RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

Artigo 1

O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.

Artigo 2

1. As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar realizaranse entre os días 24 e 28 de novembro de 2014, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes, de acordo co procedemento establecido.

2. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 3 e 7 de novembro de 2014, ambos os dous incluídos.

3. De conformidade co establecido no artigo 31.b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 3

Os centros que comezaron o seu funcionamento no curso 2013/14 levarán a cabo a primeira renovación do consello escolar prevista na lexislación vixente, de acordo co calendario xeral previsto no artigo 2 desta resolución.

Artigo 4

Para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados terase en conta o establecido nos correspondentes decretos polos que se implantan os regulamentos orgánicos.

Artigo 5

1. As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2014/15 realizaranse entre os días 27 e 30 de outubro de 2014, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, de acordo coa Orde desta consellería do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22 de outubro).

b) Para os centros públicos integrados, no artigo 11 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26 de xaneiro).

c) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, na Orde desta consellería do 29 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro); corrección de erros no DOG do 15 de novembro de 1996.

d) Para os centros privados concertados, na Orde desta consellería do 28 de agosto de 1996 (DOG do 26 de setembro).

e) Para os restantes centros terase en conta o establecido nos correspondentes regulamentos orgánicos.

2. Nos centros a que se refire o punto anterior, a xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, constituirase entre os días 2 e 7 de outubro de 2014, ambos os dous incluídos.

DOG Nº 187