ORDE do 8 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o equipamento e a mellora dos seus locais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora dos locais das asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o ano 2012, no que atinxe ao equipamento e mellora dos seus locais, conforme o procedemento que a seguir se establece.

Inclúense nesta orde os investimentos feitos en melloras e equipamentos desde o 1 de xaneiro de 2012 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actuacións que se encadren nas seguintes modalidades:

a) Fundacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.

b) Asociacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.

c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: poderán acollerse unicamente ás axudas de investimento en equipamento e mobiliario.

Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro aqueles das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan como sede destas entidades ao fomento da cultura en Galicia.

DOG 119