O Ateneo de Pontevedra e a Agrupación Cultural Nós de Moaña presenta o “Caderno e Audiovisual Manuel María”

Audiovisual_MMO Ateneo de Pontevedra organiza, co gallo da celebración das Letras Galegas 2016, a presentación do Caderno e Audiovisual Manuel María, realizado por Manuel Anxo Méndez Fraguas, e editado e producido pola Agrupación Cultural Nós, coa colaboración do Concello de Moaña.

Interveñen: Xaime Toxo (presidente do Ateneo de Pontevedra), Xesús Cancelas Franco (presidente da Agrupación Cultural Nós de Moaña) e Manuel Anxo Méndez Fraguas (mestre, activista cultural; autor do Caderno e Audiovisual Manuel María)

Día: luns 23 de maio de 2016

Hora: 20:00

Lugar: Salón de Actos da Casa das Campás (rúa de Don Filiberto, 9-11)

Da obra

O Caderno Manuel María, autoría de Manuel Anxo Méndez Fraguas, contén unha presentación sobre a relación de Manuel María coa vila de Moaña na que realizou dous recitais de poesía e na que ten un paseo co seu nome por acordo unánime da Corporación Municipal.

Na citada publicación tamén se reflicten os actos realizados en Moaña e Cangas con motivo de anteriores homenaxes feitas ao escritor, resúmese a súa biografía e contén unha variada Antoloxía poética, unha escolma de Textos teatrais e da súa obra en prosa, ademais dun resumo da discografía sobre poemas seus musicados por varios autores e autoras como Fuxan os Ventos, María Manoela, Suso Vaamonde, O Carro, Na Virada, Semente Nova, Milladoiro, A Quenlla, Uxía Senlle, Xardín Desordenado, Enric Barbat, Deabruak Teiletuetan, Uxía e Magín Blanco ou a Opereta A Berenguela, así como poemas recitados por Manuel María.

As ilustracións do caderno son fotografías cedidas pola Casa-Museo Manuel María do seu arquivo familiar, fotografías maioritariamente realizadas polo autor e portadas dos seus libros ou dos discos editados ao longo dos anos.

O audiovisual será presentado polo autor, que fará unha breve semblanza do significado do Día das letras Galegas desde o seu comezo. Ten 20 minutos de duración e contén unha banda sonora con tres poemas recitados polo propio Manuel María e outros temas musicados por Suso Vaamonde, María Manoela, Uxía Senlle, Milladoiro e A Quenlla. A fotografía percorre diferentes escenarios de Galicia, especialmente de Outeiro de Rei e a Terra Chá, e está realizada maioritariamente polo autor Manuel Anxo Méndez Fraguas, aínda que incorpora outras de temas como a emigración de varios autores e as cedidas pola Casa-Museo Manuel María sobre a biografía do escritor e que se citan nos créditos.

Do autor

Manuel Anxo Méndez Fraguas. Natural de Loureiro, Cotobade, Méndez chegou a Moaña no ano 1972 tras conseguir unha praza como profesor no colexio público de Reibón. Desde o momento da súa chegada, a súa implicación no municipio foi cada vez maior, ata involucrarse por completo na actividade social, política e cultural de Moaña.

Gran impulsor da Alameda de Moaña ou o Parque da Xunqueira, Méndez participou en colectivos como o Ateneo, do que chegou a ser presidente, na Asociación Cultural-gastronómico-musical ‘Os da Taza’ ou na Asociación de Veciños de Berducedo e Piñeiro.

Integrado no Comité de Axuda a Ascón, organizou unha exposición e posterior poxa de cadros de artistas galegos. A todo isto hai que sumarlle o importante papel que desempeñou en contra dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, a prol da supresión da peaxe de Rande ou a súa actual implicación na Agrupación Cultural Nós e AFAMO.