O decreto de uso do galego abre novos horizontes de formación para os alumnos con todas as garantías

O Consello Escolar de Galicia e Confapa apoian o decreto

O presidente da Federación de APA coruñesa, Virgilio Gantes, recoñece que o decreto é acertado, xa que pretende que os nenos ao acabar a educación secundaria obrigatoria dominen as dúas linguas. «Lo mejor sería que dominaran tres, castellano, gallego e inglés, lo que sería de una calidad extraordinaria», indica.

Gantes non cre que a aplicación a partir do próximo curso provoque problemas se hai profesores suficientes para impartir en galego as asignaturas, e recorda que pais e alumnos deben ser conscientes de que «tenemos una educación bilingüe. Un idioma no puede prevalecer sobre el otro. Pero en cuarto de ESO los alumnos deben dominar perfectamente los dos».

O decreto de uso do galego asumiu os retoques recomendados polo Consello Consultivo de Galicia

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, informou hoxe en rolda de prensa das modificacións introducidas no decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo en base ás recomendacións do Consello Consultivo de Galicia. Sánchez Piñón salientou que o decreto “segue sendo o decreto de todos” e “foi consensuado ata o último momento con todos os grupos parlamentarios”; ao tempo que afirmou que esta normativa “garante a competencia lingüística do alumnado nas dúas linguas oficiais de Galicia en todas as etapas educativas”.

A máxima responsable da Administración educativa galega afirmou que o novo decreto de ensino en galego “non conculca os dereitos constitucionais do individuo, recolle as consideracións do Consello Consultivo e está avalado por informes xurídicos”. Ademais, Laura Sánchez Piñón indicou que o decreto “reflicte o establecido no Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento en 2004, consensuado polos 3 grupos políticos, cando desempeñaba o Goberno da Xunta de Galicia o PP”. “Este Plan establecía nos distintos apartados das ensinanzas educativas que se garantise, como mínimo, que o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”, subliñou Sánchez Piñón.