Protocolo de comedores e madruga da FANPA
Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos comedores escolares e Plan Madruga xestionados por FANPA Pontevedra nos comedores dos centros públicos do Concello de Pontevedra e Marín para o curso 2020-2021
(Para uso das ANPA, elaboramos tamén un modelo xeral.)
Modelo xeral en PDF para descargar (híbrido, podese editar con LibreOffice)
Texto do protocolo da FANPA
Obxecto
O presente protocolo ten por obxecto crear servizos de comedor e madruga saudables e seguros establecendo medidas de prevención que deben adoptarse por parte do persoal dos servizos e polos usuarios, coa finalidade de previr o risco de contaxio por COVID 19.
O documento aplicarase ós servizos de madruga e comedor xestionados pola FANPA nos centros públicos dos concellos de Pontevedra e Marín durante o curso 2020-2021.
Este protocolo integrarase como anexo no “Plan de adaptación a situación COVID 19 no curso 2020-2021”, e deberá ser aprobado previamente polo equipo COVID do centro escolar.
1. Medidas básicas de protección para persoal e usuarios dos servizos de madruga e comedor:
1.1 Uso das máscaras
O persoal utilizará en todo momento a máscara de protección, con independencia do mantemento da distancia de seguridade.
Os usuarios a partir dos 6 anos de idade usarán a máscara a excepción do momento onde inxiran bebidas ou alimentos. No tempo que pasa entre que se serven os diferentes pratos que conforman o menú, utilizarán a máscara. Recomendarase o uso para alumnos de educación infantil.
Esta obriga non será esixible para as persoas que presenten algún tipo de enfermidade que imposibilite o uso da máscara, e deberá ser acreditada polo facultativo correspondente.
1.2 Hixiene das mans
O persoal e usuarios, lavará as mans antes do inicio do servizo e ó finalizar o mesmo, mantendo o grupo de convivencia estable, e no baño do andar que lle corresponda, con auga e xabón durante polo menos 40 segundos, ou con xel hidroalcohólico, durante polo menos 20 segundos.
Os centros garantirán existencia de xabón e papel para secar as mans nos aseos.
Deberán existir dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada do espazo onde se da o servizo de comedor e madruga.
O lavado de mans farase sempre despois de ir ao aseo.
1.3 Distribución dos usuarios nos servizos de comedor e madruga
Na medida do posible o alumnado sentarase no comedor agrupado por aulas, de xeito que se manteña a continuidade do grupo de pertenza.
Existirá unha separación de 1,5 metros entre grupos de pertenza, que poderá ser substituída por paneis de separación. No caso de que exista espazo suficiente para separar o alumnado 1,5 metros, esta será a medida preferente.
Levarase rexistro dos lugares que ocupan cada un dos nenos, co obxectivo de facilitar a localización dos contactos en caso de gromos. Se fose posible, os nenos ocuparán lugares fixos no comedor escolar durante todo o curso.
Establécese un máximo de dúas quendas por servizo, independentemente de que o número de solicitantes do servizo sexa maior das prazas dispoñibles.
1.4 Toma de temperatura dos usuarios e persoal dos servizos de comedor e madruga:
O persoal tomarase a temperatura corporal antes do inicio do servizo levando un rexistro diario.
No caso de detección de síntomas compatibles coa Covid-19 nun usuario durante o servizo do comedor ou madruga, contactarase coa súa familia, que deberá presentarse no servizo o antes posible. Darase traslado da incidencia á dirección do centro e ao Equipo Covid do mesmo coa maior premura.
O menor illarase no espazo de illamento que teña adicado para este fin cada centro, mentres se xestiona o seu traslado, seguindo o protocolo xeral que o centro teña establecido no seu plan de continxencia.
Cada centro informará a FANPA de onde se atopa este espazo, e establecerá as medidas de coordinación necesaria para garantir a funcionalidade das medidas de continxencia.
2. Limpeza dos espazos e material utilizado
Seguirase o protocolo establecido con carácter xeral para os establecementos de hostalaría e restauración, incidindo na obriga do uso da máscara en todo momento excepto no intre da alimentación.
Realizarase unha limpeza dos espazos utilizados entre cada unha das quendas e ao finalizar o servicio.
O enxoval utilizado lavarase mediante sistema mecánico despois de cada uso.
Os panos de mesa e os manteis serán dun só uso.
O material utilizado para a realización do proxecto educativo será de uso individual e será limpado despois do seu uso.
Os espazos destinados á custodia dos usuarios será limpado entre quendas e ó final do servizo, só se utilizará nos centros onde teñan dúas quendas de comedor, e sempre que non sexa posible estar ó aire libre.
Todos os espazos serán ventilados o maior tempo posible, cun mínimo de 15 min entre quendas.
3. Persoal
A ratio de persoal será de 1 monitor cada 12 usuarios para infantil, e 1 monitor por cada 20 usuarios de primaria.
O persoal fará as funcións de monitores e persoal de limpeza.
O persoal colaborador será o mesmo en cada unha das quendas.
O persoal realizará a auto enquisa diaria de síntomas para comprobar, no caso de que haxa síntomas, que estes son compatibles cunha infección por SARS-CoV-2 mediante a realización da enquisa clínico epidemiolóxica que se describe no Anexo I das instrucións para a adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino para o curso 2020-2021, que debe realizarse antes da chegada ao centro de traballo.
Ante a aparición de sintomatoloxía compatible coa COVID 19 non acudirán ao posto de traballo e darán coñecemento a FANPA e ao equipo COVID do centro.
Os centros indicarán o contacto dun responsable do Equipo Covid. En caso de presentar síntomas de gravidade ou dificultade respiratoria chamarase ao 061. O/A traballador/a que inicie síntomas debe abandonar o centro protexido por máscara cirúrxica, e logo de seguir as instrucións do centro de saúde ata que a súa situación médica sexa valorada por un profesional sanitario. De confirmarse o positivo, o equipo Covid do centro escolar comunicarao ao equipo Covid-escola do centro de saúde de referencia. ”.
Se a sintomatoloxía é grave e urxente o contacto é 061. Se non o é, o referente é o servizo médico do traballador e non o centro de saúde de referencia para o centro, salvo a efectos epidemiolóxicos, en cuxo caso o contacto corresponde ao Equipo Covid.
4. Entrada e saída dos usuarios no Plan madruga
No servizo de madruga serán os pais ou titores os que fagan entrega dos menores. Os adultos e os usuarios terán que levar a máscara de protección en todo momento, a excepción dos alumnos de infantil onde só será recomendable.
A entrada ás clases dos usuarios do servizo de madruga serán segundo o sistema de recollida e na hora acordada co centro.
En todo caso o persoal do servizo de madruga restrinxirá o seu acceso aos espazos docentes, tendo preferencia polos espazos abertos e externos aos propios de docencia para a entrega dos alumnos usuarios do plan madruga.
Durante os desprazamentos tanto para entrada como para a saída do servizo os usuarios utilizarán a máscara de protección no caso dos maiores de 6 anos, e todos manterán a distancia de seguridade.
5. Entrada e saída dos usuarios do comedor
A entrada ao servizo de comedor poderá realizarse ata media hora antes do horario de cursos anteriores. Dende as 13:30 para centros que remataban ás 14 horas e dende as 14 horas para os centros que remataban ás 14:30 horas.
O traslado do alumnado do dende os espazos docentes ao comedor escolar farase segundo o sistema de recollida e na hora acordada co centro.
En todo caso o persoal do servizo de comedor restrinxirá o seu acceso aos espazos docentes, tendo preferencia polos espazos abertos e externos aos propios de docencia para a entrega dos alumnos usuarios do comedor escolar.
Os sistemas de traslado do alumando ao comedor escolar acordados cos centros deberán garantir a continuidade dos grupos de pertenza e a separación entre eles. O alumnado non se desprazará libremente e sen control dos docentes polo centro para incorporarse ao comedor escolar.
Cada un dos centros enviará a FANPA previo o inicio do servizo o seu horario individualizado de entradas e saídas por curso.
Durante os desprazamentos tanto para entrada como para a saída do servizo, os usuarios utilizarán a máscara de protección no caso dos maiores de 6 anos, e todos manterán a distancia de seguridade.
A saída dos usuarios do servizo de comedor farase por quenda única establecendo unha hora de saída, facendo entrega dos menores aos pais ou titores autorizados.
En termos xeráis non se permitirá a entrada dos pais ao recinto escolar para recoller aos nenos, salvo indicación contraria no protocolo específico do centro.
6. Responsabilidades sobre o servizo de comedor e o servizo de madruga
A obriga da entidade organizadora do servizo de comedor é garantir a adecuación das súas medidas organizativas ao establecido neste protocolo e que se cumpran as pautas sanitarias establecidas neste documento e na demais normativa vixente relacionada co COVID-19. Garantidos ambos os dous aspectos, aquela entidade será eximida de calquera responsabilidade sanitaria, agás que sexa ela a que incumpra as citadas medidas ou normas.