Convención sobre os dereitos do neno: versión infantil


[20 de novembro: Día Universal do Neno] Le e descarga o texto adaptado para nenos

A Convention on the Rights of the Child das Nacións Unidas é un importante acordo subscrito entre países que se comprometeron a protexer os dereitos da infancia.

A CDN converteuse en lei en 1990, despois de ser asinada e aceptada por 20 países, entre eles España. A día de hoxe, a Convención foi aceptada por todos os países do mundo excepto Estados Unidos. É o tratado internacional máis ratificado da historia e os 195 estados que a ratificaron teñen que render contas sobre o seu cumprimento ao Comité dos Dereitos do Neno.

En España entrou en vigor o 5 de xaneiro de 1991 (https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1990-31312)

O día 20 de novembro celébrase o Día Universal do Neno. Facilitamos a tradución ao galego, que non existía nin nos repositorios da ONU, nin en UNICEF nin no BOE, con ánimo exclusivamente divulgativo.

Descubre a versión adaptada para nenos da Convención sobre os dereitos do neno:

O término neno inclúe tanto aos nenos como ás nenas e aos e ás adolescentes de distintos sexos.

A Convención sobre os dereitos do neno explica quen é neno, os seus dereitos e as responsabilidades dos gobernos. Todos os dereitos están ligados entre si; todos son igual de importantes e non se lles pode privar aos nenos de ningún deles.

==========================================


Convención sobre os Dereitos do neno: versión para nenos

1. Definición de neno
Considérase neno toda persoa menor de 18 anos.

2. Non discriminación
Todos os rapaces teñen todos estes dereitos, sen importar quen sexan, onde vivan, a lingua que falen, cal sexa a súa relixión, o seu modo de pensar ou o seu aspecto, se son nenas ou nenos, se teñen unha discapacidade, se son ricos ou pobres e sen importar quen sexa o seu pai, a súa nai e as súas familias, nin o que estes crean ou fagan. Ningún neno debería ser tratado inxustamente, por ningún motivo.

3. En interese dos nenos
Cando os adultos toman decisións, deberían pensar en como as súas decisións afectarán os nenos. Todos os adultos deberían facer o que sexa mellor para os nenos. Os gobernos deberían asegurarse de que os nenos están protexidos e coidados polos seus pais. Os gobernos deberían asegurar que as persoas e entidades encargadas de coidar dos nenos o fagan ben.

4. Facer realidade os seus dereitos
Os gobernos deben facer todo o posible para que todos e cada un dos nenos dun país poidan gozar de todos os dereitos mencionados nesta Convención.

5. Orientación familiar para o desenvolvemento dos nenos
Os gobernos deberían facilitar que familias e comunidades guíen aos seus nenos para que, a medida que crecen, aprendan a exercer os seus dereitos da mellor maneira. Canto máis medren, menos orientación necesitarán.

6. Vida, supervivencia e desenvolvemento
Todo neno ten dereito á vida. Os gobernos deben asegurar que a supervivencia dos nenos e mellor desenvolvemento do seu potencial.

7. Nome e nacionalidade
Cando nace un neno, hai que rexistralo e darlle un nome que o goberno recoñeza oficialmente. Os nenos deben ter unha nacionalidade (pertencer a un país). Na medida do posible, os nenos deben coñecer aos seus pais e ser coidados por eles.

8. Identidade
Os nenos teñen dereito ás súa propia identidade – o dereito a unha inscrición oficial incluirá o seu nome, nacionalidade e relacións familiares. Ninguén debería privalos diso; pero se ocorre, os gobernos deben axudar o neno a que recupere axiña a súa identidade.

9. Manter ás familias unidas
Non se debe separar os nenos dos seus pais, a menos que estes non os coiden como cómpre -por exemplo, se un pai ou a nai lle fai dano ao neno ou se non se ocupan del-. Os nenos que non convivan con seus pais deberían estar en contacto con ambos, salvo que isto poida danar o neno.

10. Contacto con pais que viven noutro país
Se un neno vive nun país distinto do que os seus pais, os gobernos deberán permitir que o neno e os pais viaxen para manterse en contacto e estar xuntos.

11. Protección contra secuestros
Os gobernos deben impedir que os nenos sexan levados do país se isto fose contrario á lei – por exemplo, ao seren secuestrados por alguén ou levados por un dos pais cando o outro non está de acordo.

12. Respecto pola opinión dos nenos
Os nenos teñen dereito a expresar a súa opinión sobre os asuntos que lles afectan. Os adultos deben escoitar os nenos e tomalos en serio.

13. Compartir os pensamentos con liberdade
Os nenos teñen dereito a compartir libremente cos demais o que aprenden, pensan e senten; xa sexa falando, debuxando, escribindo ou por calquera outro medio, a menos que dane a outras persoas.

14. Liberdade de pensamento e relixión
Os nenos poden elixir as súas propias ideas, opinións e relixión con tal que non impidan a outras persoas gozaren dos seus propios dereitos. A familia pode orientar os seus fillos para que, a medida que medren, aprendan a usar correctamente este dereito.

15. Formar grupos ou unirse a eles
Os nenos poden formar grupos ou organizacións ou unirse a eles e poden reunirse con outros, mentres non prexudiquen a outras persoas.

16. Protección da intimidade
Todo neno ten dereito á vida privada. As leis deben protexer a intimidade dos nenos, familia, fogar, comunicacións e reputación (ou a súa honra) contra calquera agresión.

17. Acceso a información
Os nenos teñen dereito a obter información da Iternet, radio, televisión, xornais, libros e outras fontes. Os adultos deben asegurar que a información que reciben non sexa daniña. Os gobernos deben animar os medios de comunicación a que difundan información de moitas fontes distintas, en linguas que todos os nenos poidan entender.

18. A responsabilidade dos pais
Os pais son os principais responsables de criar o neno. Se o neno non ten pais, a responsabilidade recaerá noutro adulto ao que se coñece como “titor”. Pais e titores deben ter en conta sempre o que sexa mellor para o neno. Os gobernos deberían axudalos. Cando un neno teña pai e nai, os dous deberán responsabilizarse da súa crianza.

19. Protección contra a violencia
Os gobernos deben protexer os nenos da violencia, o abuso e a desatención por parte da persoa que os coide.

20. Nenos sen familia
Todo neno que non poida ser coidado pola súa propia familia ten dereito a ser coideado por persoas que respecten a súa relixión, cultura, lingua e outros aspectos da súa vida.

21. Nenos adoptados
Cando os nenos son adoptados, o máis importante será facer o mellor en beneficio dos nenos. Se un neno non pode ser coidado apropiadamente no seu propio país – por exemplo, vivindo con outra familia- poderá ser adoptado noutro país.

22. Nenos refuxiados
Os nenos que se trasladen como refuxiados desde o seu país de orixe – porque non era seguro para eles permanecer alí-, deberán recibir axuda e protección e gozar dos mesmos dereitos cós nenos nados no país que os acolle.

23. Nenos con discapacidade
Todo neno con discapacidade debería poder gozar da mellor vida posible na sociedade. Os gobernos deberán eliminar todas as barreiras que impiden aos nenos con discapacidade ser independentes e participar activamente na súa comunidade.

24. Saúde, auga, alimentación e medio ambiente
Os nenos teñen dereito á mellor atención da saúde que se lles poida brindar, á auga limpa para beber, a unha alimentación sa e a un entorno limpo e seguro no que vivir. Todos os adultos e nenos deben dispoñer de información sobre como manterse seguros e saudables.

25. Control do lugar onde un neno estea trasladado
Todo neno que sexa trasladado a calquera sitio sitio fóra do seu fogar – por mor de proporcionarlle coidados, protección ou saúde- deberá ter revisada a súa situación regularmente para verificar que todo vai ben e que o lugar onde está o neno segue sendo o máis adecuado para el.

26. Axuda social e económica
Os gobernos deberán proporcionar diñeiro ou outro tipo de asistencia para axudar aos nenos das familias pobres.

27. Alimentación, roupa e un fogar seguro
Os nenos teñen dereito á alimentación, ao vestido e a un lugar seguro onde vivir para que poidan desenvolverse da mellor maneira posible. O goberno deberá axudar a familias e nenos que non poidan fornecer estes bens.

28. Acceso á educación
Todo neno ten dereito a recibir educación. A educación primaria debería ser gratuíta. A educación secundaria e superior deberán estar accesibles a todos os nenos. Os nenos deberán ser animados para que asistan á escola ata completar o grao máis alto posible. A disciplina nas escolas deberá respectar os dereitos dos nenos, e nunca se debe recorrer á violencia.

29. Obxectivos da educación
A educación dos nenos deberá axudalos ao pleno desenvolvemento das súas personalidades, os seus talentos e capacidades. Debería ensinar a comprender os seus propios dereitos e a respectar os dereitos, a cultura e as diferenzas dos demais. Deberá axudalos a vivir pacificamente e a protexer o medio ambiente.

30. Idioma, relixión e cultura minoritaria
Todo neno ten dereito a empregar a súa propia lingua, cultura e relixión, – mesmo cando estas non sexan compartidas pola maioría no país onde viven.

31. Descanso, xogos, cultura, artes
Todo neno ten dereito ao descanso, a relaxarse, a xogar e a participar en actividades culturais e creativas.

32. Protección contra traballos daniños
Os nenos teñen dereito a que se lles protexa de realizar traballos que sexan perigosos ou nocivos para a súa educación, saúde ou o seu desenvolvemento. Se os nenos traballan, teñen dereito facelo con seguranza no traballo e a que se lles pague un salario digno.

33. Protección contra drogas nocivas
Os gobernos deben protexer os nenos do consumo, produción, tráfico ou venda de drogas nocivas.

34. Protección contra o abuso sexual
O goberno deberá tomar medidas para protexer aos nenos da explotación sexual (impedir que se aproveiten deles) e do abuso sexual; o que inclúe evitar que se lles force a manter relacións sexuais a cambio de diñeiro ou co fin de tomar fotografías ou filmar imaxes sexuais deles.

35. Prevención contra a venda e o tráfico
Os gobernos deben asegurarse de tomar medidas para impedir o secuestro ou venda de nenos, ou que se lles traslade aos nenos a outros países ou lugares co fin de explotalos (de aproveitarse deles).

36. Protección contra a explotación
Os nenos teñen dereito a que se lles protexa fronte a calquera outra forma de explotación (outros modos de aproveitarse deles), aínda que non se mencionen expresamente nesta Convención.

37. Nenos detidos
Os nenos acusados de crebar a lei non deben ser asasinados nin torturados, nin sufrir tratos crueis, nin encarcerados para sempre, nin compartir prisión con adultos. A prisión debe ser sempre o último recurso e durante o menor tempo posible. Os nenos que estean en prisión deberán recibir asistencia legal e débeselles permitir manter contacto coas súas familias.

38. Protección durante unha guerra
Os nenos teñen dereito a que se lles protexa en situación de guerra. Ningún neno menor de 15 anos pode alistarse no exército nin participar na guerra.

39. Recuperación e reintegración
Os nenos teñen dereito a recibir axuda cando resulten feridos, desatendidos, maltratados ou afectados pola guerra, para que poidan recuperar a súa saúde e a súa dignidade.

40. Nenos que incumpren a lei
Os nenos acusados de incumpriren a lei teñen dereito a recibir asistencia legal e a un trato digno. Deberán existir moitas solucións para axudar a que estes nenos poidan reintegrarse e seren membros aceptados das súas comunidades. A prisión deberá ser unicamente o último recurso.

41. Os nenos beneficiaranse da lei máis vantaxosa
Cando as leis dun país protexan os dereitos dos nenos mellor que esta Convención, entón deben aplicaranse esas leis.

42. Todo o mundo debe coñecer os dereitos dos nenos
Os gobernos deben informar activamente os nenos e os adultos sobre esta Convención, para que todos coñezan os dereitos da infancia.

43 a 54. Como funciona a Convención
Nestes artigos explícase como os gobernos, as Nacións Unidas – en especial o Comité dos Dereitos do Neno e UNICEF – e outras organizacións colaboran para asegurarse de que todos os nenos gocen de todos os seus dereitos.

—-

Texto completo da Convención sobre os dereitos do neno (en lingua galega)
Wikisources