-garantiza-bachillerato-artes-proximo-62079158.html