Instrucións xerais de Educación para o curso 2025-26
Comunicado de CONFAPA-GALICIA, confederación á que pertence FANPA Pontevedra
CONFAPA-GALICIA VALORA A INFORMACIÓN DA XUNTA SOBRE AS INSTRUCIÓNS PARA O INICIO DO CURSO 2025-2026, MAIS PIDE CLARIDADE E PARTICIPACIÓN DAS FAMILIAS
12 de xuño de 2025
Representantes da Confederación de ANPAs de Galicia (CONFAPA) participaron o pasado 9 de xuño nunha reunión coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, na que se abordaron as liñas xerais das instrucións para o inicio do curso 2025-2026.
Na xuntanza tratáronse aspectos clave como:
• A mellora da convivencia escolar, con especial fincapé no reforzo da autoridade do profesorado e dos equipos directivos. A administración destacou a necesidade de fomentar o respecto á figura docente e aplicar tolerancia cero ante agresións, mais CONFAPA lembra que a convivencia debe ser unha responsabilidade compartida por toda a comunidade educativa, incluído profesorado, os equipos directivos e a súa relación coas familias. O profesorado recibirá formación en convivencia, necesaria para xestionar os conflitos
• Actividades complementarias, que seguirán dependendo da prerrogativa dos centros e deberán estar incluídas no Plan Xeral Anual (PXA). A Consellería indicou que deben responder a criterios de racionalidade, obxectividade e neutralidade ideolóxica e a instrución pretende reducir a improvisación. CONFAPA solicita garantías de transparencia e equilibrio na súa programación para todos os niveis educativos, así como o respecto á diversidade de opinións sempre dentro do marco legal. Por outra banda, as actividades extraescolares ou as iniciativas das ANPA non estarían sometidas a tal requisito aínda que deben ser coherentes cos valores educativos públicos e forncer información veraz, contrastada e obxectiva.
• Control parental sobre contidos curriculares, especialmente en temas de saúde afectivo-sexual. A Consellería lembrou que, se o contido está adaptado á idade e forma parte do currículo, non cabe a exclusión por parte das familias. CONFAPA considera necesario promover o diálogo e a información clara para evitar malentendidos, ao tempo que se respecta o dereito das familias a estar informadas.
• Fomento da lectura, para o que se prevé unha resolución específica. Dende CONFAPA valoramos positivamente esta iniciativa á espera de concreción e incidencia sobre o Plan lector.
• Matrícula telemática, que se implantará de xeito xeralizado este curso. CONFAPA manifesta a súa preocupación pola falta de información actualizada en moitos centros e esixe que se garanta o acceso igualitario de todas as familias, especialmente das que teñen máis dificultades dixitais.
Desde CONFAPA Galicia agradecemos o espazo de diálogo institucional, mais solicitamos unha maior concreción nas medidas anunciadas e unha participación real das familias na planificación do novo curso. A educación é responsabilidade de todos e todas, e só coa colaboración activa da comunidade educativa poderemos garantir un ensino público de calidade, inclusivo e respectuoso cos dereitos do alumnado e das súas familias.