Programa de integración Aulas da Natureza 2008.

As Aulas da Natureza cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizar múltiples actividades de tipo formativo, cultural e deportivo, así como de integración formal no medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao seu, que o leva a propiciar unha maior convivencia e cooperación cos profesores e compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa compresión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historia e recursos.

Así mesmo, permiten a integración, mediante a convivencia, de alumnos de réxime xeral e alumnos con necesidades específicas de apoio educativo.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación y Ciencia, e co fin de permitirlles aos alumnos galegos cunha idade comprendida entre os 11 e os 13 anos o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta conselle

1. Obxecto do programa.
Esta convocatoria ten por obxecto promover a convivencia e integración dos alumnos participantes con outros compañeiros de distintas zonas e culturas, ademais da integración de alumnos de réxime xeral e alumnos con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Requisitos de participación.
Poderán solicitar a súa participación os alumnos matriculados en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Para os alumnos de réxime xeral: ter unha idade comprendida entre os 11 e os 13 anos durante o período de realización da actividade.

b) Os alumnos con necesidades específicas de apoio educativo deberán estar escolarizados en centros ordinarios ou específicos. Así mesmo, deberán posuír un grao de autonomía e condicións persoais que posibiliten a súa adaptación a programas de integración e a súa participación en actividades de grupo, polo que, tratándose de minusvalidez psíquica, o grao de discapacidade será lixeiro ou moderado, requisito que deberá ser certificado polo director do centro docente en que o alumno estea matriculado no curso 2007/2008.

Así mesmo, estes alumnos deberán ter idades comprendidas entre os 11 e os 13 anos durante o período de realización da actividade, ben que, de forma excepcional, poderán participar alumnos de ata 16 anos, sempre que esta circunstancia sexa aconsellada polo responsable do equipo de orientación específico ou do departamento de orientación do centro no correspondente anexo III, e se trate de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, escolarizados en centros específicos (non ordinarios).

3. Solicitudes.
3.1. Os alumnos que desexen participar deberán solicitalo a través do centro educativo no cal estean escolarizados, cubrindo o modelo de instancia que figura como anexo I a esta orde.

Na epígrafe de quenda solicitada polos alumnos deberá vir cuberto o recadro que proceda cun X, ou ben por orde de prioridade, segundo sexa o caso 1, 2 ou 3.

3.2. Ás solicitudes xuntaráselles a seguinte documentación:
a) Cuestionario individual do alumno, anexo II.
b) No caso de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, deberán achegar ademais:

Informe técnico do equipo de orientación específico ou do departamento de orientación do centro, anexo III, no cal se certificará que o alumno cumpre os requisitos establecidos na alínea 2.b) desta orde.

Certificado de minusvalidez ou ditame vixente de escolarización por necesidades específicas.

3.3. O prazo de presentación de solicitudes nos centros será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3.4. Dentro dos dez días naturais seguintes ao de remate do prazo de presentación de solicitudes de participación, os directores dos centros remitirán as solicitudes e o resto da documentación ás delegacións provinciais correspondentes, á atención do coordinador/a do programa en cada provincia, e que a continuación se relacionan:

-A Coruña: inspectora de Educación. Berta Estrada Arias.
Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña. Salvador de Madariaga, s/n (zona Monelos), 15008 A Coruña.

-Lugo: inspectora de Educación. Celsa González García.
Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo. Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

-Ourense: inspector de Educación. Delfín Caseiro Nogueiras.
Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense. Rúa Concello, 13, 32003 Ourense.

-Pontevedra: inspectora de Educación. Mª Carmen Cimadevila Cea.
Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra. Avda. de Montero Ríos, 13, 36001 Pontevedra.

4. Procedemento de selección.
4.1. En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida polo/a inspector/a de educación coordinador do programa e integrada, en calidade de vogais, por:

* Un director dun centro educativo participante.
* Un membro dos equipos de orientación específicos, designado polo/a delegado/a provincial, correspondente.

* Un pai/nai dun alumno/a solicitante.
Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación provincial.

Valorarase que as solicitudes estean debidamente cubertas e acheguen a máxima información posible. A comisión terá en conta os criterios de selección recollidos no punto 5 desta orde.

4.2. Esta comisión de valoración enviaralle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no prazo máximo de vinte (20) días naturais contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, a seguinte documentación:

a) Relacións, por orde de prioridade, de alumnos de réxime xeral e de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, propostos para a súa participación no programa, con indicación da quenda.

b) Relación de alumnos excluídos, que incluirá aqueles que presentasen a solicitude fóra de prazo, así como os que non cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

4.3 Responsable do programa: José Luis Vázquez Vázquez.
Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo (Inspección de Educación), rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

4.4. A proposta definitiva de beneficiarios será realizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a través dunha comisión constituída para tal fin e baseada nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que o número de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo non poderá superar o 30% do total, para cada quenda.

5. Criterios de selección.
5.1. Criterios xerais. Para a selección de todos os alumnos teranse en conta os seguintes criterios xerais:

a) Situación de orfandade (dun só proxenitor ou responsable familiar, 5 puntos, ou dos dous proxenitores ou responsables familiares,10 puntos).

b) Pertenza a familias en que os sustentadores principais se encontren en situación de desemprego ou sexan pensionistas (un só sustentador ou responsable familiar, 5 puntos, ou os dous sustentadores ou responsables familiares, 10 puntos).

c) Pertenza a familias numerosas, ata 10 puntos.
d) Ter a condición de bolseiro de calquera convocatoria de axudas realizada polas administracións educativas, ata 10 puntos.

e) Non ter a condición de beneficiario destas axudas nos últimos dous anos, ata 10 puntos.

f) Outras circunstancias familiares e/ou económicas que dean lugar a situacións de desprotección para os alumnos e que poidan ser valorados polos órganos de selección correspondentes, ata 10 puntos.

5.2. Criterios específicos: valoraranse as características persoais do alumno derivadas do tipo de escolarización que presenta e, fundamentalmente, as posibilidades reais de participación no programa de integración. Para valorar estes aspectos terase en conta a información dos anexos II e III.

A valoración será dun máximo de 65 puntos.
6. Desenvolvemento do programa.
6.1. Os alumnos participantes desenvolverán a súas actividades en períodos de doce días no Centro de programas educativos de Viérnoles en Torrelavega (Cantabria), de acordo coa seguinte distribución temporal:

1ª quenda: do 12 ao 23 de xullo de 2008.
2ª quenda: do 23 de xullo ao 3 de agosto de 2008.
3ª quenda: do 3 ao 14 de agosto de 2008.
6.2. O lugar de xuntanza de onde sairá o autobús para Viérnoles (Cantabria) e onde regresará será o IES Lucus Augusti de Lugo.

6.3. O traslado dos alumnos desde o seu domicilio ao IES Lucus Augusti de Lugo e o regreso desde este centro ao domicilio familiar será por conta da familia.

6.4. A estancia e o desprazamento dos alumnos seleccionados desde o IES Lucus Augusti de Lugo á localidade de Viérnoles (Cantabria) e o regreso será gratuíto.

6.5. No campamento de Viérnoles (Cantabria) este programa estará coordinado por un responsable titulado e un número de monitores especialmente preparados para este tipo de actividades, coa atención médica necesaria. Así mesmo, os alumnos terán un seguro de accidente e de responsabilidade civil subscrito para o efecto polo Ministerio de Educación y Ciencia.

6.6. O Centro de programas educativos de Viérnoles é unha instalación fixa, situada nun contorno adecuado para os obxectivos do programa, e está correctamente dotada.

7. Proposta de alumnos beneficiarios.
7.1. A proposta dos alumnos beneficiarios das axudas farase pública a través do Diario Oficial de Galicia.

7.2. A Administración educativa enviará ao centro ao cal pertenzan os alumnos a relación dos alumnos propostos e a información necesaria para poder participar: quenda, data, lugar e hora de saída, materiais necesarios para participar, etc.

7.3. O prazo máximo para elaborar a proposta será de tres meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria. As solicitudes consideraranse desestimadas de non publicarse a proposta no prazo sinalado.

8. Reclamacións.
Contra a proposta de alumnos seleccionados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderase interpoñer reclamación, no prazo máximo de dez (10) días naturais, segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

9. Resolución definitiva.
Transcorrido o prazo de reclamacións, a resolución definitiva ditada polo Ministerio de Educación y Ciencia será publicada no BOE.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2008.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria
DOGA 4/02/08