Orde do 1 de maio de 2007 pola que se convocan subvencións a asociacións e institucións culturais

para a realización de actividades de promoción da lectura e a creación de clubs de lectura.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, ten como un dos seus obxectivos a promoción do libro, o fomento da lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade así como o apoio ás agrupacións de lectores e clubs do libro.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Deporte con esta orde quere establecer un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, de acordo cos criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao fomento da lectura por entidades e asociacións.

Na súa virtude
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.
1.1. É obxecto desta orde fixar, para o exercicio de 2007, o réxime de concesión de subvencións en concorrencia competitiva, para fomentar a realización de programas ou actividades de promoción do hábito lector, en especial a creación e mantemento de clubs de lectura polas asociacións e institucións culturais sen ánimo de lucro, que sexan solicitadas á Consellería de Cultura e Deporte, conforme o procedemento que a continuación se establece.

1.2. En concreto, as actividades obxecto de subvención serán as seguintes:
Talleres de animación lectora; campañas de animación á lectura; concursos de lectores; clubs do libro; publicidade das actividades obxecto de subvención; gastos de funcionamento dos clubs de lectura, incluída a adquisición de exemplares múltiples para o seu funcionamento; gastos de persoal para dirección e coordinación das actividades; aluguer de servizos técnicos para a realización das actividades; gastos de xestión e administración para a realización de actividades obxecto de subvención (material de oficina, gastos de comunicacións, etc.).

1.3. Pola súa vez, non se financian os seguintes gastos:
Obras en inmobles, adquisición de maquinaria e equipamento inventariable, gastos correntes de funcionamento da entidade. Adquisición de libros, excepto a adquisición de exemplares múltiples para o funcionamento de clubs de lectura.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.
2.1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.432B.481.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, por un importe máximo de 120.000 € (cento vinte mil euros).

2.2. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

2.3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas ou entidades que anteriormente recibisen algunha outra axuda ou subvención da Consellería de Cultura e Deporte e non xustificasen o seu investimento ou incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas, e resultasen sancionados por calquera destes aspectos.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
3.1. Poderán optar a estas subvencións as asociacións e institucións culturais sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros correspondentes e con domicilio social en Galicia.

3.2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e Deporte e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.
4.1. Os que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo de 30 días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante unha instancia dirixida á conselleira de Cultura e Deporte segundo o modelo que figura como anexo I, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, nos rexistros das delegacións provinciais desta ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.2. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:
a) Fotocopia do NIF ou, de ser o caso, do CIF da entidade.
b) Declaración do solicitante das subvencións solicitadas para o mesmo fin ás administracións públicas.

c) Memoria explicativa e detallada do programa ou actividades que se pretenden realizar, indicando o ámbito territorial e social destas, xustificando a súa necesidade e indicando os resultados previstos.

d) Breve memoria descritiva das actividades de fomento da lectura realizadas polo solicitante ata 2007.

e) Calendario de execución das actividades.
f) Orzamento desagregado e detallado do programa ou actividade, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

4.3. As solicitudes poderán ser fotocopiadas das publicadas como anexo desta orde ou obterse na páxina da internet http://culturaedeporte.xunta.es/

4.4. Ao abeiro do establecido no artigo 43º da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Seguridade Social, para as axudas que superen o importe de 1.500 euros. Estes requisitos deben acreditarse, se for o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, punto 4 c) e 8, derradeiro parágrafo, respectivamente.

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.
Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, consideraráselle como desistido da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

Artigo 6º.-Instrución e selección de solicitantes.
6.1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

6.2. Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, as solicitudes examinaraas unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral de Creación e Difusión Cultural.
b) Cinco vogais: o subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural, o xefe do Servizo do Libro e Bibliotecas, a xefa do Servizo de Creación e Difusión cultural e dúas persoas vinculadas laboralmente co ámbito da promoción da lectura.

c) Un funcionario, que actuará como secretario.
6.3. A comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:
a) Proxectos que teñan como finalidade a creación de clubs de lectura estables: ata 10 puntos.

b) Calidade, interese orixinalidade e carácter innovador do programa ou actividade desde o punto de vista da promoción social da lectura, con especial valoración dos proxectos que contribúan ao aumento da lectura en galego: ata 10 puntos.

c) Carácter continuado e non ocasional da actividade: ata 5 puntos.
d) Potencial número de beneficiarias/os do programa ou actividade: ata 5 puntos.
e) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: ata 5 puntos.
f) Capacidade de incidencia nos distintos niveis do ensino e noutros colectivos sociais: ata 5 puntos.

6.4. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada.

Artigo 7º.-Resolución.
7.1. Á vista da proposta de resolución, a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta.

7.2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa será o determinado pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

7.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 8º.-Importe máximo das subvencións.
O importe máximo destas subvencións será de 10.000 €, e en ningún caso poderá superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 9º.-Pagamentos e xustificación.
9.1. Unha vez concedida a subvención, e aceptada por escrito polo beneficiario no prazo de dez días, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable, e precisarase que, no caso de que se tramiten pagamentos anticipados, as porcentaxes se limitarán ao 10% do importe total da subvención.

9.2. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar as subvencións no prazo dos 20 días hábiles seguintes á finalización da actividade e, en todo caso, antes do 1 de novembro de 2007, mediante a presentación dos xustificantes acreditativos, orixinal e dúas fotocopias, de que a actividade se realizase, xunto coa relación detallada destes, cunha memoria explicativa das actividades desenvolvidas en relación coa finalidade da axuda concedida, así como dous exemplares da publicidade xerada.

9.3. Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 14 da Lei xeral de subvencións.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.
10.1. A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuír á normalización da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego.

10.2. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos, e deben comunicarlle á delegación provincial que corresponda da Consellería de Cultura e Deporte, os días e horas das actividades subvencionadas. A delegación provincial poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

10.3. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Deporte-Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural- utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Cumprirán así mesmo coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

10.4. No momento de xustificar a execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

10.5. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

10.6. O beneficiario quedará sometido ás obrigas recollidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, recollida no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 11º.-Anulación e reintegro da axuda.
11.1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvención e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

11.2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Deporte instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

11.3. Toda alteración das condicións en que se basease a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Notificación e desestimación.
12.1. A resolución da convocatoria producirase no prazo máximo determinado pola citada Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

12.2. No caso daquelas solicitudes que fosen desestimadas os solicitantes poderán, a partir desta data, retirar a documentación no prazo dos 30 días seguintes.

Artigo 13º.-Recursos.
Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante a conselleira de Cultura e Deporte.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolución precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2007.
Ánxela Bugallo Rodríguez
Conselleira de Cultura e Deporte