Comunicado dos promotores da Candidatura da Cultura Galego-Portugues a Patrimonio da UNESCO

No ano 2001, coincidindo coas primeiras proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! xunto coas Escolas Asociadas á Unesco comezamos, dentro do marco das nosas actividades anuais, a traballar o Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, cumprindo un dos obxectivos fundamentais que nos moven: fomentar o diálogo entre a cultura galega e portuguesa.

mosimageFroito destas actividades naceu a idea de presentar unha candidatura á UNESCO para que esta proclamase o patrimonio inmaterial galego-portugués como Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade. Con este afán, ilusos e ilusionados comezamos a traballar a finais do ano 2001.

Moitas ilusións e forzas foron quedando no camiño e a punto de deitar a toalla estivemos varias veces diante das dificultades que ían aparecendo no noso itinerario, pero unha teimuda obstinación e constancia xunto con golpes de sorte ás veces e pura arroutada as máis, fixeron que en setembro de 2004 puidéramos presentar en París diante da UNESCO o dosier requirido para participar nas terceiras- e derradeiras- proclamacións.

No mes de maio  deste ano 2005 recibimos unha comunicación da UNESCO na que nos informaba de que o noso traballo estaba moi ben elaborado e só nos solicitaba unhas concrecións sobre algúns dos aspectos que o noso dosier contiña. Como proba de que o traballo lles agradaba, suxeriron que modificaramos o título para o plural: “As tradicións orais galego-portuguesas”, feito que nós aceptamos dado que reflectía exactamente o que era o noso enfoque. Ese foi o título definitivo do dosier.

Unha vez que todo o dosier, vídeo e demais materiais que a organización internacional requiría foron   mandados para París, adicamos estes últimos seis meses a difundir entre a sociedade galega e portuguesa a existencia desta candidatura e percorrimos o  país de arriba abaixo co afán de que toda a sociedade fora coñecedora de que a súa cultura tradicional estaba candidatada a ser patrimonio da humanidade. Froito deste esforzo foron as actividades que nós organizamos ou nas que participamos en Melgaço, Cambados, San Tirso de Abres (Asturias), Vilafranca do Bierzo (León), Lugo, Ourense, Compostela, Vigo, Porto, Lisboa, etc. O resultado deste traballo é o coñecemento da Candidatura e o apoio explícito feito por 51 concellos galegos e cámaras portuguesas ,62 asociacións, 103 escolas e 144 institucións de ámbolos dous países, sendo unha destas escolas ou entidades a súa, razón pola que lles enviamos esta carta.

Neste último tramo da Candidatura contamos co apoio decidido do actual goberno da Xunta de Galicia que tomou como propio este proxecto e que traballou con nós da man até o último momento.

Pero chegou o momento da decisión final e a nosa candidatura non foi proclamada. Que pasou? Segundo as nosas noticias foi determinante o informe externo, solicitado pola UNESCO a unha pretendida ONG de Portugal chamada “Consello Internacional de Filosofía e Ciencias Humanas” no que se mostraban algunhas reticencias á nosa candidatura “…por ter un campo de referencia extremadamente amplo…. o que fai difícil a aplicación do plano de acción”.

A UNESCO, sen valorar que esta era unha candidatura das escolas, incluídas as súas propias escolas asociadas, e que se levaba traballando máis de catro anos co entusiasmo e apoio explícito de gran parte da sociedade, tivo en conta ese informe e, modificando as súas normas, posto que en ningunha delas se especificaba que as Candidaturas deberían ser sobre manifestacións concretas, e contrariando a súa propia historia posto que na primeira proclamación si se proclamara a Cultura do Pobo Zápara de Centroamérica, decidiu non proclamar a nosa candidatura.

          E a partir de agora, que? A decisión, por inxusta, non mermou nos nosos ánimos a idea de seguir a traballar na recuperación, mantemento e espallamento da nosa cultura tradicional e contando, co apoio decidido da Consellería de Cultura e do Goberno da Xunta, en xeral, pensamos que se abren horizontes de traballo e cooperación entre as escolas dos nosos dous países para seguir pulando polo coñecemento mutuo a través dunha cultura cun pasado común esplendoroso e cun patrimonio de excelencia para o futuro.
    

A través da nosa páxina web www.opatrimonio.org tentaremos seguir manténdovos informados de todo este proceso.

 
Un saúdo e ata a próxima