A Federación de comercio de Pontevedra valora en 600 euros o gasto de inicio escolar por neno
As familias da provincia de Pontevedra gastarán unha media de case 600 euros con motivo do inicio do curso escolar, segundo as estimacións da Federación de Comercio da provincia, que constata que este diñeiro será investido en libros de texto, material lectivo, comedor, transporte e outros.
O estudo da Federación, realizado a partir de 750 sondaxes telefónicas, recolle que o menor gasto corresponde aos escolares que estudan en centros públicos, nos que non é necesario o uso de uniformes. Aos gastos de libros e material escolar súmaselles o pagamento do comedor, que pode oscilar entre os 60,25 euros e os 115, 25 euros dependendo do centro, e o custo do transporte escolar, que pode superar os 80 euros.
No caso dos centros escolares privados e concertados, os gastos increméntanse coas matrículas, entre 90 e 195 euros, así como o custo dos uniformes (incluída a roupa de deporte), que pode andar nos 500 euros. Así, o gasto total pode ser de 592 euros no caso de centros públicos; 1.016 euros nos centros concertados con uniforme, e 1.180 euros no caso dos colexios privados.
As conclusións do estudo establecen que o gasto escolar por familia na provincia de Pontevedra incrementarase nun catro por cento respecto do inicio do curso pasado, e grande parte da investimento se refire aos libros de textos e aos uniformes