Comunicado unitario das organizacións sociais do sector educativo

Luns, 13 de abril de 2020

Achegamos comunicado asinado polas dúas confederacións de Asociacións de nais e pais do ensino público de galicia, CONFAPA Galicia e Confederación de Anpas Galegas, e os sindicatos do ensino CCOO, CIG, CSIF, UGT e ANPE, comprensivo do posicionamento unánime de todas estas organizacións cara ao desenvolvemento e finalización do presente curso escolar, que temos remitido á Consellería de Educación, UeFP a fin de que se evite unha toma de decisións contraria ás familias e docentes aos que representamos, unidos coma nunca no rexeitamento aos plantexamentos que a Administración ten evidenciado ata hoxe.

http://www.confapagalicia.org/novas/

Á CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL:

Os abaixo asinantes, na nosa calidade de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa, solicitamos desta Consellería sexa tomado en consideración o noso posicionamento sobre a actual situación derivada da pandemia do COVID-19 que estamos a padecer, que pasan a expor, co unánime pedimento de que a decisión da administración educativa de cara ao desenvolvemento e finalización do presente curso escolar sexa tomada desde estas propostas consensuadas por todos nós, docentes e familias, nun exercicio de responsabilidade democrática inescusable.

Consideramos:

  1. O curso escolar non tivo de feito nin pode ter continuidade real desde o día 13 de marzo, en que rematou a impartición presencial do mesmo:
    1. non hai unha capacidade real de impartición telemática de contidos que chegue a todo o alumnado, tanto por falla real de
      acceso á rede como por carencia nas familias de medios tecnolóxicos.
    2. alumnado, familias e docentes carecen de directrices, de apoio e ainda, con carácter xeral, de previa formación nin práctica
      para o traballo en liña.
    3. non hai posibilidades reais de seguimiento polo profesorado do traballo efectivamente realizado nas casas.
    4. a educación presencial non pode ser suplida pola impartición de contidos telemáticos, malia a voluntariedade e esforzo do
      profesorado, coa conseguinte merma da calidade educativa.
    5. o estado físico e psicolóxico das familias, do alumnado e do propio persoal docente, afonda aínda mais na inviabilidade do
      sistema.
    6. existe un abandono xeneralizado de practicamente todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo,pola imposibilidade de se achegar a el nestas condicións, e pola dificultade intrínseca da converter para ese alumnado a
      relación presencial en relación a distancia. Non asumir como imprescindíbel a participación dese colectivo significaría un
      enorme retroceso na atención á diversidade.
  2. A avaliación xeral do curso ten que partir da situación de excepcionalidade que estamos a vivir e vir acompañada de cantos
    medios eviten o desfavorecemento das posibilidades de promoción do alumnado.
  3. Cómpre unha reformulación xeral dos distintos currículos para o vindeiro curso, que cubra a fenda educativa xerada por esta
    situación excepcional, unida ao establecemento de ferramentas educativas que posibiliten a todo o alumnado o desenvolvemento en
    condicións de igualdade dese novo curso.

Por canto queda exposto,

SOLICITAMOS​:

  1. DAR POR FINALIZADO EN TERMOS DE AVALIACIÓN O CURSO ESCOLAR 2019-2020 CON DATA 13 DE MARZO, AÍNDA MANTENDO O CALENDARIO ESCOLAR.
  2. ESTABLECEMENTO DE CRITERIOS DE AVALIACIÓN EXCEPCIONAIS QUE POSIBILITEN A PROMOCIÓN DO ALUMNADO.
  3. REORGANIZAR OS CURRÍCULOS DE CARA AO/S VINDEIRO/S CURSO/S.
  4. TRABALLAR CONXUNTA E CONSENSUADAMENTE NA PROCURA DE MECANISMOS COMPENSATORIOS QUE EVITEN NO CURSO 2020-2021 UN ESFORZO INASUMIBLE PARA UNHA PARTE DO ALUMNADO.
  5. PARTICIPAR DE TODOS OS PROCESOS DE TOMA DE DECISIÓNS NOS ÓRGANOS CORRESPONDENTES E QUE AS MESMAS CONTEN CO APOIO E APROBACIÓN DAS NOSAS ORGANIZACIÓNS.