Axudas para actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero destinadas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento SI449B).

Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.

Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías contempladas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero de que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cousificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 € para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes conxuntas, que se presenten agrupadas, por dúas ou máis asociacións de nais e pais ou ben para as federacións ou confederacións de anpas.

Acceso ao texto completo da resolución:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210211/AnuncioG0599-270121-0001_gl.html