RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital durante o curso 2015/16.
Primeiro. Obxecto Convocar e establecer as bases para a selección de centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que se incorporarán no curso 2015/16 ao proxecto Educación Dixital (E-DIXGAL). Segundo. O proxecto Educación Dixital O proxecto Educación Dixital (E-DIXGAL) ten como obxecto favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no desenvolvemento da actividade educativa, facilitando aos centros adscritos á Rede Abalar a dispoñibilidade de libros e outros materiais dixitais cos que piodan desenvolver o seu proxecto na totalidade do currículo de 5º de educación primaria e 1º de ESO no curso 2015/16, que se ampliará a outros cursos nos anos seguintes. Os centros adscritos a este proxecto terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os centros deberán utilizar, se é o caso, exclusivamente materiais dixitais na totalidade das materias, que poden proceder desta contorna e/ou pode proporcionalos o centro. Terceiro. Destinatarios Poderán participar no procedemento de selección da presente convocatoria os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Rede Abalar que impartan no curso 2015/16 ensinanzas de 5º de Educación primaria e/ou 1º de ESO. DOG Nº 87