FALANDO EN VERDE – VERÁN ´06

FALANDO EN VERDE – VERÁN ´06
Obradoiros de medio ambiente en galego.
Rapaces e rapazas, a partir de 7 anosTerá lugar en catro parroquias de Pontevedra (Bora, Ponte Sampaio, Xeve e Campañó)

FALANDO EN VERDE – VERÁN ´06

Obradoiros de medio ambiente en galego

1. Obxectivos
 Promover o emprego do galego.
 Achegar coñecementos sobre o contorno natural inmediato, e concienciar sobre problemas ambientais xerais.
 Achegar unha alternativa lúdica e didáctica para o tempo de lecer.

2. Contido
• Falando de nós mesm@s: a saúde.

– Breve charla de introdución sobre a saúde: o corpo humano e as súas partes; nocións básicas de alimentación e nutrición; prácticas saudábeis en canto a exercicio, hábitos posturais, costumes incorrectos, etc.

– Experimento: simulación dos efectos do tabaco, empregando un “pulmón artificial” feito cunha botella de plástico e un anaco de algodón, comprobando logo o aspecto e cheiro deste algodón.

– Obradoiro: elaboración de sales de baño relaxantes (empregando aceites esenciais de plantas aromáticas e colorante alimentario).

• Falando de gastar: consumo de recursos e enerxía.

– Breve charla sobre o consumo de recursos e enerxía, con exemplos cotiás: gasto (e malgasto) de aparellos comúns, análise do ciclo de vida de envases comúns, etc. Boas prácticas ao respecto.

– Actividade práctica: manexo de elementos de aforro de enerxía e aparellos que funcionan con enerxías renovábeis.

– Obradoiro: fabricación dun sinxelo asador solar, reutilizando cartón de envases. En función da idade dos participantes, esta actividade poderá ser substituída pola montaxe dun recortábel sobre a recollida selectiva do lixo.

• Falando en líquido: a vida na auga
– Breve charla sobre o ciclo da auga e a importancia do seu correcto manexo, a vida nos medios acuáticos (facendo fincapé nas augas doces) e contaminación das augas.

– Actividade práctica: as augas residuais. Demostración do funcionamento dunha maqueta dunha EDAR (reproducíbel polos propios participantes), e análise comentado de alternativas sinxelas, seguras e ecolóxicas para os produtos de limpeza e drogaría máis agresivos.

– Actividade práctica: a vida nunha pinga de auga. Observación e recoñecemento de seres microscópicos das lagoas e charcas.

• Falando de plumas: as aves.
– Breve charla de introdución sobre as aves: orixe, bioloxía, migracións, situación actual xeral, explicación de topónimos galegos relacionados con aves, etc.

– Actividade práctica: manexo de material óptico para a observación de aves (prismáticos e telescopios). Onde sexa viábel, realizarase unha observación de aves nos arredores do local.

– Obradoiro: manualidades sobre as aves, con varias posibilidades segundo a idade dos participantes (retallado de siluetas de rapinas, maquetas de paxaros, recortábeis de caixas – niño, etc.).

As charlas serán amenas e participativas, e apoiadas por material audiovisual e material complementario.

Como complemento para os “intermedios” (mentres van chegando os participantes, ou se algún remata o obradoiro antes que os demais, etc.) levarase en cada sesión unha pequena mostra de libros, contos, banda deseñada… en galego sobre o tema da xornada.

Cada participante recibirá unha carpeta con documentación sobre os conceptos abordados, receitas e modelos dos obradoiros, información complementaria, etc.

@s participantes recibirán tamén un diploma de asistencia.

A avaliación da actividade realizarase mediante enquisa escrita e individual a cada participante.

Entregarase ao Concello un informe-memoria sobre a actividade.

3. Destinatarios
Rapaces e rapazas, a partir de 7 anos, de cada un dos lugares de realización. En previsión, pese a todo, da asistencia de rapaces de máis curta idade, haberá fichas para e completar e colorear adaptadas a estes casos, sobre o tema de cada xornada.

4. Material e recursos
 Local con auga, electricidade e mesas para a realización de manualidades.

O resto dos materiais precisos serán aportados por VENTOS.

5. Duración e calendario
O programa terá lugar en catro parroquias de Pontevedra (Bora, Ponte Sampaio, Xeve e Campañó) en catro sesións de 2 horas e media por sesión para cada lugar, conformando un total aproximado de10 horas por lugar e 40 horas (en 16 sesións) para o programa.

O horario recomendado é de 10:30 a 13:00 horas. As data escolleranse de acordo coa organización. En todo caso, as sesións serán espalladas (un día á semana, por exemplo), e non un “intensivo” nunha soa semana.