AXUDAS COMPRA DE ORDENADORES

viernes 02 de marzo de 2007)

XORNAL I A Coruña.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, informou esta mañá en rolda de prensa sobre as novidades que introduce este ano a convocatoria de axudas para mercar ordenadores destinada ás familias galegas e que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). A máxima responsable da Administración educativa autonómica destacou que serán 10.000 novas bolsas, das que se poderán beneficiar todos os alumnos e alumnas de centros educativos sostidos con fondos públicos matriculados en educación primaria ou educación secundaria obrigatoria (ESO). Sánchez Piñón salientou que “este ano, como novidade, a convocatoria está destinada a todos os alumnos do ensino obrigatorio sen ningunha preferencia por algún deles”. Ademais, segundo sinalou a conselleira de Educación, inclúe tamén ao alumnado de educación especial

A titular do departamento educativo autonómico indicou que estas axudas, nas que a Consellería investirá 3 millóns de euros, terán un importe individual de 300 euros. Neste senso, Laura Sánchez Piñón salientou que o obxectivo da nova convocatoria é “continuar a liña da Administración educativa autonómica de cara a promover o uso das novas tecnoloxías, facilitando medios informáticos a aquelas familias da Comunidade Autónoma galega que non dispoñen de equipamento adecuado”, así como “camiñar na consecución da igualdade de oportunidades para aquelas familias con menos recursos”.

Así, son preto de 219.000 alumnos os que poderán optar a estas axudas, debendo reunir os seguintes requisitos: estar matriculado/a no curso escolar 2006/07 nun centro educativo sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera dos cursos de educación primaria e secundaria obrigatoria, ou equivalentes no caso do alumnado con necesidades educativas específicas; adquirir ou ter adquirido un ordenador persoal de primeira man, de sobremesa ou portátil, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de setembro de 2007; ser o único membro da unidade familiar para o que se solicita a axuda; e non ter recibido esta axuda a unidade familiar en anteriores convocatorias.

PROCEDEMENTO.- Tal e como indicou a conselleira de Educación, o prazo de presentación de solicitudes será do 3 de marzo ao 3 de abril, ambos incluídos. En canto ao procedemento, Sánchez Piñón sinalou que os aspirantes a estas bolsas deberán presentar a solicitude normalizada, que deberá ser asinada polo pai, nai ou titor do alumno, acompañada dunha copia do DNI do solicitante. Sánchez Piñón indicou que esta solicitude presentarase ON LINE e logo dirixirase á Consellería de Educación.

Ademais, os solicitantes deberán presentar fotocopia compulsada do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar; autorización deles e doutros membros da familia cuxos ingresos son computables para coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder recadar datos de carácter tributario ou económicos ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda; declaración responsable do solicitante de percibir ou non outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade; fotocopia compulsada do certificado de minusvalía no caso de que algún membro da unidade familiar teña esa condición; e documento orixinal, facilitado pola entidade bancaria acreditativo da existencia dunha conta bancaria aberta a nome do solicitante.

Laura Sánchez Piñón salientou que “o único criterio de valoración que se terá en conta para conceder estas axudas será o do nivel de ingresos da unidade familiar”. Ademais, a conselleira de Educación destacou que este ano como novidade “as familias beneficiarias recibirán un SMS no seu teléfono móbil comunicándolle a concesión destas axudas”.

10.000 AXUDAS EN 2006.- A máxima responsable da Administración educativa autonómica fixo tamén un balance das dúas convocatorias de axudas para mercar ordenadores que a Consellería de Educación promoveu en 2006, nas que o departamento que ela dirixe investiu 3 millóns de euros. Así, a conselleira de Educación indicou que no ano pasado convocáronse 10.000 axudas en dúas quendas, e que “do total de ordenadores adquiridos polas familias, un 70% foron de sobremesa e un 30% foron portátiles”. En canto á distribución por provincias, Sánchez Piñón sinalou que 3.968 axudas corresponderon a familias da provincia de A Coruña; 1.376 á de Lugo; 1.218 á de Ourense; e 3.438 á de Pontevedra.

Por outra banda, a conselleira de Educación referiuse ás previsións do seu departamento para este ano en materia de dotación de equipamento informático aos centros de ensino. Neste senso, Sánchez Piñón indicou que proximamente sairá o novo concurso, no que a Administración educativa investirá ao redor de 10 millóns de euros, e que permitirá a distribución nos centros escolares de máis de 9.000 ordenadores.

Ademais, a máxima responsable da Administración educativa autonómica indicou que “a esta cantidade hai que sumar as achegas de Red.es en virtude dun convenio entre esta entidade e o MEC”, polo que “en dous anos distribuiremos da orde de 35.000 equipos”. Laura Sánchez Piñón sinalou que estas accións compleméntanse coas actuacións en materia de infraestruturas que está a levar a cabo a Consellería de Educación para cablear todos os centros de ensino e que suman da orde de 2 millóns de euros neste 2007”.