PONTEVERÁN 2007

Case 800 prazas, 330 para campamentos, oferta esta nova edición de Ponteverán 2007 que o Departamento de Xuventude do Concello propón a mozos/as e nenos/as de Pontevedra para os meses de xullo, agosto e setembro.
Ponteverán 2007 oferta un total de 800 prazas entre as 18 actividades que inclúe na proposta para este verán. Todas as prazas están subvencionadas polo Concello de Pontevedra, algunhas no 100 % e nun mínimo do 80 %.
Ponteverán é un programa municipal organizado polo Departamento de Xuventude da Área de Benestar Social do Concello de Pontevedra que procura a ocupación do tempo libre da mocidade durante o verán, dun xeito formativo, lúdico e educativo, tanto na cidade de Pontevedra como nas parroquias do rural ou no barrio de Monte Porreiro.

OBXECTIVOS
• Ofertar á infancia e mocidade do municipio de Pontevedra un programa educativo de actividades de tempo libre para as vacacións do verán baseado en valores de convivencia, interculturalidade, respecto ao medioambiente e coñecemento da propia cultura e comunidade de pertenza.
• Favorecer o desenvolvemento afectivo, social e físico de nenos, nenas e mozos/as a través do xogo, o espazo lúdico-formativo e a experiencia interxeneracional e entre iguais.
• Potenciar a formación en eidos fundamentais para a súa vida cotiá de cara a favorecer a súa formación integral como persoas.
• Fomentar as relacións de igualdade entre mozos e mozas, especialmente dende as actividades físicas e deportivas.

DESTINATARIOS/AS: a poboación destinataria desta campaña será a comprendida entre 8 e 30 anos, con actividades dirixidas a diferentes tramos de idade e incluso algunha, multixeneracional, empadroados no municipio de Pontevedra.

INSCRICIÓNS PARA PONTEVERÁN:
De luns a venres na Casa Azul, rúa Sor Lucía, 2, 3º, (Departamento de Xuventude) de 9 a 14 h., tel. 986 840367 xuventude@concellopontevedra.es
Máis información: www.ponteveran.org
O período de inscrición abrirase o xoves 21 de xuño ás 9h. As inscricións serán por rigorosa orde de chegada, dándolle a cada persoa 48 horas de prazo para formalizala.
Só nenos/as e mozos/as empadroadas no Concello de Pontevedra, agás no caso de Vacacións solidarias co pobo saharauí.
COTA REDUCIDA DO 50% a familias numerosas e ao segundo/a familiar directo/a.

• CAMPAMENTOS E OUTRAS ACTIVIDADES
• CURSOS E OBRADOIROS
• PONTEVERÁN EN MONTE PORREIRO

CAMPAMENTOS E OUTRAS ACTIVIDADES

CAMPAMENTO AMIGOS DO MAR E DA MONTAÑA
Campamento de convivencia e itinerante entre os concellos de Pontevedra, Poio, Vilagarcía, Cuntis, Pontecesures, Valga e Vilanova de Arousa. Realizaranse diversas actividades no ámbito do tempo libre (montaxe de campamentos, orientación, sendeirismo, rapel,…. ) e tamén outras actividades dirixidas a potenciar a tolerancia e a educación para a convivencia.
IDADES: de 13 a 15 anos
DATAS: do 17 ao 19 de xullo.
PRAZAS: 13
COTA DE INSCRICIÓN: 15 € (CUSTO REAL DA PRAZA: 80 €)

CAMPAMENTO URBANO
Campamento urbano que terá lugar na Casa da Luz (pza da Verdura) e por toda a cidade e zona monumental, con actividades lúdicas. Desenvolverase de luns a venres e inclúe unha acampada de dúas xornadas con horario intensivo.
IDADES: de 8 a 13 (nacidos entre o 1994 ao 1999)
DATAS: do 16 ao 31 de xullo.
HORARIO: 10-14 h.
LUGAR: Casa da Luz, Pza da Verdura de Pontevedra.
PRAZAS: 50
COTA DE INSCRICIÓN: 30 € (Custo real da praza: 114,6 €).

CAMPAMENTOS NO RURAL:
Coa mesma dinámica que no campamento urbano (actividades de tempo libre durante as mañás de 10 a 14 h. e unha xornada intensiva con acampada) e luns a sábado. COTA DE INSCRICIÓN: 15 € (custo real da praza: 103,6 €).
Tipo de actividades:
 Xogos de presentación, cooperativos e de animación
 Xogos e deportes do mundo
 Xogos cos tres elementos: terra, aire e auga.
 Rutas e vieiros con interese ecolóxico, paisaxistico e/ou cultural
 Obradoiros creativos e artesanais
 Convivencia ó Aire Libre. Acampada en tendas
 Montaxe de tendas e normas básicas de acampada
 Xogos e cancións de campamento,
 Baños e xogos de auga
 Recoñecemento da flora e fauna da zona de acampada.
 Xogos de orientación e deportes alternativos na natureza
 Velada nocturna: nocións de astronomía, xogos de velada, historias…

CAMPAMENTO EN SALCEDO
IDADES: de 8 a 13 (nacidos entre o 1994 ao 1999)
DATAS: do 9 ao 14 de xullo
LUGAR: Local social (antiga escola unitaria de Cabanas)
PRAZAS: 30

CAMPAMENTO EN XEVE
IDADES: de 8 a 13 (nacidos entre o 1994 ao 1999)
DATAS: do 16 ao 21 de xullo
LUGAR: CEIP de Santo André de Xeve
PRAZAS: 30

CAMPAMENTO EN PONTESAMPAIO
IDADES: de 8 a 13 (nacidos entre o 1994 ao 1999)
DATAS: do 6 ao 11 agosto
LUGAR: CEIP da Xunqueira.
PRAZAS: 20

CAMPAMENTO EN MOURENTE
IDADES: de 8 a 13 (nacidos entre o 1994 ao 1999)
DATAS: do 20 ao 25 agosto
LUGAR: local da Sociedade Cultural de Mourente
PRAZAS: 20

CAMPAMENTO POLIDEPORTIVO
Organizado polo Instituto Municipal dos Deportes de Pontevedra (IMD), trátase dunha actividade física e de lecer na que os/as participantes tomarán contacto con deportes como piragüismo, tiro con arco, escalada deportiva, salvamento acuático, deportes e xogos tradicionais, piragüismo, hípica, deportes e xogos alternativos e orientación deportiva dun xeito lúdico e non competitivo. Viaxarán en bus para realizar actividades por diferentes zonas do municipio de Pontevedra.
IDADES: 10 a 16 anos (nados entre o 1991 e o 1997)
DATAS: do 2 ao 8 de xullo
PRAZAS: 75
COTA: 30 € (REAL: 125).

CAMPAMENTOS DE TEMPO LIBRE E MEDIOAMBIENTIAIS NAS CORCERIZAS (OURENSE)
Campamentos no Centro de Educación Ambiental “ As Corcerizas” ubicado na Serra de San Mamede na provincia de Ourense, caracterizado por un entorno de montaña e xestionado pola Asociación Amigos da Terra e con monitorado de tempo libre especializado.
O programa de actividades integra obradoiros, actividades deportivas, roteiros ambientais, actividades etnográficas, medioambientais (enerxías renovábeis, bioconstrución, ornitoloxía, agricultura ecolóxida, …), ademais das actividades de animación e tempo libre propias dos campamentos.
Máis información da instalación: www.ascorcerizas.com
2 quendas de 36 prazas:

1ª quenda:
IDADES: 9 a 11 anos (nados do 1996- 1998)
DATAS: do 26 de xullo ao 4 de agosto
PRAZAS: 36
COTA DE INSCRICIÓN: 60 € (custo real da praza: 277,8 €)

2ª quenda:
IDADES: 12-14 anos (nacidos entre o1993-1995)
DATAS: do 21 ao 30 de agosto
PRAZAS: 36
COTA DE INSCRICIÓN: 60 € (custo real da praza: 277,8 €)

ESTADÍA NO PARQUE NATURAL DA SERRA DO XURÉS
Ecoturismo: estadía en albergue e actividades de piragüismo no encoro de Muíños, baño nas augas termais do Río Caldo, visita ao xacemento de Aquis Querquenae e ao seu centro de interpretación, visita ao centro de interpretación do Parque Natural do Xurés, ademais de percorridos a pé e en autobús polo contorno.
IDADES: 18-30 anos
DATAS: do 24 ao 26 de agosto.
PRAZAS: 20
COTA DE INSCRICIÓN: 45 € (custo real da praza: 143,3 €)

SENDEIRISMO: “Coñece o teu contorno”.
Da man do Club de Montañeiros de Pontevedra adentrarémonos nunha ruta próxima ao noso concello e con recunchos de gran encanto que ás veces non coñecementos do noso contorno máis inmediato.
IDADES: maiores de 12 anos
DATAS: 26 de agosto.
RUTA : A Reigosa-Vilarchán-Silvoso
PRAZAS: 45
COTA DE INSCRICIÓN UNICA: 2 € ( custo real da praza: 11 €)

DEPORTES DE INTEGRACIÓN
Xornadas que pretenden poñer en marcha no contexto da cidade de Pontevedra, a realidade da práctica deportiva no mundo, sexa cal sexa o contexto ou situación social na cal se desenvolva. Preténdese concienciar á mocidade e á sociedade no seu conxunto, da importancia da actividade física como medio de integración social.
A presente proposta baséase en 3 deportes amplamente instaurados na nosa sociedade: balonmán, baloncesto e fútbol sala. Será a través deles como se amosarán as diferentes desigualdades entre o deporte de alto nivel, o deporte discapacitado e a práctica deportiva no chamado terceiro mundo.
IDADES: maiores de 8 anos
DATAS: 6 e 7 de setembro.
LUGAR : Pza da Ferraría e da Peregrina.
COTA DE INSCRICIÓN: gratuíta. (custo real da praza: 13,5 € aprox.)

CURSOS E OBRADOIROS

CURSO DE INICIACIÓN Á ESCALADA
Curso de iniciación ao deporte da escalada con monitores e monitoras do Club de Montañeiros de Pontevedra. Realizarase unha primeira sesión en aula e as demais no rochódromo municipal. Adecuado para iniciarse nun deporte que ten moita afección en Pontevedra e co cal se pode gozar activamente do medio natural.
IDADES: de 12 a 30 anos
DATAS: 27,28 e 30 de agosto
PRAZAS: 12
COTA DE INSCRICIÓN: 12 € (custo real da praza: 50 €)

OBRADOIRO DE MASAXE E RELAXACIÓN
A relaxación ten a función de axudar á xente a vivir mellor na vida cotiá. Sexa por motivos de estrés, de falla de tempo para un/ha mesmo/a, presións (exames, relacións sociais, traballo, o futuro…) ou por cambios físicos difíciles de aceptar, os mozos e mozas poden ter moitas necesidades de equilibrar a súa enerxía para sentirse mellor.
IDADES: de 17 a 30 anos
DATAS: do 20 ao 24 de agosto
PRAZAS: 20
COTA DE INSCRICIÓN: 5 € ( custo real da praza: 23 €

CIBERAULA: obradoiros de informática.
IDADES: de 12 a 30 anos
PRAZAS: 12 por obradoiro
COTA DE INSCRICIÓN: gratuíta
OBRADOIROS: Iniciación á Informática, (WinXPpro), Navegación, Búsquedas, Correo electrónico, Chat, Blogs, Internet e Seguridade, Descargas de Internet, Música MP3, Presentacións: PowerPoint, Editor de Textos: Word.

OBRADOIRO DE COCIÑA E SUBSISTENCIA DOMÉSTICA.
O obxectivo primordial que perseguimos é fomentar a igualdade de xénero favorecendo as súas capacidades para o desenvolvemento de ditas tarefas e autonomía persoal, a través do que pretendemos conseguir as seguintes capacidades:

• Participación nas tarefas domésticas sen ningún prexuízo derivado do sexo.
• Dominio dos utensilios a utilizar.
• Adquisición de hábitos sans na alimentación.
• Fomentar o traballo cooperativo e en grupo.
• Incrementar a autonomía, a responsabilidade e a iniciativa dos mozos.
PROGRAMA:
Perfilar os gorros e mandís, concurso “Cebolas e champiñóns”, catering Que preparamos?, xogos e dinámicas relacionadas coa hixiene e a saúde, alimentación e subsistencia doméstica, elaboración práctica de receitas sinxelas: tapas, entrantes, frías, internacionais, rexionais, coctails…, levar a práctica a utilización dos utensilios de menaxe de cociña, limpeza do fogar e subsistencia (pasar o ferro, coser un botón, subir unha basta, poñer unha lavadora, chapucillas en xeral…).
IDADES: de 13 a 30 anos
DATAS: 6-10 de agosto.
PRAZAS: 25
COTA DE INSCRICIÓN: gratuíto ( custo real da praza: 70,9 €

OBRADOIRO DE ACHEGAMENTO Á ASTRONOMÍA
Coñecemento da astronomía entre a mocidade, a cal amosa grande interese e curiosidade por esta afección, en todos os tramos de idade, tanto os máis novos como a xente maior de 20 anos. O curso consta de 20 horas de duración distribuídas en varias sesións de 2 horas cada unha, e remata a maiores cunha xornada nocturna de visualización con prismáticos e telescopios nunha zona illada. PROGRAMA:
– Localización e distinción de astros e obxectos na esfera celeste: constelacións como referencia. Coordenadas celestes. Medicións de ángulos e desprazamentos no ceo.
– Uso do planisferio.
– Que vemos no ceo. Nebulosas, galaxias, cúmulos, …
– Qué son?, cal é a súa orixe?, como evolucionan?.
– Significado no coñecemento do Universo. Localización e observación dalgúns exemplos
– Estrelas. Tipos. Orixe, evolución e morte das estrelas. O noso sol.
– Sistemas múltiples de estrelas. Exemplos.
– As distancias ás estrelas. Medicións.
– O Sistema Solar: Planetas e satélites.
– Asteroides e cometas. Cinto de Kuiper e Nube de Oort.
– Planetas e sistemas extrasolares.
– Constelacións de verán.
– Principias obxectos e astros, e a súa localización
– Práctica de recoñecemento.
– Simulación de planetario por ordenador.
– Sesión nocturna de observación con telescopios e prismáticos.
Imparte: Asociación Astronómica Rías Baixas
IDADES: de 12 a 30 anos
DATAS: do 16 ao 20 de xullo
PRAZAS: 25
COTA DE INSCRICIÓN: gratuíta ( custo real da praza: 28 €)
____________________________________________________________________________________________________________________

PONTEVERÁN EN MONTE PORREIRO
En coordinación coa Concellaría de Cultura e con representantes de todas as asociacións con actividade no Centro Cultural de Monte Porreiro, organizamos un programa específico de Ponteverán para Monte Porreiro

CURSO DE INICIACIÓN Á ANIMACIÓN E O TEMPO LIBRE
Curso pensado para mozos e mozas que traballan en colectivos e asociacións realizando tarefas de dinamización de grupos infantís e de mozos/as, especialmente no barrio de Monte Porreiro. Son mozos e mozas autodidactas que por medio dunha asociación cultural, veciñal ou colectivo social se dedican a colaborar na realización de actividades de tempo libre (manualidades, xogos, malabares, deportes…) de forma voluntaria. Coa intención de favorecer a formación destes mediadores/as xuvenís e posibles futuros profesionais do tempo libre, pretendemos achegalos á formación de monitores/as de tempo libre animación con contidos que se adapten ás súas actividades
HORARIO: venres de 16,30 – 20-30 h. Sábados de 10-14 h. do mes de xullo.
IDADES: de 13 a 20 anos.
PRAZAS: 25
COTA DE PARTICIPACIÓN: gratuíta (Custo da praza: 90 €).
INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: no local social de Monte Porreiro polas tardes.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

DATAS: MARTES e XOVES dende o 10 de xullo ao 30 de agosto.
HORARIO: 10-14 h.
IDADES: 2 grupos idade: 8-13 anos e 14 – 17 anos.
PRAZAS: 40 (20 por grupo).
ACTIVIDADES : xogos, obradoiros, sendeirismo, actividades deportivas, visita ao zoo, unha viaxe en tren, unha viaxe en barco, un día na praia, un día no aquapark, … de demais propostas que xurdan.
COTA DE PARTICIPACIÓN ÚNICA: 12 € (Custo da praza: 143 €).

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS PARA PONTEVERÁN EN MONTE PORREIRO: de luns a venres na Casa Azul (OMIX) de 9 a 14 h. e no local social de Monte Porreiro polas tardes.