Obradoiros Máis Alá

Os obxectivos dos OMA, de grande éxito entre a xente nova, son os seguintes:
* Mellorar a percepción individual do galego
* Mellorar o uso da lingua
* Promover e incrementar a motivación e vontade de ser galego, tanto individual como colectiva e grupalmente
* Enriquecer a educación da sensibilidade lingüística e social
* Promover a cohesión e a interacción grupal
* Estimular a implicación e o compromiso na construción de experiencias de transformacións ao redor do proceso de normalización lingüística

Para o curso 2006/2007, a Concellaría de Normalización Lingüística volve presentar estes obradoiros de sociolingüística e abre un prazo de inscrición ata o venres 27 de outubro.

• Organiza: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra
• Dirixido a: mozos e mozas desde 14 a 17 anos
• Duración da actividade:
o 9 sesións de 2 horas, un día á semana
o Fin de semana fóra de Pontevedra, para o desenvolvemento de máis actividades
• Lugar: Pazo da Cultura
• Horario: venres, de 17:00 a 19:00 horas
• Datas:
OMA. Lingua e sociedade (nivel I) OMA. Lingua e participación (nivel II)
Do 3 de novembro de 2006 ao 19 de xaneiro de 2007 Do 9 de febreiro de 2007 ao 20 de abril de 2007

CONCELLO DE PONTEVEDRA

Obradoiros Máis Alá de lingua e sociedade (nivel I)
e de lingua e participación (nivel II)

O Concello de Pontevedra leva desenvolvendo nos últimos anos unha liña de traballo coa mocidade dirixida á extensión do uso social da lingua galega e combinada co fortalecemento das identidades persoais, grupais e colectivas mediante a realización dos Obradoiros Máis Alá! (OMA) .

Os obxectivos dos OMA, de grande éxito entre a xente nova, son os seguintes:
* Mellorar a percepción individual do galego
* Mellorar o uso da lingua
* Promover e incrementar a motivación e vontade de ser galego, tanto individual como colectiva e grupalmente
* Enriquecer a educación da sensibilidade lingüística e social
* Promover a cohesión e a interacción grupal
* Estimular a implicación e o compromiso na construción de experiencias de transformacións ao redor do proceso de normalización lingüística

Para o curso 2006/2007, a Concellaría de Normalización Lingüística volve presentar estes obradoiros de sociolingüística e abre un prazo de inscrición ata o venres 27 de outubro.

• Organiza: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra
• Dirixido a: mozos e mozas desde 14 a 17 anos
• Duración da actividade:
o 9 sesións de 2 horas, un día á semana
o Fin de semana fóra de Pontevedra, para o desenvolvemento de máis actividades
• Lugar: Pazo da Cultura
• Horario: venres, de 17:00 a 19:00 horas
• Datas:
OMA. Lingua e sociedade (nivel I) OMA. Lingua e participación (nivel II)
Do 3 de novembro de 2006 ao 19 de xaneiro de 2007 Do 9 de febreiro de 2007 ao 20 de abril de 2007

• Inscricións (de balde) ata o 27 de outubro :
o Servizo de Normalización Lingüística. Concello de Pontevedra. Chalé Fontoira. Campo do Boi, 2 – soto. 36071 Pontevedra. Tel.: 986 863 157 / 986 845 195 Fax: 986 851 800 normalizacionlinguistica@concellopontevedra.es
o Equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos.

Que son os Obradoiros Máis Alá?
Introdución

Os datos sociolingüísticos amosan unha realidade na que, na poboación menor de 26 anos, o galego é lingua minoritaria. Esta situación agrávase nos hábitats urbanos e periurbanos. Xa que logo, ao encararmos o coñecemento da realidade sociolingüística da poboación galega, e das tendencias cara ao futuro, cómpre ir renovando, reconstruíndo, modernizando, as estratexias de intervención normalizadora nesa realidade. É importante adecuar de xeito preciso a forza das nosas enerxías.
Nesta realidade é onde xorde a proposta de dinamización lingüística que presentamos: os Obradoiros Máis Alá de Lingua e Sociedade, e de Lingua e Participación.
Porque sabemos que o comportamento lingüístico da mocidade pode modificarse, os Obradoiros Máis Alá desenvólvense co obxectivo de contribuír á educación da sensibilidade lingüística a través do coñecemento da realidade máis próxima, ao exercicio do espírito crítico e ao cuestionamento dos prexuízos que impiden a transformación que desexamos. Ademais de favorecer a adquisición de actitudes positivas cara á lingua, son os nosos obxectivos priorizar o desenvolvemento da expresión oral e provocar cambios conscientes nos hábitos lingüísticos; e, nesta proposta de re-descuberta de identidades, conectar a lingua coa solidariedade, igualdade de xénero, ecoloxía e diversidade; transmitir o valor da participación individual na sociedade e das iniciativas grupais e asociativas; revelar a riqueza de manter a propia identidade.

A mocidade e a lingua
E a mocidade, que posición ocupa nesta reflexión?
En cuestión de normalización lingüística é vital promover na mocidade a conciencia do seu papel renovador, innovador, creativo e orixinal. É na adolescencia cando as expectativas, as identidades e as prioridades vitais comezan a ordenarse. Neste momento de cambio e transición a persoa adolescente sofre un proceso continuo de destrución e reconstrución identitaria: o eu persoal vai tender a autodefinirse, a facerse inconfundíbel diante das outras persoas e a buscar o seu lugar na sociedade.
As Obradoiros Máis Alá son propostas de intervención normalizadora nesta realidade que presenta unha multiplicidade de conflitos máis tamén de posibilidades. Non só buscan reivindicacións concretas para o proceso de normalización lingüística, senón tamén a construción de valores amplos que hai que conectar coa realidade máis achegada á mocidade para que sirva como motor dunha aprendizaxe significativa e, asemade, como xerador da autonomía suficiente para reelaboraren ou construíren as súas propias ideas e para resolver problemas. Traballan esa formación de persoas libres, críticas, xustas, dinámicas e activas aproveitando a etapa adolescente como motor de cambios sociais e conectándoa coa lingua; mais non unicamente coa lingua pois non se pode tratar illadamente o conflito lingüístico.
A estratexia dos Obradoiros Máis Alá céntrase en impulsar o desenvolvemento da lingua a través do traballo socioafectivo e actitudinal. Traballar actitudes e afectividades supón construír experiencias, circunstancias e vivencias comúns.

Nos Obradoiros Máis Alá temos un dobre campo de traballo: o das ideas, -co traballo de bases teóricas, crenzas, ideas ou valores-, e o das condutas,- con atención tamén aos usos e ás habilidades sociolingüísticas-. É evidente a simultaneidade de ambas as dúas áreas.
Poderiamos dicir que a acción da primeira parte dos Obradoiros oriéntase cara ás ideas e valores, “coñecer” ou “saber”, mentres que o segundo enfócase cara á dimensión condutual, “pasar á acción” ou “saber facer”.
Nos Obradoiros empregamos unha tecnoloxía didáctica baseada na afectividade e na racionalidade, mais descubrindo no compoñente afectivo un dos medios máis favorábeis para a aprendizaxe sociolingüística.
Nos Obradoiros cada rapaz ou rapaza é participante. Procuramos unha retroalimentación verbal directa e constante entre o monitorado e os rapaces e rapazas.
Nos Obradoiros traballamos a estima, o respecto, o clima de grupo e outros aspectos de carácter actitudinal.

Como obxectivos xerais desta proposta de intervención sinalamos os
seguintes:
Mellorar a percepción individual do galego.
Mellorar tamén o uso da lingua.
Promover e incrementar a motivación e a vontade de ser en galego, tanto individual como colectiva e grupalmente.
Enriquecer a educación da sensibilidade lingüística e social.
Promover a cohesión e a interacción grupal.
Estimular a implicación e o compromiso na construción de experiencias de transformacións ao redor do proceso de normalización.
Cada bloque de actividades correspóndese con dous ou máis obxectivos específicos relacionados tamén cos xerais. Así, este proceso permite niveis diferentes de profundización dependendo das características de cada grupo.

Sinalamos os seguintes obxectivos específicos:
Contribuír á sensibilización coa diversidade lingüística e cultural mundial.
Aproximarse á idea de que a normalización da comunidade lingüística non só é positiva para os e as falantes desa lingua senón para a humanidade enteira.
Fortalecer as identidades persoais, grupais e colectivas.
Traballar con elementos do seu propio pasado para achegalos na construción da súa identidade, pero a construción mesma será unha novidade.
Mostrar o poder identitario como contemporáneo, como sinal de avance e crecemento colectivo e a lingua galega como sinal de identidade.
Contestar aos preconceptos a nivel ideolóxico, afectivo e condutual.
Reflexionar sobre a sensibilización a respecto da lingua e doutros temas sociais.
Descubrir o compactamento da sociedade como estratexia para contestar diante da situación minorizada.
Traballar a sociocreatividade como técnica grupal de actividade social.
Pór en xogo as conquistas lingüísticas destes e destas adolescentes a través da
motivación e da participación.
Aproximarse á articulación de grupos lingüísticos que estabelezan e expandan un espazo simbólico como achega cultural específica.

Metodoloxía
A innovación pedagóxica ten como finalidade crear actividades atraentes para
estimular a participación e a motivación das persoas que integran o grupo.
As persoas participantes teñen que ser axentes activos en todas as dinámicas de
maneira que poidan desenvolver en boa medida as súas capacidades e habilidades.
O fomento da creatividade ten cumpre a finalidade de espertar a motivación e a
implicación do grupo nos obradoiros.
Traballamos con actividades de carácter lúdico e educativo que xiran ao redor da
temática sociolingüística, do coñecemento, da diversión e partindo do seu contorno próximo.
As actividades dos obradoiros teñen maioritariamente un carácter grupal que fomenta a cohesión e a interrelación no grupo.

OBRADOIROS MÁIS ALÁ DE LINGUA E SOCIEDADE
Destinado a rapaces e rapazas da ESO e Bacharelato
Duración: 18 horas (9 sesións) e unha fin de semana (excursión)
Núm. de participantes: 20 persoas.
A mocidade representa un colectivo vital no proceso de recuperación da lingua e o comportamento lingüístico da mocidade pode mudar a favor da nosa lingua, co diálogo, co traballo sobre os prexuízos e os valores, revelando os beneficios do cambio.

Estrutura:
1º Bloque: Información e contextualización
Actividade de presentación
Reflexión sobre a lingua como creación colectiva
As interaccións entre linguas
A diversidade lingüística: as linguas de Europa
O caso galego
2º Bloque: comportamentos e actitudes
A descuberta dos prexuízos
Reflexión sobre os prexuízos
Respondendo aos prexuízos
3º Bloque: O proceso de normalización lingüística
A implicación contra a desigualdade e a transformación da realidade
Accións contra a substitución lingüística
4º Bloque: A lingua en acción (excursión)
O mundo en galego

OBRADOIROS MÁIS ALÁ DE LINGUA E PARTICIPACIÓN
Destinado a rapaces e rapazas da ESO e Bacharelato
Duración: 18 horas (9 sesións) e unha fin de semana (excursión)
Núm. de persoas participantes: 20 persoas.
Este segundo nivel de obradoiros quere acompañar as transformacións persoais e grupais dos rapaces e rapazas que participaron nos Obradoiros Máis Alá de Lingua e Sociedade. O fin é continuar a construír entre monitorado e participantes experiencias de transformación con respecto ao proceso de normalización.

Estrutura:
1º Bloque: Os valores da lingua
Actividade de presentación
Abrimos O cartafol do vento
A diversidade: viaxe virtual polo mundo
A identidade: o boneco da identidade
Os prexuízos: o xogo das fotografías
2º Bloque: Actitudes prosociais
Seguimos co Cartafol do vento
As actitudes prosociais: o xogo de rol
Propostas de intervención
3º Bloque: O proceso de participación e a normalización lingüística
Deseñamos a nosa experiencia
Excursión e experiencia de intervención