ORDE do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A).

Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para a obtención dos permisos de condución clases B e C por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade.
2. O código de procedemento administrativo é BS321A.
Artigo 2. Convocatoria e concesión
1. A Consellería de Política Social convoca estas axudas para o ano 2021. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a
todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.
2. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Política Social publicarao no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: xuventude.xunta.es. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.
Artigo 3. Gasto subvencionable e contía da axuda
O gasto subvencionable é a suma a tanto global de obtención dos permisos de condución obxecto da presente orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.
O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B e de 650 euros para o permiso de clase C.
O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de ambos os permisos obxecto da orde

Source: Orde DOG Venres, 13 de agosto de 2021 – AnuncioG0425-040821-0001_gl.pdf