O Concurso escolar de marcapáxinas en colaboración coa AMS en Infoxove

A pontevedresa ‘Asociación Multicultural Sinfronteras’ comparte coa Federación de ANPA o obxectivo de favorecer a convivencia e a integración dos inmigrantes mediante actividades educativas e recreativas que teñen a cultura e a arte como canle de transmisión. A Federación de ANPA e a AMS colaboraron recentemente no Concurso escolar de marcapáxinas coa deliciosa colaboración das nenos e nenas dos centros escolares públicos pontevedreses. Este traballo vén agora de ser recollido no Boletín Infoxove da Vicepresidencia da Xunta de Galicia (núm. 24 de setembro-outubro)

O fomento da aproximación, o coñecemento e respecto entre as diferentes comunidades culturais, a convivencia pacífica
e creativa, a mediación en casos de conflito entre comunidades de distinta procedencia cultural, a erradicación da discriminación social por motivos culturais, a participación social activa, a riqueza que para a sociedade entraña a diversidade cultural e o fomento do respecto ao patrimonio histórico-artístico, cultural e natural son os principais eixos sobre os que desenvolve o seu labor esta entidade.

Os seus creadores pensaban xa con anterioridade que cumpría integrar aspectos lúdicos e culturais entre diferentes pobos. A intención desta entidade pasaba pola integración das diferentes culturas en base á arte, aos espectáculos e ao apoio para a entrada na sociedade galega de persoas chegadas de fóra.

A asociación, que hoxe en día conta cuns 50 socios e socias, atende principalmente artistas inmigrantes e todas as persoas que se ofrezan para participar en actividades que mesturan lecer e mais identidades culturais diferentes.

Para poder cumprir cos obxectivos prioritarios, a Asociación Multicultural Sinfronteras organiza espectáculos de
música, teatro e danza, obradoiros instrumentais, obradoiros de artes plásticas e escénicas.

Tamén desenvolve actividades recreativas enfocadas á educación para a convivencia multicultural e o respecto aos dereitos humanos. Ademais de traballar na animación sociocultural, celebra encontros multiculturais.

Ao longo da súa traxectoria, a Asociación Multicultural Sinfronteras participou na organización dun amplo abano de programas, como os macroconcertos do ano 2004, os Brumarios Poéticos da Fundación Cuñas Casasbellas ou o Concurso de Marcapáxinas nos centros escolares.

A organización tamén participou en numerosas charlas, conferencias e obradoiros e en varias festas culturais nos
concellos de Pontevedra, Marín e Cangas.

O seu traballo transcende o eido da cultura, xa que ten traballado a prol da repatriación de inmigrantes e na canalización de axuda para os desfavorecido.

Contacto con AMS:

Rúa Casimiro Gómez, 7 baixo
36002, Pontevedra
Abdoulae Bilal Traoré, presidente
Tel.: 610 397 643