FANPA apoia a Plataforma Cidadá Queremos Galego!
FANPA Pontevedra así como Confapa Galicia e outras entidades que son parte esencial da sociedade civil estarán apoiando a manifestación reivindicativa dunha maior presenza e garantías para o futuro do noso propio idioma no ámbito educativo das novas xeracións.
Entre as medidas urxentes compartidas está a derrogación do Decreto 79/2010, a aplicación das medidas do Plan Xeral de Normalización Lingüística e o cumprimento das medidas de protección oficial demandadas polo Consello de Europa.

A comunidade educativa galega, unida no apoio á manifestación do 23F
Nota de prensa de Queremos Galego!
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025.- A comunidade educativa galega presentouse hoxe unida nunha rolda de prensa en Compostela na que recordaron que “todos os estudos e informes sinalan que a lingua galega está nunha situación de emerxencia”, mais tamén que “todo é reversíbel se se activaren todas a ferramentas sociais e políticas para facelo posíbel”. Os principais sindicatos do ensino, as confederacións de Anpas e os movementos de renovación pedagóxica amosaron, así, o seu apoio á manifestación do próximo 23F en Compostela e a súa petición unánime de derrogación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino e de cumprimento dos requirimentos do Consello de Europa. “Non é ningunha novidade afirmarmos que o entorno do ensino é fundamental se falamos de normalización lingüística”, recordou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, que deu lectura ao manifesto conxunto acordado polos principais axentes do sector. “Cando en 2004 no Plan Xeral de normalización da lingua galega se estabeleceu que os contidos tiñan que ser equilibrados entre a lingua galega e a castelá”, afirmou, “os ensinantes e as ensinantes pensamos que se estaban a sentar as bases para unha real normalización da presenza da nosa lingua no ensino”. “Pero entón chegou o Decreto 79/2010”, lamentou, “que non só limitaba a un terzo a presenza do galego nos centros, senón que ademais impedía de facto que determinadas materias puidesen ser explicadas en galego”. A comunidade educativa recordou esta mañá en Compostela que rexeitamento do decreto foi “profundo” e unánime dende o comezo e que “as consecuencias deste Decreto galegófobo comezamos a padecelas desde os primeiros momentos da súa aplicación”. Por iso, consideran “imprescindíbel” a “coordinación da comunidade educativa e dos seus representantes arredor do obxectivo compartido de mudanza de rumbo a respecto da lingua no ensino”. Un primeiro paso nesta dirección é o apoio conxunto da representación da comunidade educativa á manifestación que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego e a demanda colectiva de cumprir cos requirimentos do Consello de Europa, as medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega e a necesidade de derrogación do Decreto 79/2010. |

Debe estar conectado para enviar un comentario.