Axudas para o funcionamento de clubs de lectura

Convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, pola que se incentiva o
funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos de titularidade da Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria, que acollan ensinanzas de educación secundaria,
bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

Segundo o recollido na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación a Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria debe prestar unha atención prioritaria ao conxunto de
factores que favorecen a calidade da ensinanza, entre os que se nomean o fomento da lectura e o uso das bibliotecas.
No desenvolvemento curricular da Comunidade Autónoma contémplase a obrigatoriedade dos centros educativos de incorporar ao seu Proxecto Educativo un Proxecto Lector de Centro que integre as actuacións destinadas ao fomento da lectura e da escritura, e á adquisición das competencias básicas. Os centros educativos deberán tomar decisións que permitan a formación de lectoras e lectores competentes, e a creación e consolidación do hábito de lectura. Deberán facilitar, así mesmo, o desenvolvemento de actitudes favorables á lectura mediante a creación de ambientes lectores, entre outras estratexias.
Unha das fórmulas de maior interese para o fomento do hábito da lectura, en xeral, e entre os adolescentes en particular, é a posta en marcha dun club de lectura, porque inclúe varias das condicións necesarias para motivar aos lectores e lectoras destas idades: a posibilidade de comunicación cos seus iguais e a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre as súas lecturas. Por esta razón, é unha práctica que comeza a ser empregada por profesorado atento ás necesidades e intereses do seu alumnado, que inclúen a participación dun club de lectura nas programacións das bibliotecas escolares ou como complemento na programación da propia materia. Esta práctica de socialización e creación de comunidades de intereses, ao redor dos libros e da lectura, está avalada por resultados moi positivos na creación de ambientes lectores nos centros, coa participación en moitos casos de pais, nais, e outros membros da comunidade escolar.
Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de rapaces e rapazas para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso. O espazo natural para o club de lectura é a biblioteca escolar, e os tempos axeitados para a súa celebración dependen das posibilidades de cada grupo (recreos ou tempos non lectivos), resultando imprescindible a implicación persoal do profesorado dadas as especiais características desta actividade. O número de integrantes non debe ser excesivo. A utilización das técnicas de información e comunicación e algunhas das chamadas ferramentas da web 2.0 (blogs ou foros) poden enriquecer a actividade, contribuír á
lectura en diversos soportes e facilitar a difusión das súas propostas entre a comunidade
educativa.

Por todo o anterior, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa dispón:
Apartado 1: Obxecto.
Apoiar a creación de clubs de lectura en centros educativos de titularidade da Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria que acollan alumnado de ensino secundario, bacharelato,
formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, mediante a asignación dunha contía para a posta en marcha de esta actividade. O club de lectura deberá ter funcionamento ao longo de todo o curso 2007/2008 e a súa finalidade será a de fomentar a lectura entre os participantes e contribuír á creación dun ambiente lector no centro.
Apartado 2: Destinatarios.
Poderán presentar solicitude aqueles centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou conten con profesorado que pretenda poñelo en marcha cun grupo de alumnos e alumnas. No club de lectura poderán participar, se fose o caso, membros dos distintos sectores da comunidade escolar.
Apartado 3: Requisitos.
As solicitudes presentadas deberán reunir os seguintes requisitos:
 Especificación, segundo o modelo que se achega, dos seguintes aspectos:
finalidades do club de lectura, actividades programadas, composición e número de
participantes aproximado, formas de organización e funcionamento previstos,
horario e calendario para a celebración das reunións presenciais, persoa
responsable/coordinadora e medios que se utilizarán para a súa difusión.
 Presentación no Claustro e aprobación por parte do Consello Escolar.
Apartado 4: Dotación orzamentaria.
Os centros dos que resulte seleccionado o proxecto de club de lectura recibirán unha asignación, destinada á posta en marcha das actividades de fomento da lectura previstas neste, con cargo á aplicación 09.02.423B.640.1 dos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2007 nunha contía global máxima de 130.000 €.
Apartado 5: Solicitudes.
A solicitude, segundo o modelo recollido no anexo I, deberá vir acompañada da seguinte
documentación:
 Certificación da dirección do centro conforme o proxecto de club de lectura foi
presentado ao claustro e aprobado no consello escolar. Cando se trate dun club de lectura
que xa ten iniciada a súa actividade, deberá sinalarse a data de aprobación no consello
escolar; de non contar con este requisito, presentarase agora ao consello escolar para a
súa aprobación,
 Breve descrición do proxecto de club de lectura, segundo o guión que se inclúe no anexo
I de solicitude.
As instancias e demais documentación presentaranse, antes do 20 de novembro de 2007, norexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo
San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). Simultaneamente, enviarase un correo electrónico ao enderezo bibliotecasescolares@edu.xunta.es, dende o enderezo oficial do centro, indicando no asunto “entregada documentación club de lectura”, sen outro detalle.
Se a solicitude fose remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación.
Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos esixidos e se vai
acompañada da preceptiva documentación, requiríndose en caso contrario ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que deben achegarse, advertíndolle que se así non o fixera, terase por desistido da súa petición e procederase ao seu arquivo logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos
documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.
Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante á citada dirección xeral.
Apartado 6. Criterios de selección.
Para a selección de clubs de lectura, ademais do cumprimento dos requisitos recollidos no
apartado 3, valoraranse cun máximo de 10 puntos os seguintes aspectos:
– Experiencia do club de lectura anterior a esta convocatoria (o que se xustificará mediante
breve memoria da súa historia e certificación da dirección do centro). 3 puntos
– Coherencia e calidade das actividades propostas, en función das finalidades previstas. 2
puntos.
– Compromiso do profesorado responsable (que se poñerá de manifesto na descrición da
organización e funcionamento previstos). 2 puntos
– Formación recibida en materia de fomento da lectura por parte do profesorado
responsable (presentaranse certificacións de cursos, grupos de traballo, seminarios, etc.),
2 puntos.
– Implicación do profesorado do centro e apertura a distintos sectores da comunidade
educativa. 1 punto
Apartado 6: Comisión de avaliación e resolución.
Baixo a presidencia da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:
– O Subdirector Xeral de Centros.
– O xefe do Servizo de Xestión de Programas Educativos.
– As asesoras responsables da Asesoría de bibliotecas escolares na Consellería de
Educación de Ordenación e Innovación Educativa
– Un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Centros, que actuará como
secretario/a, con voz e sen voto.
A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaboración na valoración das solicitudes.
Esta comisión, revisados os proxectos presentados, elaborará unha proposta provisional de clubs de lectura seleccionados indicando as cantidades asignadas. Á vista desta proposta da comisión, a Dirección Xeral de ordenación e Innovación Educativa resolverá a convocatoria
Apartado 7: memoria final.
Os coordinadores dos clubs de lectura seleccionados nesta convocatoria de apoio a actividades de fomento da lectura, elaborarán unha breve memoria das actividades levadas a cabo durante o curso 2007/2008, con detalle dos materiais elaborados no seu caso, valoración dos resultados obtidos. Presentarase, así mesmo a xustificación dos gastos efectuados segundo anexo II. O prazo para a presentación da memoria e da xustificación de gastos rematará o 10 de xullo de 2008.
Poderán ser causas de revogación total ou parcial das cantidades asignadas, a non entrega da memoria final, así como a falta de xustificación ou a xustificación incompleta, debendo proceder o centro ao reintegro das cantidades que procedan, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan esixir.
Apartado 8: Formación.
Os responsables/coordinadores dos clubs de lectura seleccionados poderán ser convocados pola dirección xeral a unha actividade de formación específica durante o curso 07/08.
Apartado 9. Seguimento e avaliación
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa levará a cabo un seguimento e
avaliación destas actividades de fomento da lectura e difundirá a través do portal educativo e
doutros medios ao seu dispor aquelas experiencias que merezan difusión pola calidade e
repercusión das súas propostas.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2007
A DIRECTORA XERAL DE ORDENACIÓN E INNOVACIÓN EDUCATIVA