CONCESIÓN DE AXUDAS PARA A DISTRIBUCIÓN DE FROITAS FRESCAS NOS CENTROS ESCOLARES

Resolución do 29 de setembro de 2009 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan para o ano 2009.

Esta resolución establece na súa sección primeira o procedemento para a concesión na Comunidade Autónoma de Galicia das axudas para a distribución de froitas frescas aos alumnos de centros escolares, de conformidade co previsto no artigo 103 octies bis do Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, e no Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril; e na súa sección segunda a convocatoria das ditas axudas para o ano 2009.

Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios da axuda os alumnos que asistan regularmente aos centros escolares administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenzan aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria.

Solicitantes da axuda.

Os solicitantes da axuda serán os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2º que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

DOGA 5/10/2009

Resolución do 26 de outubro de 2009 pola que se amplía o prazo de presentación das solicitudes de autorización para os centros escolares como solicitantes da axuda para a distribución de froitas frescas ao alumnado.

Mediante Resolución do 29 de setembro de 2009 (DOG nº 195, do 5 de outubro), o director do Fondo Galego de Garantía Agraria regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e efectúa a convocatoria das devanditas axudas para o ano 2009.

Tendo en conta que este exercicio é o primeiro en que se inicia o programa de apoio á distribución de froita nos centros escolares e que a solicitude de autorización como solicitante da axuda coincide coa realización doutras tarefas propias do inicio do curso escolar, considérase preciso ampliar o prazo de solicitude de autorización para os centros escolares previsto no artigo 6.1º da resolución citada ata o día 11 de novembro, e o prazo para a autorización previsto no artigo 6.3º ata o día 30 de novembro do ano 2009.

En consecuencia, co fin de lles facilitar aos centros escolares a presentación das solicitudes de autorización como solicitantes da axuda para a distribución de froitas frescas ao alumnado, e de conformidade co establecido no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o director do Fondo Galego de Garantía Agraria, en virtude das compentencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Artigo único.-Ampliar ata o día 11 de novembro de 2009 o prazo de solicitude de autorización para os centros escolares, e ata o día 30 de novembro o prazo para a autorización como solicitante da axuda, previstos nos artigos 6.1º e 6.3º, respectivamente, da Resolución do 29 de setembro de 2009 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan para o ano 2009 (DOG nº 195, do 5 de outubro).

< Anterior